| Presencia-Opinión |
| Que olor / Goma queimándose Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 01/04/2003) |
|
Petróleo refresca a súa boca. A xente do común concorda co poeta (Allen Ginsberg, A Caída de América), e viceversa. Unha voz que se está a converter en clamor, execra de alleamento nos bares, nos transportes públicos, nas escolas; faise marea nas rúas e tamén se ve reflictida nas porcentaxes das enquisas coa mesma contundencia. Somos moitos, case todos, dirán, os que queremos perder esta guerra, porque só queremos gaña-la paz. Nos partes propagandísticos caseiros, a ministra de Exteriores entoa a ladaíña dos gaños guerreiros: uns céntimos; o presidente da Xunta de Galicia babexa por estarmos, di, na punta de lanza; Aznar, coma un irracional de caíños aguzados besbellándolle a Bush “e para min os ósos”, ósos de carne fresca para lle engadir ó Perejil, gracias Mr Powell. Pero o ballón humano que comenta e se arrepía coas novas da guerra, non escacha co riso perante declaracións semellantes; non son só monicreques, non son só hipócritas ou tolos. A xente moi seriamente, decátase ó fin de que son fascistas. A xente sabe que nesta guerra, máis unha vez, invócase ó MAL. ¡Que sorte que exista o mal! E que, no nome de Deus, Bush e os outros ladróns amigos masacran xentes da cor do petróleo, os famentos, e desposuídos da terra, iraquís que pisan cos pés espidos na tona de area que agocha os chapapotes. Son sedentos que non beben dos chafarises do petróleo nin se alimentan de mísiles. Vanos liberar, din os guerreiros, e agasallalos cos democracia. Aznar di “estamos aliados cos mellores demócratas do mundo”. O réxime da maioría dos Estados modernos é un amplo abano de seudodemocracia (senón chámanlles réximes), Estado e Capital (senón, son comunistas). A Democracia segue a se-lo mellor réxime político para a clase dominante: unhas migallas para case todos, un pouco de pan, un pouco de liberdade. A democracia, a cara amable do poder, tórnase violenta ciclicamente ou cando a cousa se pon fea, recorrendo ó fascismo. Cando o Imperio invoca o perigo ou o mal, sabemos pola Historia que esa perigosidade non vén de fóra, senón de dentro. Vén dos trastornos ocasionados pola súa enfermidade. O Capitalismo é o enfermo con pinta de monstro que se devora a si mesmo se non come humanos. A man que derruba torres xemelgas é, en último termo, a súa propia gadoupa (ou, probablemente, en primeiro termo). A primeira Grande guerra fora, á vez, o producto e a primeira manifestación pública mundial das dificultades internas dos gobernos democráticos. O fogo cruzado non era alleo, senón todo o contrario, á recomposición das parcelas da terra. Na segunda guerra mundial, a economía e a xeopolítica cumpriron o mesmo papel. Mais nesta agresión imperialista de hoxe sobre o Iraq, aínda que sendo o mesmo, algo mudou.E mudou da peor das maneiras. Cando se esgota o modelo de acumulación posbélica, outra andaina guerreira é precisa. Isto tanto para as potencias occidentais, coma para os EEUU, sobre todo. Por outra banda, a hexemonía de tipo seudoinformal destes, tense formalizado aceleradamente dende a primeira incursión no escenario mundial. Os EEUU xa non queren comparti-lo poder cos grandes capitais transnacionais, nin cos demáis países centrais, aínda que estes estean nunha posición moi subordinada. As grandes compañías multinacionais, a industria enerxética, a industria pesada, a armamentística, son as únicas capaces de realimenta-lo capitalismo. A única potencia mundial teno tan claro que, arestora, gran industria e Estado retroalimentanse de tal xeito que non son corpos distintos. A hexemonía chegou, xa que logo, ata as últimas consecuencias. A nova orde económica internacional, cuestionada nos últimos tempos polo movemento antiglobalización, que rexeita o afondamento das desigualdades (o 20% da poboación en Latinoamérica, p.ex., disfruta do 80% dos recursos); en África non hai nin porcentaxes pero si datos: un novo cambio de amos, cada vez menos anglos ou franceses, cada vez máis os grandes amos. En Europa, ¿que pasa?. A UE, primeiro cliente do sur, ¿seguirá a selo? A nova orde política xa se armou co brazo legal internacional para a guerra, a ONU. Os EEUU desprezaron e violaron Tratados e Tribunais; mesmo Convencións sobre os Dereitos do Neno –segundo a OIT, 200 millóns de nenos traballan, dos cales 75 millóns en réxime de escravitude-. Tomando as nosas rúas, os cidadáns contan (non todos, é certo) con algunhas conquistas gañadas con suor e loita: dereitos políticos, sindicais, estado do benestar vido a menos, dereitos humanos en xeral. Democracia. Esa exhibición de democracia é a que se torna moi, moi fastidiosa, para os Estados. É moi avultada e moi clara; chega a albisca-lo seu poder e, ó fin e ó tempo, entender que eles mesmos son os inimigos do poder dos seus gobernantes. E máis, que os están ollando e apuntando (“a xente de esquerdas non é de fiar”, Álvarez Cascos, ministro de Fomento). Así acontece cando os autodenominados demócratas ven a cousa fea. Os gobernos átanlles as mans ás costas ós cidadáns para poder baleirarlles máis doadamente os petos. En 1994 foron asasinados 500 sindicalistas no mundo, segundo a CIOSL, principal central internacional. Pero, aínda co estómago mareado pola necesidade, hai outra parte do corpo que tamén sofre a violencia dos gobernos enfurecidos. Porque as armas apuntan ás sens, ou o que é o mesmo, ó pensamento. Mais o cerebro é o último en morrer e podería dá-la orde de non querer axeonlla-lo corpo, abaixa-la testa. Como os mísiles conducidos por láser no bombardamento do Iraq, os Estados do Imperio dirixen armas ós puntos sensibles da sociedade: as escolas, os medos dos cidadáns, as súas economías. E fano mentres invocan á ideoloxía: o Mal que vén de fóra. Pero xa é tarde: os cidadáns están asustados polos seus gobernos. Se, ademais, as armas que estes empregan están enzoufadas de covardías e mentiras, é dicir, non son armas intelixentes senón brutais, feren aínda máis; as feridas podrecen, o fedor que desprenden é insoportable. De aí vén que a dor e o horror no Iraq se faga máis de noso. O NON NO NOSO NOME é unha reacción de limpeza, de desmarcarse dos feridores. E é unha ameaza para os gobernos: deslexitimaos porque son ilexítimos. Acontece nas fronteiras do Iraq: hai movementos de entrada dende o exterior ó interior, de Aman a Bagdad. Aquí, os que estaban exiliados dos seus concidadáns únense a eles para resistiren. O fascismo é o que agarda se non se para. É o artífice do ataque ilegal e inmoral ós iraquís, do que hai detrás e, peor aínda, do que virá por diante. A forza do fascismo e do imperialismo reside, en gran parte, na súa centralización a ultranza: non existe o particularismo, a autodeterminación nin o pensamento individual. Só o comigo ou contra min, o pensamento único. Os que temen ós cidadáns son fortes no seu terreo (a represión), os que din NON Á GUERRA son fortes no seu (a liberdade). Senten os verdadeiros demócratas que a rebeldía do espírito constitúe a honra da humanidade, a súa máis alta conquista, como dicía Bakunin. O Imperialismo e os seus Estados subordinados, soben cada día dous ou tres banzos dunha escaleira terrorífica que, esta vez si, todo o mundo sabe a onde vai conducirnos. O caos, como resposta, sería cortarlles a escalada. O caos para os agresores. O mundo ó revés sería moito máis ordenado. As xentes que manifestan o seu NON rotundo á guerra en todo o mundo, saben tan ben como outro poeta cívico, José Martí, que a liberdade custa moi cara, e é preciso ou resignarse a vivir sen ela ou decidirse a mercala polo seu prezo. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2003
|