Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Iraq: xeografía política do conflicto
Por Sylvia Gómez Saborido (Tempos Novos, marzo/2003)
 
 

“A miúdo dise que a xeografía non cambia. Pero a verdade é que a xeografía cambia ó ritmo das ideas e da tecnoloxía; o que quere dicir que o significado das condicións xeográficas cambia”. Este argumento simplista dun dos pais da xeopolítica é o que, da man dos grupos de presión promilitares e neoconservadores norteamericanos, ten dado folgos a un renacemento desta ciencia dende os últimos anos 90. Un tipo de visión que fala de “imperativos xeopolíticos” e considera que a xeografía é o “factor permanente” en torno ó que debe xirar todo o pensamento estratéxico. Explicitando que a xeopolítica é a ciencia militar do Imperio, podemos explicarnos tamén a súa revitalización.

As intervencións militares dos Estados Unidos en Oriente Medio comezaron a acadar un alto nivel a partir de 1979. Tres circunstancias concorren nese ano: a invasión soviética de Afganistán, a caída do Sha de Persia polo Ayatola Khomeini, e a revolta dos militares islamistas na Meca. Jimmy Carter, entón presidente dos EEUU, sinalou o código xeopolítico para Oriente Medio: “calquera tentativa dun poder hostil encamiñado a obte-lo control sobre o Golfo Pérsico será considerado un ataque contra os intereses vitais dos EEUU e, polo tanto, repelido por tódolos medios precisos, incluída a acción militar”. A teoría viuse respaldada pola constitución da Forza de Despliegue Rápido –FDR- para servir ó Pentágono nas operacións militares en Oriente Medio, que, xa con Reagan, converteuse no Comando Central dos EEUU –Uscentcom-, un dos cinco comandos militares rexionais que conforman a súa proxección militar global. Reagan tamén fixo a súa aportación teórica á doctrina sobre Oriente Medio: “Estados Unidos non permitirá que o rexime saudí sexa derrocado por disidentes internos coma ocorreu en Irán”, dicía en 1983.

A invasión iraquí de Kuwait en 1990, que coincidiu en gran medida co cambio na correlación das forzas mundiais, permitiulle ós EEUU abranguer ós países do Consello de Cooperación do Golfo (CCG: Bahrain, Kuwait, Omán, Emiratos árabes, Arabia Saudí e Qatar) no manto dun acordo de coordenación política, económica, social e militar. O principal resultado foi o incremento da presencia militar estadounidense nestes países que, baixo o argumento da defensa contra Iraq e Irán, acollen hoxe a maior forza militar estadounidense fora das súas fronteiras. Este esquema militar ten servido como estructura permanente para as constantes operacións de vixiancia e accións bélicas contra territorio iraquí, financiadas en boa medida polos propios países do CCG.

O gran dilapido en armamento e o crecente rexeitamento popular á permanencia crecente das tropas americanas, teñen propiciado o incremento da oposición interna ás petromonarquías, especialmente en Arabia Saudí, punto de apoio máis importante para os militares norteamericanos na rexión. Por ista e outras razóns, EEUU apunta agora a Qatar como alternativa parcial para as forzas instaladas en Arabia Saudita. Aínda que a escusa do afortalamento militar en Qatar foi a actual mobilización militar contra Iraq, o Departamento de Defensa ten recoñecido que “non están dirixidas cara ningún país en particular, senón que son parte de todo un sistema para toda a rexión” (U.S Air Bases Forge Double-Edged Sword, William M. Arkin).


Xeopolítica do caos

A administración Bush parece determinada a face-la guerra con Iraq e eliminar a Saddam dende a súa toma de posesión (así o di a conselleira de Seguridade na súa primeira entrevista ós medios). Non polas armas de Saddam, senón polas propias, EEUU pretende abri-la vía a unha ampla remodelación do conxunto de Oriente Medio que conxugaría á vez o control dos subministros e o prezo do petróleo –baixo- como instrumento para consolida-la súa hexemonía política, económica e militar.

Previo esnaquizamento do ordenamento legal internacional, as teorías dos vellos tempos están sendo actualizadas polo vicepresidente Cheney e o secretario de Defensa Rumsfeld, asesorados no xeopolítico-militar por un grupo que adquire: Wolfowizt, Faiht e Perl. Segundo o diario israelí Yediot Aharanot, Perl tería solicitado ó Instituto Rand –tradicional asesor das administracións estadounidenses- un estudio sobre a estratexia estadounidense para Oriente Medio “cara unha intervención en Iraq”. O estudio concluía que “(...) a intervención militar contra Iraq é un obxectivo táctico; Arabia Saudita, un obxectivo estratéxico, e Exipto, a gran presa (...)”.

A intervención contra Iraq non só anuncia un cambio de rexime político en Bagdad, senón un cambio na funcionalidade estratéxica rexional deste país, detonando novas remodelacións fronteirizas e cambios de roles no papel doutros estados, moi particularmente, apunta o informe, Arabia Saudí. O informe trata de pór en evidencia que a ameaza que afronta a cultura dos Estados Unidos –o terrorismo internacional- xorde e se asenta nos sistemas educativos, sociais e políticos actuais de “países coma Exipto, Arabia Saudita e Iraq”. Cómpre lembrar que, a diferencia do que ocorre no resto do globo, a presencia estadounidense no mundo árabe ten sido, ata o de agora, material e non cultural. En Iraq, pensa o escritor Tariq Ali, EEUU quere amosar “unha combinación de ambos para, dende alí, gañar ó resto”. A cubri-la “carencia de afecto” cara ó americano, motivada principalmente por unha razón de vencellamento sociocultural contra a inxustiza -o repugnante apoio de EEUU ás políticas criminais de Israel-, viría destinada a Iniciativa de Partenariado entre os EEUU e Oriente Medio, presentada por Colin Powell en Qatar para tódolos aliados do CCG namentres prepara co seu apoio, preferentemente, a invasión militar en Iraq. O programa, dotado con 29 millóns de dólares, buscaría unha maior influencia cultural a través de tres eixos fundamentais: ensino, fortalecemento da sociedade civil (“democratización”) e reformas económicas (apertura de mercados).

Segundo os asesores da Casa Branca, o sistema político imposto en Arabia Saudita resultou ser contraproducente para os interese americanos, pois a fin de asegura-lo control político interno ó neutraliza-los proxectos árabes, o rexime saudita ten sido o instigador dunha ideoloxía islamista extremadamente reaccionaria que, gracias ós diñeiros do petróleo, se ten estendido nas últimas décadas noutros estados de maioría musulmana. Tralo 11-S, Estados Unidos teme que os días da dinastía proestadounidense dos Saud estean contados, e busca reduci-la súa dependencia deste país, establecendo formalmente o control sobre a principal fonte alternativa de petróleo, Iraq, e convertendo este país no subministrador e regulamentador dun mercado, o do petróleo, que ata o de agora rexía a través dos sauditas.

O ataque contra Iraq non é somente unha advertencia, en forma de marcial masacre, a Irán, Siria ou Libia,- xa sinalados polo Pentágono como “seguintes”- senón á mesma Arabia Saudita. Paradoxalmente, apúntase, podería ser que a invasión de Iraq fose a que preparase o camiño á caída da monarquía saudita.

Cunha Arabia Saudita caída en desgracia, a guerra debe servir, paraa afortala-la situación de Israel como única potencia da rexión, apuntalandoa, seguramente, sobre dous estados redimensionados. O novo Iraq e maila nova Xordania. No informe Rand, o capítulo adicado á cuestión titúlase moi explicitamente: “Palestina é Xordania”. Quere isto dicir que o territorio do Estado de Israel debe ser entendido nos límites da Palestina histórica (Estado israelí mailos territorios ocupados en 1967, Cisxordania e Gaza). Tamén quere dicir que o territorio natural dun futuro Estado palestino deberá ser a actual Xordania. A intelixencia militar israelí pensa que Israel pode facer fronte por si mesmo ó “terrorismo palestino”, pero que para acadar unha solución política precisase un gran cambio estratéxico en Oriente Medio –unha guerra-. Tal cambio debe, din, proceder do exterior; é dicir de Estados Unidos. “A crise en Iraq é unha boa oportunidade para dar un golpe de gracia que poña fin á Intifada e mellore a posición de saída (de Israel) nas negociacións que se porán en marcha tralo derrocamento de Saddam” (xornal israelí Ha´aretz, outubro 2002).

Nesta xeopolítica do caos, a certeza xeralizada é que a guerra contra Iraq liberará a Israel de inimigos, permitíndolle, a través do desprazamento masivo dos palestinos (popularmente, “transfer”) a creación dun Estado palestino minimizado, dependente pero non custoso. Unha sorte de provincia satélite situada nun gran reino hachemí outorgado por Estados Unidos dende o que neutralizar a Siria (rodeada polo acordo militar Israel-Turquía) e obscurecer definitivamente a influencia rexional do aliado Exipto. Este novo Reino Hachemi Unificado que sería a nova Xordania, podería abranguer a parte central de Iraq, facéndose cunha maioría de poboación árabe sunní non palestina, que equilibraría a actual poboación palestina de Xordania (60%) e maila que se agarda fuxindo dos territorios ocupados. A monarquía xordana, que hoxe reina sobre un Estado de maioría palestina non recoñecida e en quebra financeira, pasaría a facelo sobre unha potencia demográfica e económica de primeira orde.

Este posible reparto de Iraq deixaría como “enclaves autónomos” federados a Bagdad as rexións kurda (ó norte) e chií (ó sur) que, son, non é ningún segredo, as áreas da actual explotación petrolífera en Iraq.


O petróleo como un nivel do poder

Probablemente o argumento máis visible, -unha guerra por petróleo-, sexa tamén un dos que máis implicacións globais contén e, polo tanto, apareza a miúdo superficialmente desenvolvido. Na súa guerra contra Iraq, a administración norteamericana contempla dous factores estratéxicos, de tipo económico, relacionados entre si. Un, esencialmente petroleiro; outro, financeiro, que é o que se refire á súa propia supervivencia como superpotencia económica.

No que toca ó petróleo en por sí, e cun crecemento da demanda interna que non ven acompañado por un incremento semellante da producción propia, a vulnerabilidade enerxética dos Estados Unidos vencellase, no deseño político do vicepresidente Cheney, ó eido da seguridade nacional, da Defensa. Os mercados son moi conscientes de que calquera interrupción no abastecemento de cru tería graves consecuencias na economía mundial, isto é, nas economías occidentais, consumidoras de petróleo que basean o seu crecemento industrial nun alto consumo. Perante a actual crise en recuroso enerxéticos, os estrategas estadounidenses (pero tamén os europeos, os rusos, os chineses, os xaponeses...) consideran que quen controla o Oriente Medio, controla a liña de vida do petróleo que precisa o mundo industrializado.

Mirada polo miúdo, a nova xeografía do militarismo estadounidense comezaría cun mapa mundial que amosara tódolos principais xacementos de petróleo e gas natural, que son tamén áreas en disputa ou inestables por mor das históricas inxerencias políticas practicadas polas potencias trala descolonización (Oriente Medio, África), ou trala autodeterminnación postsovietista (Cáucaso, Asia Central). O continuo Corno de África-Península Arábiga-Golfo Pérsico-Caspio-Caúcaso-Asia Central é a rota do incremento das intervencións militares realizadas por EEUU nos dous últimos anos (administración Bush) ao abeiro da loita contra o terrorismo internacional ou a busca de Ben Laden (Afganistán). É o mapa que identifica as reservas de hidrocarburos e das novas bases militares estadounidenses que lle dan cobertura ós trazados dos oleoductos, un mapa semellante á da zona de dominio do Comando Central de EEUU, o Uncentcom.

Nesta panrexión do petróleo, non hai ningunha rexión tan vital para os intereses das potencias como Oriente Medio. Tras unha guerra para sacar a Saddam do poder, un novo rexime funcional, sacaría, probablemente, o país da OPEP (Organización dos Países Exportadores de Petróleo) pola vía de liberaliza-lo petróleo, xa que a organización esixe que cada país membro regulamente a producción e a exportación a través de empresas estatais. Cara fóra, o golpe estadounidense iría contra as potencias –Unión Europea, Rusia e China- que teñen asegurado, pola inicviativa da reapertura de relacións comerciais co rexime de Saddam, un lugar ó sol para súas as petroleiras, Total Fina Elf, Lukoil ou CNPC. Un novo rexime podería moi ben non recoñece-la valideza deses acordos e facer pagamento as petroleiras estadounidenses e británicas, sempre na primeira liña de batalla. Por outra banda, co control de Iraq e o petróleo saudí, Estados Unidos consolidaría o seu control sobre as rotas comercias marítimas, a través do Mar Roxo, o Golfo Arábigo, e o Golfo e Mar de Omán, deixando o grande Irán rodeado por todas partes de baluartes estratéxicos estadounidenses, (en Paquistán, en Afganistán e outros países veciños).

Moito máis importante que asegura-lo propio subministro enerxético (a dependencia estimada dos consumidores estadounidenses 1997-2020 pasaría do 44,6 ó 58%), é, para estados Unidos, regulamentalo, pechando o seu posible control, para as potencias concurrentes. As economías de Europa (cunha dependencia do petróleo que medrará do 52,5 ó 79% no mesmo período), e de Xapón (Pacífico, 88,8 a 92,4%) precisan moito máis o petróleo do Golfo, zona da que son os primeiros clientes.


O dólar é a moeda do petróleo

Non só é unha guerra de capitalismos no que toca ó control do petróleo. A guerra que separa a Estados Unidos e a Europa en Oriente Medio é unha guerra de moedas e fai referencia ó mesmo funcionamento da realidade financeira mundial. Aquela que di que a moeda do petróleo é o dólar.

O dólar é, de feito, a moeda reserva mundial. Nos anos 90, máis de tres cuartos das transaccións en moeda estranxeira –e a metade das exportacións mundiais- viñan contabilizadas en dólares, que acadaban asi duos trecios das reservas oficias mundiais de moeda. Historicamnte os prezos do petróleo veñen denominados en dólares, feito que ten beneficiado a Estados Unidos enormemente, xa que as fluctuacións no valor do dólar non teñen afectado directamente no prezo do petróleo para os norteamericanos. En cambio, se as moedas doutros países devalianse contra o dólar, os prezos do petróleo suben para os cidadáns dese países. Expresado máis simple, todo o mundo quere dólares porque os dólares son os que mercan o petróleo.

Actualmente, a posición do dólar ven defendida pola enorme presencia militar estadounidense en Oriente Medio. A reciclaxe dos petrodólares é o prezo que Estados Unidos extrae dos países productores polo cartel monopolista da exportación establecido pola OPEP trala crise enerxética dos 70. Unha plusvalía baseada e enraigada no acordo xeopolítico acadado entre os EEUU e Arabia Saudí como custodio dos petrodólares na OPEP. O éxito desta superestructura depende fundamentalmente de dúas cousas: que os países continuen a demandar petróleo, e que a moeda reserva para esas transaccións siga a ser o dólar (só o dólar).

Nesta superestructura macroeconómica, o potencial global do sistema monetario europeo (do euro) e o crecente sentimento antinortemericano en Oriente Medio vencellado ó feito de que varios países da OPEP semellan decantarse polo euro (a eurozona posúe maior cota de mercado en Oriente Medio que EEUU), teñen unha influencia directa na economía estadounidense e no actual sistema financieiro mundial.

Iraq tomou a decisión de vende-lo seu petróleo en euros, tralo visto bo da ONU, en novembro de 2000, e nestes dous últimos anos outros dous países OPEP, Irán e Venezuela, teñan amosado a súa intención de facelo, vencellando así a súa sorte política ó rexeitamento dunha moeda, o dólar, que é tamén a da guerra. Neste mesmo período, o euro gañou un 20% de valor en relación ó dólar, ratio que tamén se aplica, por exemplo ó fondo ONU do “Petróleo por Alimentos”, que foi mantido en dólares ata que o euro gañou a paridade no mercado bolseiro mundial. ¿Qué ocorrería se a OPEP fixese unha elección colectiva polo dólar, seguindo Arabia Saudí ó exemplo dos “Estados Gamberros” ¿E se o fixese Xapón, ananizado polo dólar, e que importa o 80% do seu petróleo de Oriente Medio? A interdependencia económica entre as grandes potencias non ten funcionado nunca senón en prol da máis poderosa de todas elas, pero a hexemonía estadounidense non se asenta no seu poderío económico, senón na ameaza da súa fortaleza militar e en estratexias moi pouco intelixentes.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2003