| Presencia-Opinión |
| O negocio do asilo Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 24/06/2003) |
|
Sabemos xa que foi rexeitada, sen provocar escandaleira nin a proposta nin a comparación empregada por Alemaña e Suecia para desbotala: campos de concentración. No Cumio da UE en Salónica o Reino Unido presentou un proxecto para o establecemento de centros de procesamento de solicitantes de asilo nas fronteiras exteriores da Unión, ademais da creación de zonas de protección –máis campamentos de solicitantes de asilo– en rexións en conflicto como o Corno de África, Iraq, Irán ou Afganistán a semellanza dos que xa existen en Kenia ou Paquistán. Nin unha nin outra proposta son xa proxectos, senón realidade. Este é o caso do campo de solicitantes de asilo de Trstenic en Croacia, que vén de destapa-lo semanario británico The Observer. Unhas instalacións, pagadas con fondos da Comisión Europea, construídas en segredo –sen consulta ou notificación ó Parlamento, sen contrata aberta, sen negociacións públicas co Goberno croata– polo Goberno británico. O campo de Trstenik, preto de Zagreb, poderá albergar preto de 800 persoas, solicitantes de asilo dos Balcáns ou o leste de Europa interceptados nos portos e aeroportos do Reino Unido, que poderá envialos alí namentres dura o seu “procesamento” legal. A ministra de Interior, Beverly Hughes, anunciaba a principios deste mes que o primeiro centro de asilo non-UE podería pórse en marcha “cara finais de ano”, pero Trstenik, instalación militar en desuso, está a piques de ser rematado para a súa nova función, rodeado por unha chea de materias de construcción para, afirma un policía local, “o negocio do asilo”. Confirmado xa o destino das instalacións pola delegación da Comisión Europea en Croacia, o enfado do Goberno croata polo secretismo do novo papel do cuartel mutou en silencio afirmativo tralas declaracións de Chris Patten, comisario de Exteriores da CE, que convidou ós Balcáns occidentais a adherirénse ó clube comunitario. É dicir, tras un substancial aumento dos fondos da UE para os países ex iugoslavos, que converteu a inicial sorpresa e rabecha croata co Reino Unido nunha proveitosa mascarada. Os Quince e maila ACNUR negaron en Salónica a compatibilidade dos campamentos para asilados coa Convención de Xenebra de 1951, rexime legal de protección internacional dos perseguidos, polo que o RU desenvolverá o proxecto con Holanda, Dinamarca e Austria a través de cooperacións multilaterias; isto é, sen o logo oficial da CE. En canto ó dereito ó asilo, hoxe sabemos que lle queda o tempo que se tarde en seguir “liberando” e “levando a democracia” ata o último recuncho do mundo. En Salónica, a Unión Europea adhírese ó ataque preventivo estadounidense para tratar coas ameazas mundias; serán ambos “en pe de igualdade”, di a UE, a loitar contra os famentos. Ó mesmo tempo que se coñecía a existencia do campo de Trstenik, os dous principais xornais albaneses, o Shequelli e o Corriere, desvelaban que as autoridades británicas pretendían puí-los campos abertos durante a crise humanitaria que seguiu ós bambardeamentos da OTAN sobre Iugoslavia en 1999 para acondicionalos como campamentos dos novos refuxiados rexeitados na Gran Bretaña. Segundo a diplomacia británica, a apertura dun campo nas fronteiras albanesas con Cosova, preto de Kukes, forma parte da listaxe de posibles localizacións para este “esquema piloto”, pero aínda non existen “discusións oficiais” co Goberno albanés. E é que o negocio do asilo, a construcción das instalacións, emprega procedementos semellantes ó negocio da reconstrucción: licitacións pechadas. Con estas premisas, o Cumio de Salónica ábrelles as portas comerciais dos acordos de Asociación, pre-adhesión, a Croacia, Albania, Bosnia-Herzegovina, Macedonia e Serbia-Montenegro, pasando por alto que deles, só Croacia pediu negociacións de ingreso na UE. Ó mesmo tempo, a Europa rica ergue muros novos para parar e amontoa-los seus cidadáns na fronteira da condición atribuída, aquela que máis di acerca dos que a outorgan: “aquí non queremos xente coma vós”. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2003 |