| Presencia-Opinión |
| O desencanto laborista no Reino Unido Por Sylvia Gómez Saborido (Ómnibus, maio/2003) |
|
O mapa municipal que sae das eleccións do 1º de maio é bastante máis conservador, significativamente máis liberal e moito menos laborista que o de hai catro anos. A percepción é que nas municipais hai moito absentismo e que a xente vota por cuestións moi concretas, ás que se adoita denominar locais: impostos, transportes, servicios públicos en xeral. Tamén por fidelidades máis ou menos entrañables: tradicionalmente, na Gran Bretaña, o P. Laborista obtén mellores resultados nas circunscricións industriais e o Conservador nas zonas rurais e turísticas. A maior cidade en disputa foi Birmingham, e o laborismo perdeu alí tras case 20 anos de hexemonía. Birmingham é unha cidade cunha importante porcentaxe de habitantes asiáticos e musulmáns. O laborismo perde nestas eleccións gran parte dos 2 millóns de británicos pertencentes a estas comunidades, e perde tamén ós mozos, que, nunha cifra semellante participaron nas mobilizacións contra a guerra dos pasados meses. Moitos quedaron agora na casa, pero xunto ás cuestións concretas, as absolutas tamén estiveron presentes no voto. O P. Laborista perdeu así mesmo a maioría en Brighton, cidade turística pero libertaria que nunca achou bo acomodo entre os conservadores. Se a variable veciñanza e feudos perde importancia, outra lei di que cando se trata de baixar impostos ou enche-las rúas de policías, a opción conservadora é moito máis congruente. Gañan o 45% das concellerías, 110 alcaldías, fronte a 66 dos laboristas e 28 dos liberais, e a chave dos pactos nunha boa parte das 123 alcaldías en disputa. É o partido Liberal-Demócrta, nembargantes, o que maior proveito directo tira do desencanto laborista, manifestándose antiguerra e en prol das políticas do Vello Laborismo, malia que o seu líder, Charles Kennedy, teña evitado critica-la invasión de Iraq unha vez tivo comezo. En Escocia a participación caeu seis puntos e quedou preto do 50%, 38% en Gales, ámbalas dúas por riba de Inglaterra. Votaban tamén a composición do Parlamento escocés e a Asemblea galesa. Unha vez, a creación de ambos gobernos autónomos foi soño nacional. Só hai catro anos. Na GB os nacionalismos escocés e galés non se converteron nunha forza política significativa ata os anos 60-70, pero iso non significa que anteriormente os cidadáns se comportasen, electoralmente, como británicos ingleses. Esta cultura política distintiva é moi clara no que se refire ó pico anticonservador situado no Gales celta e a Escocia celta, e aínda nas últimas eleccións xerais, os conservadores non deron gañada unha soa circunscrición fóra de Inglaterra. Por riba das porcentaxes –perden votos e escanos-, os partidos nacionalistas tradicionais pagan, como o Laborista, a deriva conservadora –tamén no senso de “conservar”, non ir máis alá- á que decidiron adapta-las súas reclamacións trala transferencia da autonomía iniciada en 1999. Ambos casos, Escocia e Gales, obedecen a distintas circunstancias, pero a unha mesma conxuntura política. En Escocia, os nacionalistas atópanse, con 8 escanos menos, na maior crise representativa dende hai décadas. Na oposición durante os últimos catro anos, o Partido Nacionalista Escocés ten tratado de moderniza-lo seu discurso para gañar apoios do mundo dos negocios e mesmo da prensa, vendo como, nesta ocasión, a bandeira da esquerda e do independentismo foi recollida polo Partido Socialista Escocés, unificación de varios grupos troskistas e laboristas de esquerda, que medran na Gran Bretaña como partidos “de culto” e mobilización. Contrariamente ó que se lle supón á matriz histórica, o PSE fala sen ambaxes de independencia. Xunto a eles, son os Verdes a forza que máis sobe, acadando un resultado inédito na política británica (7 escanos no Parlamento escocés e triplican o número de concelleiros en Inglaterra). Abofé que, no que toca á Cámara escocesa, o enorme crecemento dos representantes anticapitalistas e ecoloxistas, ten moito que ver coa particularidade, propia e única do sistema proporcional, e así o amosa a representación que obtén, gracias ó pulo das mobilizacións populares, a coordinadora da campaña contra o hospital de Stobhill, Jean Turner. Pero onde non rexe o proporcional, senón a maioría simple, outro pequeno partido, a Alianza Socialista consegue, por vez primeira, un concello (Preston, Lancashire) e representantes noutros tres máis. Un enganoso resultado conforta ó P. Laborista, que gaña bancadas na Asemblea de Gales e pode gobernar en solitario. Marcando distancias dos programas e as políticas de Downing Street, o Laborismo Galés presentouse co programa do Vello Laborismo, evitando o desgaste do goberno central e a estratexia do Plaid Cymru, que se presentaba á esquerda do laborismo mentres os laboristas de Gales facían o mesmo. Perden así os nacionalistas 5 escanos e tres enclaves: Ronda, Islwyn e Llanelli. Algunhas persoas temen que, se os escoceses e, en menor medida, os galeses, “obrigan” a que se pense a cuestión inglesa (Inglaterra está representada unicamente no Parlamento británico), a Inglaterra que sairía de aí sería un lugar desagradable, salvase e feramente pechado. Unha Inglaterra que miraría ó redor con ira, como fai o Partido Nacional Británico, que pide o poder para os brancos e a expulsión dos inmigrantes e asilados. O desencanto co Novo Laborismo ten ademais a faciana torva dos neonazis, que tamén fan as súas propias mobilizacións (disturbios masivos en Odham, verán de 2001). Naqueles lugares onde se presentou, o PNB atinxiu un promedio de voto do 13,7%. Nun país onde a policía é racista (informe McPherson, publicado en 1999 por encargo do Goberno), os diarios de menos dunha libra son racistas, e moitos reputados conservadores veneran a figura de Pinochet, a explosión de grupos fascistas non é ningunha sorpresa. Aplaudidos en segredo ou publicamente porque iso son cousas do estranxeiro –overseas-, maiormente da Europa continental, pero activos dende hai décadas, os sucesivos gobernos conservadores e laboristas fixeron ollos pechados fronte a súa existencia. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/05/2003 |