Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Infieis e hipócritas en Qatar
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 15/04/2003)
 
 

“¿Por que tivemos tantos aliados na Guerra do Golfo contra Iraq en 1990? Porque os sauditas e os kuwaitís mercaron esa alianza. Mercaron ó exército sirio con billóns para Damasco. Mercáronnos a nós e ós europeos coas promesas dos contratos da gran reconstrucción e pagando os nosos custos.”. Para o columnista de The New York Times (Thomas Friedman, 26 de outubro de 2001) os apoios no Golfo semellan ser unha especie de mercado onde os árabes, de xeito ladino, manexan ós inxenuos estadounidenses e europeos para tirar o maior proveito. Que merquen está ben, eles poden ter os seus pequenos negocios de zona. A maiores, o máis sensato é que merquen ós Estados Unidos de América.

Mesmo adóitase dicir que cun Oriente Medio aínda gobernado en boa parte por dictadores e reis, o FMI e o Banco Mundial poden xogar un papel “progresista” na rexión en prol da democratización, pero o certo é que as institucións financeiras controladas por EEUU son perfectamente compatibles coas dictaduras do Golfo, dobremente deficitarias en débeda externa e dereitos humanos. O FMI, que funciona como un cártel de acreedores, non ten rival noutro cártel monopolista, o dos Países Exportadores de Petróleo. A garantía máxima é a presencia permanente e en aumento de tropas norteamericanas en chan árabe, razón principal e última da inestabilidade na zona.- Doha, a capital de Qatar, foi sede da última rolda da OMC –Organización Mundial do Comercio- en novembro de 2001, reunión que se celebrou baixo medidas máximas de seguridade tras non poder seguir xa ocultando o atentado que, contra oficiais norteamericanos pero con morto qatarí, tivera lugar un mes antes-.

Entre 1990 e 1997 os seis estados do Consello de Cooperación do Golfo (Arabia Saudita, Qatar, Kuwait, Bahrein, Omán e Emiratos Árabes Unidos) asinaron contratos militares con Estados Unidos por valor de 36.000 millóns de dólares -a terceira parte de tódalas exportacións militares norteamericanas- a pesar de que a Resolución 687 vencellaba o desarmamento de Iraq coa necesidade de facer de Oriente Medio “unha zona libre de armas nucleares e de destrucción masiva”. Namentres, os príncipes e emires do Golfo engrosaron as súas fortunas familiares en bancos estranxeiros, e pagaron as armas de EEUU porque son a garantía da súa supervivencia política.

A interoperabilidade EEUU-Petromonarquías podería ser mellorada, afirman o maior Brent J.Talbot e o tenente Hicks (O papel dos Estados Unidos na Preservación da Seguridade do Golfo) se EEUU puidese “convencer os estados do CCG a mercar principalmente productos americanos ou, cando menos, sistemas de armas compatibles en toda a coalición”. “Eles mercan armas europeas, e mesmo rusas e chinesas, nun esforzo de mercar aliados e garantías, en troques de para mellora-la súa estructura de forza militar”, aseguran, miopes, Talbot&Hicks, porque a única Arma de Destrucción Masiva é a poboación civil. Todo opositor pode converterse nun inimigo asimétrico ou nun terrorista, nun obxectivo militar. Tamén os xornalistas, que contan. “Non me mires”, di Drácula cando ten a súa faciana monstruosa –a que mata e devora- e non a que ama –a humanista-.

Qatar, que adica o 12% do seu PIB á Defensa, ten gañado en moi pouco tempo un lugar central –a base de Al Udeid- na estratexia militar norteamericana como alternativa ás forzas enclavadas en Arabia Saudita. Se o emir Ahmad ten vendido o seu territorio ó Comando Central, servindo de Cuartel Xeral para a invasión angloamericana de Iraq, non é por medo ós “expansionismos iraquí e iraniano”, senón máis ben fronte ás tentacións hexemónicas do veciño saudita, que acurrala a diminuta península contra o mar. Así, o selecto grupo das pequenas monarquías observa co mesmo desprezo ós sauditas co que o resto do mundo árabe as contempla a todas elas.

O verdadeiro inimigo non está, daquela, en Iraq, ou en Arabia Saudita, o verdadeiro inimigo das despóticas fidalguías que gobernan o Golfo é o pobo, multitudinario cidadán de segunda na súa terra, territorios dobremente ocupados. Illadas da realidade cotiá interna, as ultraconservadoras monarquías do Golfo, no seu afán de compracer a EEUU, permiten que os norteamericanos decidan os límites da súa actuación en vez de pór eles límites á inxerencia;pero a satisfacción é, ata o de agora, mutua. Dirixida a perpetua-la permanencia no poder, dirixida a impedir calquera proxecto político independente, democrático, laico, nacionalista, árabe. Para iso, a monarquía qatarí, como os seus veciños, non dubida en utiliza-la tortura, o arresto arbitrario, a denegación do dereito a un xuízo público e limpo; non dubida en viola-la privacidade, o fogar ou a correspondencia privada, ou en impedir a liberdade de movementos no país, constituído nun 80% por poboación inmigrada, que mantén a industria na que os qatarís (1ª renda per capita do Golfo) non desexan traballar, e fan de Qatar un dos países máis ricos do planeta. “Patriot Act”+”melting pot”.

Do modelo americano fálase moito en Al Yazira, a illa ou a península, vocación rexional e nacional neste termo que por extensión indica hoxe a península árabe, é tamén un dos vocábulos máis usados nos países do Golfo para nomes de bancos, xornais ou canles de televisión... A qatarí Al Yazira é mesmamente unha curiosidade do sistema, a televisión “para tódolos árabes” que ten a súa sede nun país onde a liberdade de prensa non existe, pois non existe democracia que a garanta. O emir Ahmad, empeñado en aparecer como o máis moderno –globalizado- de tódolos emires, creou Al Yazira hai sete anos cunha inxección de 130 millóns de dólares disposto a converte-la na televisión árabe por excelencia.

Al Yazira gañou sona mundial como emisora, e receptora, dos vídeos de Ben Laden, que fala do poder perdido hai 80 anos, ó quedar expostos á influencia exterior trala caída otomana. O saudita tiña unha denominación para os emires –máis ilustrada que a utilizada en Al Yazira: “porcos”- que espertou cómplices sorrisos en toda a rexión. Eran “os infieis seguidos dos hipócritas”, dicía nun deses delirios clarividentes o que cobrou e é criatura de ambos: infieis -Estados Unidos-; hipócritas -príncipes e emires do Golfo- “sagrada península” para el, outrora coñecida como Costa dos Piratas ou Estados da Tregua. As armas, a guerra, non son xa, sabémolo, un asunto de exércitos, xa que o seu obxectivo é atacar en paralelo os distintos círculos da sociedade. Ós pobos do Golfo danlles o opio do Islam en troques de dereitos; esa é a identidade imposta pola que son coñecidos no resto do mundo.

“Cómpre dicir que, no esencial, todos pensamos o mesmo”, di unha da estrelas da canle Al Yazira. O esencial é o martirio do pobo palestino, o esencial é Israel -que non é un país do Golfo-, co que a administración qatarí mantén excelentes relacións; o esencial é Estados Unidos, cos que a administración qatarí tamén mantén excelentes relacións. En realidade, a canle permítese criticar a tódolos dirixentes do mundo árabe, gardando a roupa para que Ahmad non se sinta aludido e dándolle voz ó que pensa e demanda todo un pobo. Se hai unha cousa, di a reporteira Yosri Foda, sobre a que non se pode falar: o tráfico de nenos paquistanís para seren utilizados como jockeys nas carreiras de camelos, carreiras que acostuman rematar na morte dos pequenos xinetes por desnutrición. Qatar, como Estados Unidos, tampouco asinou a Convención dos Dereitos do Neno...

O poder das armas que promove ó mesmo tempo a democracia e o humanitarismo liquida os dereitos civís, e dálle á guerra unha dimensión constituínte; caída Bagdad, di Donald Rumsfeld: “Estes días vimos como se desenvolve a Historia, eventos que cambiarán o curso dun país, o destino do pobo e o potencial futuro de toda a rexión”. Chegan as mantas tralos bombardeamentos para reconstruír cemiterios.

Para o terrorista como para a gran potencia humanitaria, o branco é a poboación civil, as sociedades. Di o xeneral Colin Powell, “terrorismo é a utilización calculada da violencia ou a ameaza de emprega-la violencia para inculca-lo medo co fin de obrigar ou intimidar a Gobernos ou á sociedade co fin de obter obxectivos que son xeralmente de carácter político, relixioso ou ideolóxico”.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/04/2003