| Presencia-Opinión |
| Rusia, do inimigo confiable ó amigo precavido Por Sylvia Gómez Saborido (Tempos Novos, abril/2003) |
|
No verán de 2002, a costa do Mar Caspio acolleu os maiores exercicios militares que nunca antes tiveran lugar na zona. O gran despregamento (desembarco da infantería, lanzamento de misís, defensa de fronteiras e plataformas petroleiras, prácticas antiterroristas) foi escenificado por unhas forzas militares, as rusas, das que o mesmo presidente Putin ten confirmado o seu estado ruinoso. “Ó exército ruso témenno como aliado, non coma contrincante”, sintetiza un membro da Duma. Isto é realidade ata certo punto. A operación, pura pirotecnia, foi entón interpretada como unha advertencia a Irán, a outra potencia no reparto legal do Caspio. Probablemente non era esa a finalidade nin Irán o percibiu así, namentres ambos estados contemplaban a crecente influencia norteamericana na zona, apontoada na creación de numerosas bases militares nas ex repúblicas soviéticas a raíz da intervención postsetembrina en Afganistán. É aquí, coma un convidado non ribeireño ó Caspio, entra na poxa polos dereitos non legais, senón de feito, sobre a proveitosa rexión. As alianzas militares que EEUU tecera en torno á periferia occidental rusa a través do GUUAM colle entón corpo na presencia de tropas nunha área fundamental para Rusia, non só para atinxir mercados para o desenvolvemento da súa incipiente economía de capital, senón para a defensa do país. Efectivamente, o control do Cáucaso (entre os mares Caspio e Negro), é esencial para a Federación Rusa por consideracións moito máis importantes có expansionismo imperial, só alimentado nas ringleiras da Duma polo expansionismo americano. Mante-la influencia no Cáucaso significa aproveitar unha rota de persoas e mercadorías (gas, petróleo) chave no comercio e a relación con Europa, pero tamén nun senso norte-sur, con remate na India e o Indico. No que toca á seguridade constitúe a liña contra os avances de inimigos e/ou socios comerciais como son Turquía e Irán. O seu control é vital, finalmente, para evita-lo desmembramento da zona sur da Federación, aínda ameazada por movementos secesionistas de carácter étnico-relixioso. Non, non foi ben recibida a cercanía nortemericana en Rusia, por máis que Putin amosase en público outra faciana, a caracterizada pola actitude esmoleira da súa política exterior. Canto máis saturada está a zona dos investimentos do Banco Mundial, do FMI, de EEUU, tanto máis as riquezas e as lealdades da zona eluden o alcance e o beneficio económico de Moscova. Na incursión estadounidense en Afganistán caeu tamén (da banda norteamericana), Xeorxia, disociando todo o Cáucaso de Rusia a través da afluencia masiva de dólares e soldados. Participando activamente do “teña o seu propio Eixo do Mal”, Moscova argallaba unha intervención militar en Xeorxia, entraba en Daguestán e arrasaba en Chechenia, usando, coma o seu vello inimigo, resolucións da ONU nesta etapa das máis elásticas e choqueiras interpretacións que da lei internacional e o mantra antiterrorista fan estados que practican o terrorismo de estado. Semellaba que Moscova chegara a un punto de non retorno na súa aquiescencia para cos Estados Unidos, cativada no seu eixo e a brutalidade antiterrorista, ou máis ben que, sabendo a verdade (a presencia de EEUU tras varios dos grupos violentos de liberación), teña aproveitado o caos tralo 11-S para, torpemente, seguir perdendo. O apoio encuberto da CIA ós dous principais grupos rebeldes chechenos (por intermediación do ISI –Inter Servicios de Intelixencia- paquistaní) era e é ben coñecido polo Goberno e os militares rusos. En novembro de 1999, o ministro de Defensa, Igor Sergueyev, declaraba que “os intereses nacionais dos EEUU requiren que o conflicto militar no Caúcaso –en referencia a Chechenia- sexa unha fogueira alimentada pola acción de forzas externas”, idea que logo foi recollida na nova Doutrina de Seguridade Nacional en 2000. O documento describía “ameazas fundamentais” para a seguridade nacional e soberanía rusas. Aínda sen facer mención explícita das actividades encubertas da CIA en prol de grupos terroristas armados e da creación da yihad anti-rusa, o documento avoga pola adopción de mediadas axeitadas “para evitar e interceptar actividades subversivas e de intelixencia desenvolvidas por estados estranxeiros en contra da Federación Rusa”. Se, perante a presencia da OTAN ampliada (ou subsidiarias, GUUAM) nas súas fronteiras, engadímo-lo feito de que, hoxe coma onte, as cabezas nucleares estadounidenses apuntan a Rusia, e que, aínda que na visión occidental resulte xocoso, moitos cidadáns rusos temen un ataque da OTAN, a consunción dunha política exterior norteamericana moi agresiva cara á Federación só pode dar lugar a senllas doutrinas do “dereito á resposta nuclear”, e maila necesidade rusa de recompoñer e centralizar toda a súa industria militar. Actualmente, a industria de defensa occidental tense dividido en dous bloques moi claros, e a formación do segundo bloque, de natureza netamente europea, resposta directamente á extrema e urxente necesidade da formación dun contrapeso ó uso da hexemonía estadounidense. Se nos últimos tempos, Putin semellaba entregado a un discurso sobre os “valores humanos comúns”, trocando os intereses da Federación -dí a Duma- por un posto no G-8 e unhas contraprestacións menores, a agresión de Estados Unidos -máis Reino Unido e coaligados flotantes- contra Iraq ten destapado os movementos de un bando emerxente, un pouco desesperado, pero en ningún modo antinatura. Como di Fernando Montiel, Moscova é, nun senso político, o espello de como a Unión Europea non se quere ver: illada por conflictos internos, diminuída na esfera internacional e necesitada de pactar de tódolos xeitos posibles para amarrar garantías que non lle compliquen aínda máis a situación. A particularidade deste momento é que só hai dous actores febles, o núcleo europeo e Rusia, que nos últimos 12 anos teñen loitado por separado (obviando o misterio chinés) contra o eixo angloamericano na cuestión das sancións económicas contra Iraq. Algo que ten agradado moito ós estadounidenses. As dúas partes máis fortes, EEUU e Bruxelas, teñen xogado con Rusia (co seu beneplácito) un xogo netamente americano: á concesión pola UE do “rango de economía de mercado”, séguelle a cadeira encartable nunha estructura OTAN –o Consello OTAN-Rusia-; Bush téndelle a man a unha asociación estratéxica no mercado enerxético (unha pequena porción para os empresarios rusos do negocio do transporte do gas e petróleo perdido no Caspio), e asina un tratado de desarmamento nuclear, “pedra angular das novas relacións estratéxicas”, con Putin, suspendido arestora. “Non é o momento máis oportuno”, afirma o Exteriores ruso, Ivanov, perante as acusacións estadounidenses de ter fornecido o arsenal iraquí. ¿Nalgún momento deixou Rusia –ou os seus achegados- de pertencer ó “Eixo do Mal”? Os humillantes agasallos estadounidenses teñen acadado ata o de agora o que pretendían, que Rusia, no seu medo de enfrontarse a Occidente –EEUU-, teña enxugado as súas bágoas en silencio, namentres remoía na súa condición inmerecida de paria. A única posibilidade de deixar de chorar: abandoa-la intermediación de EEUU. Xusto como Francia e Alemaña. Que Francia, Alemaña e “Bruxelas” non conviden ó Reino Unido ó minicumio da Europa da Defensa non é máis cá constatación dunha realidade imposta: a defensa da UE desvencéllase da ponte transatlántica angloestadounidense (as cinco grandes USA –Lockheed Martín, Raytheon, General Dinamics, Boeing e Northrop Grumman- mailo xigante do armamento británico, BAES) que debería leva-la globalización militar americana a Europa. En troques diso, a francesa Aeroespace MATRA fusiónase coa DASA (da xermana Daimler) en 1999, dando lugar ó maior conglomerado de defensa europeo. MATRA, DASA, e a española Construcciones Aeronáuticas S.A integran a EADS (Europen Aeronautic Defence and Space co.) o ano seguinte, competindo cos angloestadounidenses na subministración de armamento ós novos socios da OTAN de Europa do Leste. Namentres, a alianza xermano-gala ábrelle as portas a Alemaña ó programa de armamento nuclear –primeira ruptura dun tabú-, e incrementa a cooperación militar con Moscova a través dos acordos bilaterias asinados en 1998: producción de defensa e investigación aeroespacial. Os acordos Francia-Rusia 1998 e Alemaña-Rusia 2000 son asinados fóra do marco OTAN –da consulta con EEUU- e certifican un novo escenario militar de amplo espectro. Moi amplo: Rusia asina un acordo de cooperación militar con India en 1998; India asina un acordo de defensa con Francia en 1999; a defensa paquistaní compete a EEUU. Polo momento este é un bloque, outro hexemón é posible, reactivo e de futuro, que se consolidará na medida en que a política exterior norteamericana siga brutalizándose na militarización e a conquista. Para Francia e Alemaña as vantaxes son evidentes: permítelles contrarresta-la “nova Europa” que mira cara EEUU, moi especialmente os estados díscolos de Europa do Leste. Quen abre a veda para a campaña anti-francesa ou anti-rusa á que asistiremos nos vindeiros meses apóiase nos intereses económicos destes países en Iraq, esquecendo que os contratos asinados co goberno de Sadam o foron seguindo a sacrosanta vía da negociación empresarial internacional, aquela que “leva a democracia ós pobos” no máis estricto postulado neoliberal: o da OMC, o do G-8, o de EEUU, o da UE, o da ONU. Putin é tamén un neoliberal. A Duma pídelle independencia, os empresarios máis UE. Unha transformación dun dereito de veto semipasivo á normalidade do inserimento internacional: máis actividade. Pero hai algo aínda máis importante: Rusia quere que a queiran. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/03/2003 |