| Presencia-Opinión |
| Reino Unido, as eleccións e as arterias da guerra Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 13/05/2003) |
|
Aínda dependendo de a que escola política pertenza un, a participación nas eleccións locais, máis Parlamento de Escocia máis Asemblea galesa, do 1º de maio, pode ser considerada “boa” para os modernos estándares que manexa a Illa. A mobilización en torno á guerra de Iraq captou novos electores, que só co seu desencanto co New Labour quedarían na casa. Unha participación “boa” no Reino Unido, sobre todo en municipais e rexionais, xira non obstante en torno ó 35%. Ninguén se sorprendería se fose máis baixa, pero si se atinxise o 43%, a máis alta taxa de participación en locais, acadada nos anos 70. Quedou no 37%. Estaban en xogo 340 municipios e máis de 10.000 concelleiros este 1º de maio, apagado como Día dos Traballadores durante os mandatos de M. Thatcher. Os conservadores obtiveron o 35% dos votos, 4.423 concellerías, malia ter un líder tan pouco definido, definitivo, que un dos seus homes fortes pediu a súa demisión tralos comicios. Aínda rancio, ¿canto tardará en acada-la fórmula do “Novo Conservadorismo”? No 30% do voto popular quedaron, tecnicamente empatados, os laboristas e os liberais. Perden os primeiros 800 concellerías, retendo 3.001; gañan os segundos –dos laboristas- 200 concellerías totalizando 2.624 destas. Eufórico o seu líder. Os resultados foron analizados polos medios nunha conclusión case unánime: resultado non bo, pero non desastroso. Para o P. Laborista, para o Goberno. Coas miras xa postas nas eleccións xerais de 2005, avanzan que o New Labour pode respirar tranquilo, porque os conservadores acadan un resultado case idéntico ó de hai dous anos (a dereita que non se move), e necesitan, polo baixo, un 42% para gañar unhas eleccións xerais. É o alivio da confianza na continuidade dos presupostos básicos do sistema de partidos británico que, a pouco que abran os ollos, muda significativamente nalgunha das súas compoñentes. A primeira é, por suposto, o duopolio do bipartidismo tradicional (outrora conservadores/liberais; máis modernamente, laboristas/conservadores). Un presuposto aferrado sempre ó sistema electoral: maioritario de maioría simple. A política electoral, ó estar constrinxida por un modelo bipartidista, ten constituído un definitivo mecanismo de control para lle pecha-lo camiño, non só a outras formacións políticas, senón á posibilidade de introducir outras axendas políticas (que conflictos se organizan –se ofertan- dentro da política dun país; cales se quedan fóra). Exemplo, o ocaso do P. Liberal, hoxe Liberal-Demócrata, debeuse a que non logrou seguir dominando a axenda política, perdendo o apoio popular,que xulgou intranscendentes as súas propostas, en prol do P. Laborista. Cousas dos tempos, os laboristas foron unha escisión á esquerda dos liberais, pero o Novo Laborismo ten acadado rexurdilos como opción á esquerda a través do cuestionamento (“ir a unha guerra sen Nacións Unidas”, “supresión da educación superior gratuíta”, “máis pobres que coa Thatcher”, “venda do sistema estatal de saúde”) de políticas que saen adiante no Parlamento só co concurso dos conservadores, e que lles ten reportado un meritorio terceiro posto ós liberais, que buscan o centro como o que máis. Dende o exterior consérvase a ilusión de que o Parlamento británico goza dunha saúde admirable, envexable entre as democracias que pululan polo mundo pero, por moi vivos que sexan os debates parlamentarios, a súa incidencia na realidade é pequena. O sistema electoral, chamado “first past the post” –gaña en cada circunscripción o que obtén máis votos e os demais quédanse sen nada- favorece a constitución de maiorías absolutas (como a que disfruta, cun 25% do apoio do censo, Tony Blair), gobernos fortes. Un xeito de dictadura electiva que, se un se aferra á imaxe “mansos na política, brutais na guerra”, evoluciona axeitadamente. Así as cousas, os debates parlamentarios non revisten maior importancia se non hai unha revolta no equipo de goberno. Pero isto é precisamente o que está a ocorrer dende hai dous meses; tamén pasadas as eleccións. Blair levou adiante o permiso parlamentario para atacar Iraq o pasado marzo cos votos dos conservadores e o voto en contra de preto de cen deputados do laborismo, provocando unha escorrentada saída en estampida do goberno: o ministro de Relacións Parlamentarias, ex Exteriores, Robin Cook; o subsecretario de Interior, o viceministro de Saúde e máis sete altos cargos. Queda na memoria os laboristas –os novos laboristas- necesitan ós conservadores para gobernar. A oposición son entón, os “outros” laboristas, agrupados á esquerda no “Campaign Group”, os liberais e os nacionalistas. A popularidade de Anthony Blair recupera puntos porcentuais, a oposición á guerra pérdeos, pero nos asuntos estructurais (a eternamente postergada reforma, agora privatización, do Servicio Público de Saúde), Blair só gaña cos conservadores. O goberno está dividido, pero aínda non está baleira a cadeira. Insístese en que Blair gañou a batalla –o “efecto Iraq”- pola súa insistencia, moral ou ética, segundo as escolas. Pero O New Labour vendeu a guerra legal, a da ONU coa famosa Segunda Resolución, dun xeito demasiado teimudo, case desesperado. Lembrase agora que foi canto Washington suxeriu que Gran Bretaña podería ver reducido o seu papel na guerra ou “non tomar parte en absoluto”, cando Blair, moi pálido, declarou que estaba disposto a ir á guerra xunto a EEUU sen unha resolución da ONU. Con estas, a “relación especial” é vista por moitos británicos (e “peor” aínda, polo resto do mundo) como a certeza do colapso da Gran Bretaña como potencia independente, envolta sen vontade na dependencia e o servilismo ós estadounidenses. A ocupación ilegal que culmina o proceso non remata as fugas do Goberno, que sufre agora un novo golpe na demisión da ministra Claire Short, ansioliticamente anunciada e posposta, cunha carta contra a ilexitimidade do novo goberno que lles demos ós iraquís. Por iso, Short pide a demisión de Blair. Queda rachada outra premisa. A que di que os deputados, que gozan teoricamente da liberdade de voto, plegánse submisos á vixilancia dos xefes de grupo –os Whips, látegos- e que a carreira é morta, unha vez expresada –votada- a disidencia. Esnaquizada tamén a axenda política. Cando á metrópole, “o río da cal chegaban tódalas arterias do colonialismo”, non é tal, a reorganización convértese nunha palabra chave, o Estado do Benestar racionalizase para ser eficaz; respecto ós asuntos exteriores, quedan fóra da axenda, ó non ser xa competencia, directa, do país. A entrada na Comunidade Económica Europea marcou o abandono do papel de potencia global; ¿con quen están o 70% dos británicos que se opuña á guerra contra Iraq? ¿con quen o 70% que rexeita o euro? |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/05/2003 |