Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Os ollos grenlandeses do escudo antimísiles
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 17/06/2003)
 
 

Os primeiros habitantes de Grenlandia chegaron alí hai máis de 3000 anos, pero hai mil arribaron os avós da actual etnia esquimó, os homes de Thule, así chamados por térense instalado nesta rexión da illa. O berce dos grenlandeses ten hoxe sona por un motivo moi distinto: se-la base europea, xunto a Fylingdales no Reino Unido, esencial para a posta en marcha do escudo antimísiles –NMD- dos Estados Unidos, proxectada xa para 2004 ou 2005. Ocorre que a liña dun eventual mísil disparado por un inimigo real ou imaxinario dos EEUU pasaría polo ártico.

Durante 50 anos, os rádares da base estadounidense de Thule foron os ollos de Washington na cima de Europa gracias ó acordo asinado con Dinamarca, poder colonial que controla a política exterior e a defensa da autónoma Grenlandia, unha sorte de Estado asociado situado a 4000 km., máis un abismo cultural, de Dinamarca.

Ano tras ano, o Estado danés ocupa a letra pequena dos informes sobre discriminación étnica das comisións de Dereitos Humanos, baseándose sobre todo, no desaloxo de 27 familias inuit –a comunidade esquimó aborixe- das cercanías de Thule en 1953 para lle despexa-lo espacio á base militar estadounidense. En Groenlandia quedan arestora á penas 35 mil individuos de étnia aborixe e mestizos; xunto a eles viven preto de 1000 daneses e outros grenlandeses de orixe danesa que dominan o espacio social, político e cultural ó tempo que se acelera a perda da identidade nacional esquimó, cuns dereitos recoñecidos estremadamente restrinxidos. Como ocorre no caso doutras comunidades aborixes (a australiana, os indios norteamericanos), os inuit son lentamente esquilmados nun proceso que pecha as sucesivas xeracións no marxinal.

Dende a consecución da autonomía en 1979 os grenlandeses veñen experimentando unha onda nacionalista crecente que a cesión danesa do seu territorio para o escudo antimísiles ten inflamado cara o desexo dunha independencia total. O razoamento é básico; evitar ós americanos é un preludio para evitar ós daneses.

Hai catro meses, produciuse un repentino cambio de Goberno en Grenlandia. O executivo de esquerdas, que só logrou manterse no poder durante un mes e medio, entrou en crise, polo que os socialdemócratas do Siumut retornaron ó poder buscando a coalición cos conservadores do Attasut, e afastando ó Inuit Ataqatigiit. O efémero goberno no que o Inuit Ataqatigiit, esquerda independentista, tivo un peso importante, mantivera unha clara política arredista e anti-base de Thule que provocou que a Administración Bush se “queixase” deles ó Goberno central danés. Grenlandia percibe 400 millóns de subvencións anuais de Dinamarca absolutamente vitais, e aínda que o actual primeiro ministro de Dinamarca non se opón ós plans independentistas aclara que, neste caso, cancelaría todos eses pagamentos.

Co escudo antimísiles para un pouco o mesmo. O influente editor do xornal Sermitsiaq afirma que o futuro da base de Thule, “con ou sen escudo”, depende do que os americanos estean dispostos a dar a cambio, nunha afirmación que desborda o simplemente monetario: “os americanos deberían ser máis amigables con esta sociedade”. A comunidade esquimó, ninguneada por daneses e estadounidenses, arríscase en ser estranxeira na súa propia terra, pero non hai dúbida de que o debate sobre o NMD está axudando a atopa-la voz política a quen carecía dela.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003
Fernando Pol