Presencia-OpiniónVolver ó índice / Nacionalismos
Córcega, as engrenaxes políticas da vindetta
Por Sylvia Gómez Saborido (Tempos Novos, xullo/2003)
 
 

Por tradición, cando un ministro de Interior francés visita Córsega, é que xa as negociacións están, polo momento, pechadas. Ata hai ben pouco tempo as visitas eran contadas, acontecementos que recollían abertas hostilidades: “Giscard, Chirac, Barre, sepultureiros de Córsega, marchade”, berraron os corsos en 1978. En 2003, un ministro de Interior, Nicolas Sarkozy, home forte de Chirac, acumula xa sete visitas á illa. Tantas, que tras manter un diálogo fluído cos nacionalistas, estes estanlle volvendo as costas á ansia do actual goberno francés por facerse a foto da solución da cuestión corsa.

Primeiro foi, hai un ano, a promesa de 1,98 billóns dun “Plan Córsega” de axuda ó desenvolvemento, a parte contable do estatuto de 2002; agora unha xira de dez días, cos que Sarkozy busca tanto o “SI” no referendo trazado polo seu goberno, como meterse ós corsos no peto perante a cidadanía francesa. Isto faino Sarkozy en prol do proxecto estrela do primeiro ministro, o “home das rexións”, Raffarin: a descentralización administrativa do Estado, pola que gran parte dos franceses continentais haberán de pronunciarse ó longo desta lexislatura.


Flocos do Estatuto

Recortado o último estatuto de Córsega por Asemblea francesa, Senado e Consello Constitucional, o proceso Matignon cara á preautonomía corsa, sentou publicamente ós nacionalistas á mesa de negociacións. Pactado polo goberno Jospin con Corsica Nazione, principal partido nacionalista con representación, amoldouse perfectamente tralas revisións ó gusto da reforma descentralizadora de Raffarin. Unha reforma que prevé o traspaso de novas competencias ás rexións, que serán introducidas, e terán o seu teito legal, na Constitución.

Raffarin pretende facer máis fortes as rexións que xa existen por medio do agrupamento ou colaboración: Baixa+Alta Normandía; Baixo+Alto Rhin, Baixa+Alta Córsega... Este é o argumento utilizado para impedi-la creación dunha rexión basca –que esixiría escindi-lo departamento dos Pirineos Atlánticos- e para favorecer, en cambio, a agrupación dos dous departamentos de Córsega nunha soa entidade. É isto, a supresión dos dous departamentos e a creación dunha Colectividade Única, o que se lles consulta ós corsos en referendo.

Unha cuestión de tamaño, non de identidade, dos flocos do estatuto de 2002, que trala súa redacción inicial, veu desaparecer o principio lexislativo para a Asemblea corsa e o ensino obrigatorio da lingua, afortalando o control do prefecto, representante do Estado. Votan os corsos no medio dunha eterna polémica superada polas leis pero non como slogan: “a cuestión corsa dirimirase na descentralización da Francia”, di o Goberno; “a autonomía dos corsos non terá cabida na descentralización rexional francesa” di o núcleo duro, cada vez menos numeroso e/ou representado, do nacionalismo independentista de Charles Pieri e a ex Cuncolta bastiense. A medias entre o das rexións metropolitanas e os máis avanzados de Ultramar (Polinesia e Nova Caledonia), o corso é un estatuto xeral con disposicións específicas.

Malia todo, a consulta popular ten o seu aquel. Ó suprimir a división da illa, desaparecen tamén as asembleas deliberantes –consellos xerais- das capitais, Bastia e Ajaccio, respondendo á reclamación histórica do nacionalismo para lle dar máis atribucións e simboloxía á Asemblea nacional corsa. Pero como a forma única atopa multitude de opositores na establecida clase política corsa, crea en troques unha forma substitutiva, os consellos territoriais.

En Córcega, a procura do prestixio persoal forma parte da vida do neo-clan, politicamente institucionalizado, capitalizada a maioría asemblearia na dereita francesa do presidente José Rossi. Na redacción do estatuto de 1991, a clase política illeira opúxose ruidosamente ó emprego dos termos “consello de goberno” ou “consello de ministros”; na redacción do estatuto de 2002, rexeita a potestade lexislativa do borrador, sempre por medo a quedar “fóra” da República. O pouco uso por parte da Asemblea corsa das súas atribucións, engadido á negativa a facer cumprir certas leis (anticorrupción e fraude, principalmente) ten feito moito dano ás reclamacións do nacionalismo.

Contra o inmobilismo, a causa corsa esgrime sempre dúas armas políticas básicas: a aplicación firme da democracia, que suporá a refundición das listas electorais, e a reclamación da autonomía. Estas dúas armas, téñenas hoxe máis preto que nunca, sen por iso ter derrotado aínda ó contrincante externo, o nacionalismo Estato-francés, e, sobre todo, ó interno: o clientelismo.

Para a opinión pública Corsica Nazione fíxose forte durante Matignon. Mais o novo líder, Jean-Guy Talamoni, non fixo senón aproveita-la tradición de partido interlocutor do Goberno da Cuncolta Independentista, vencellada á Fronte Nacional de Liberación de Córsega, FLNC, e motor do proceso unitario nacionalista. Consciente de que a época da clandestinidade debe ser superada, Corsica Nazione busca unha estructuctura máis axeitada ó marco electoral que lle proporcione unha maior forza negociadora perante París. O estatuto de 2002 coincide cunha nova reforma no seo nacionalista que asocia en Indipendenza (Cuncolta, Corsica Viva e varios partidos pequenos), á coalición eleitoral Córsica Nazione, contando co apoio da Accolta Naziunale Corsa e os Verdes, reunidos todos en Unità coma foro de discusión e militancia de vocación internacionalista. Durante as Ghjurnate Internazuinal, que reúnen ós nacionalistas con representantes doutros pobos sen Estado, Corsica Nazione anuncia a preparación de listas electorais para a constitución dunha Asemblea Nacional provisoria na preparación dun proxecto constitucional para a independencia da illa.

Non obstante esta imaxe compacta, representada pola ampla coalición montada por Corsica Nazione, o nacionalismo segue a ser un nó inextricable de grupos e tendencias de difícil manexo, -UPC, Scelta Nova e Mossa Naziunale acordan, pola súa banda, a creación do Partitu di a Nazione Corsa-, aínda á busca dunha vella forma: a do partido eleitoral.


Contra o clan

Sería un erro considerar que a sociedade corsa vive escindida entre os partidarios do Estado francés e aqueles do independentismo. En realidade, a gran maioría dos habitantes da illa semella situarse entre ambas estremas. Agora ben, para gran parte dos corsos, os franceses non representan senón a última potencia en facerse cargo da illa, unha madre patria distante e asimiladora.

A recuperación do sentimento nacional corso toma a súa forma actual a partir do movemento de reivindicación da autonomía xurdido na década dos 60 e nútrese, fundamentalmente, do principio de que ningún dos pobos que dominaron Córsega logrou administrala de xeito satisfactorio. En consecuencia, a autodeterminación é a única saída posible, xa que Francia non fai senón aplicar unha nova política colonial, especialmente dende o punto de vista económico. Economía asistida, falla de xustiza territorial, opresión e miseria crean unha situación de inxustiza permanente respecto ó benestar do que disfruta a Francia continental. Esta situación é, segundo o histórico líder nacionalista Edmond Simeoni, o fundamento máis poderoso da revolta dos corsos: inxustiza que non é ata tal punto a identidade, pero que si contribúe a conformala.

Reacción ó afastamento do poder tradicional, o nacionalismo corso moderno non se reduce a unha expresión política; abrangue os primeiros planos da vida cultural, asociativa e sindical. Atópase na súa fase C, na que o discurso é compartido por un número crecente de militantes. Sumido dende o inicio en fondas divisións, non se ten formado aínda como unha forza política unitaria, pero isto non quere dicir que non se teña imposto coma forza política de envergadura, cada vez máis no terreo representativo, onde Córsica Nazione conta co 16% dos escanos na Asemblea. É nembargantes no nivel simbólico onde o nacionalismo impón a súa loita, dun xeito máis sociolóxico ca ideolóxico, na identificación co sentir corso. O movemento nacionalista fornece as súas ringleiras con ideoloxías diversas; os obxectivos tamén son, en principio, diferentes, aínda que poidan mudar en cada grupo tendo en conta a súa forza negociadora: autonomía, independencia. Destas divisións ten tirado bo proveito o Estado francés, que se ben non pode se-lo responsable da súa existencia, si ten movido os seus fíos encauzandoas á súa maior vantaxe. No medio das ideoloxías, existe unha enorme autocaracterización apolítica, non en van tan só un partido se posiciona claramente á esquerda, a Accolta Nazuinale Corsa, ANC. Dito isto, se o nacionalismo se ten imposto como forza política de primeira orde gañando respectabilidade mesmo por riba da violencia, é, segundo Emmanuel Bernabéu-Casanova -autor de varios libros sobre o tema- gracias ó seu discurso simple, cada vez máis relaxado, nin de dereitas nin de esquerdas.

Pola contra, o corpo teórico, os grandes temas, si conforman unha temática estable ó longo dos anos. Sobre a teoría nacionalista atopamos un acordo de principios (recoñecemento do pobo corso, autonomía, cooficialidade da lingua), presentes nas distintas roldas de negociacións nacionalistas-Goberno francés. Cinco esteos constitúen o centro da fundamentación nacionalista contemporánea: étnico, cultural, político, económico, e medioambiental.

A etnicidade do nacionalismo non sería outra cousa que a defensa do pobo corso. Neste caso, a defensa dos corsos enténdese como unha auténtica cuestión de supervivencia que entronca directamente co problema demográfico da illa. Córsega é, con 260.000 habitantes, a illa grande menos poboada do Mediterráneo, véndose afectada ademais por dous fenómenos das sociedades desenvolvidas: avellentamento e baixa natalidade. As sucesivas ocupacións estranxeiras, a miseria, a busca de estudios e traballo empurraron os corsos a demandaren fóra o sustento que non atopaban na illa. Na Francia continental (Marsella, Lyon ou Paris son pequenas Córsegas), nos Departamentos de Ultramar, ou en Puerto Rico, Venezuela e México atopamos abondosas comunidades corsas que forman unha diáspora dunhas 700 ou 800 mil persoas, case tres veces o total de habitantes da illa.

Pero Córsega é tamén terra de acollida; estímase nun 8% da poboación os estranxeiros que residen nela. Moitos podémolos agrupar por comunidades: marroquinos, italianos, portugueses, ou tunecinos; outros, dende algunhas visións, son os franceses continentais e mesmo os centos de miles de turistas de verán. Todo isto fai que moitos corsos se sintan coma unha minoría. A chegada, en 1975, de 17.000 pieds-noirs -franceses repatriados de Alxeria-, ós que o Estado facilitou as mellores terras agrícolas e achegas económicas, supuxo non só o rexeitamento de moitos, senón a sensación de estar sendo afogados demográfica e economicamente polo Goberno francés. Deste estado de ánimo sairá o violento suceso de Aleria, sinalado pola maioría como o paso ó actual modelo nacionalista, que terá a súa máis duradeira vertente armada e espiritual na FLNC.

Dende entón, a violencia nacionalista, entendida como un modo de toma-la palabra ó encontro das autoridades, atomízase, diminuíndo o seu dano, pero conservando a teatralizada posta en escena que fai que sexa considerada a miúdo como un “rasgo” corso, mediterráneo. A famosa débeda de sangue da vindetta vén dada pola falla dun poder sólido en Córsega, o propio poder corso. Pero como se tira dalgún deses regulamentos da ancestral xustiza ós que gusta referirse, o que se declara como unha guerra pode rematar na sinatura dun tratado de paz con, naturalmente, o Estado. O traslado dos presos a Córsega é parte dese tratado.

A posible desaparición do pobo corso aludida no esteo étnico aparecería precedida por unha perda progresiva dos valores e marcas identitarias. Os primeiros tempos do nacionalismo moderno están marcados pola loita por promove-la lingua e a cultura corsas. Haberá que agardar ós anos 70 para que tome a súa forma actual, a reclamación do recoñecemento oficial da lingua corsa. De maneira paralela ó ascenso do movemento independentista, algunhas asociacións -Scola Corsa á cabeza- comezan a ofrece-lo ensino do corso durante esta década. O movemento nacionalista -segundo algúns a practicidade da súa vertente violenta- é directamente responsable da creación da Universidade en Córsega, reapertura daquela fundada polo pai da patria Paoli en 1764, logo abolida polos franceses.

O estatuto para Córsega non contempla a obrigatoriedade do ensino da lingua corsa en primaria e secundaria, como pedían os nacionalistas. Aquí, en Galicia, tras corenta anos de dictadura, e tras catro anos de ensino voluntario do galego, introduciuse en 1979 o ensino obrigatorio da lingua e a literatura galegas na ensinanza obrigatoria e media.

A loita da modernización contra o non-desenvolvemento na illa terá como base a loita contra a súa estructura social, política e económica: o clanismo. O nacionalismo dáse como misión romper co clan, unha rede que pecha tódolos habitantes e actividades da illa. O clan conta, por unha banda, coa posibilidade de se asegura-la fidelidade dos seus a través da oferta de pensións e empregos; doutra, controla as eleccións, facendo uso non disimulado da fraude e a compra de votos. Cando a Francia da Terceira República toma por fin interese en integrar Córsega, é no clan onde atopa o interlocutor perfecto para controla-la illa e asegurar, aínda que mediado, o exercicio do seu poder, asinando un acordo tácito que aínda funciona hoxe en día. Cacique, o clan non só busca a alianza co Estado; actúa coma freo ás interferencias económicas e culturais que puidesen vir da Francia continental. É dicir, ó xurdimento dun capitalismo industrial ou comercial, asegurándose ó tempo de non favorecer as condicións do desenvolvemento agrícola, que tería posto en cuestionamento o seu poder.

É fronte a esta sociedade tentacular contra a que o nacionalismo opón a súa visión social, pero esta oposición, tan clara na teoría, incorre nun mundo de contradiccións confrontada na realidade. Moitos analistas falan da reproducción da lóxica do clan no funcionamento dos movementos nacionalistas. Entre eles, François Santoni e Jean-Marie Rossi, veteranos activistas clandestinos asasinados nos anos 2001 e 2000, respectivamente, tras denuncia-las relacións de líderes nacionalistas de grupos rivais con sectores mafiosos e ultradereitistas da illa. Á guerra fratricida entre os grupos nacionalistas, ós atentados (tradicionalmente contra bens inmobles do Estado ou instalacións turísticas), engádense o non respecto á lexislación sobre armas, as primas agrícolas sen fundamento legal ou as construccións ilegais, certificando a existencia dunha especie de estado delincuencial na illa.

Contra a corrupción e a violencia, unha sociedade autosuficiente é máis resistente ca unha sociedade asistida. O esteo económico do nacionalismo non pode senón radicar na loita contra o non-desenvolvemento. Un PIB situado no máis baixo da táboa francesa; unha industria, case inexistente, que xira en torno a unha filial continental; unha agricultura dependente das subvencións do Estado francés e da Unión Europea; unha taxa de paro do 12,8%, e o Estado coma maior empregador na illa (39% da poboación activa), resultan nunha comparación inaceptable coa Francia continental.

A insularidade, que encarece os prezos da producción local e complica as actividades comercias, a emigración, a falla de cultura empresarial, o descenso demográfico, as barreiras aduaneiras e a escaseza de materias primas, conforman unha situación na que os analistas do Estado non ven outra saída que non sexa o turismo, que xera o 10% da riqueza illeira. Os nacionalistas denuncian esta política de desenvolvemento mono-industrial, que viría supor unha fórmula de asimilación tendente a crear unha “colonia” de poboación durante os dous meses de verán, condenando á illa a vexetar durante o resto do ano.

¿Economía asistida? Certamente Córsega recibe moitas achegas financeiras, tanto por parte do Estado francés -máis de 1.200 millóns de euros ó ano- como da UE, que a converteu no terreo preferido das axudas rexionais. É o feito de que Córsega sexa a rexión francesa que máis fondos estructurais percibe da UE o factor causa-efecto que viría converterse nos últimos anos noutro posible esteo do nacionalismo, tendente á negociación directa Córsega-UE.


Econacionalismo: a estratexia europea

É a partir dos anos 60 (marcados por unha mobilización popular que desbota o proxecto do Goberno francés de instalar un centro de experimentación nuclear en Córsega) que podemos falar da existencia dun nacionalismo-ecolóxico que se apoia nunha longa tradición identitaria tendente á defensa do patrimonio natural. A loita medioambiental devén en elemento unificador dos movementos nacionalistas e tamén en trampolín electoral cara Europa.

Os contactos iniciados cara as eleccións presidencias de 1988 entre o máximo representante do eco-nacionalismo, a Unione di U Populo Corso -UPC- de Max Simeoni, e os Verdes, comezarán a conformar unha estratexia que se completará nos anos 90 coa compañía da Cuncolta Independentista e Corsica Nazione. A asociación dos Verdes Corsos, vencellada ós franceses, proporcionará diversos padroádegos nas súas ringleiras eleitorais ós nacionalistas, algo que se vía necesario entón para estreita-los cos movementos nacionalistas, autonómicos e independentistas do Estado francés primeiro -alsaciáns, bretóns, bascos- e logo no nivel europeo, onde a voz nacionalista corsa comezará a ecoar no Parlamento Europeo entre as cadeiras verdes. É durante este decenio que a toma de posición política sobre o proceso de construcción europea dos ecoloxistas-nacionalistas introduce Córsega no seo da Unión Europea, reivindicando o recoñecemento da especificidade illeira e mediterránea corsa coma garante de medidas derogatorias do Dereito Comunitario.

Os Verdes Corsos constitúen - “Écologie et géopolitique en Corse”, Marianne Lefevre- “unha especie de formación política nacionalista satélite”, diferenciada dos partidos tradicionais en canto forman un partido europeo, afortalado polos elixidos verdes rexionalistas e federalistas.

Desta alianza dá boa fe a creación dunha Comisión dos Asuntos Europeos na Asemblea corsa, e o feito de que a súa presidencia lle fose encargada a Talamoni. O primeiro informe feito público pola comisión foi elaborado por Alain Lipietz, responsable nacional dos Verdes e deputado europeo dos Verdes-Alianza Libre Europea, que reúne os ecoloxistas e os deputados de rexións autónomas coma os bascos, os flamengos, galegos ou os escoceses. Titulado “Unha ambición europea para Córsega”, afonda na vontade de pór en marcha unha verdadeira Europa federalista e supranacional e no consenso sobre o reposicionamento da illa no espacio estatal e europeo.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/06/2003
Fernando Pol