Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Canadá busca a seguridade nos Estados Unidos
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 10/06/2003)
 
 

Cunha comunicación ó Parlamento a finais de maio, o goberno canadense anunciou a intención de discutir con Estados Unidos os termos da súa participación na defensa contra mísiles balísticos, megaproxecto militar estadounidense que supón un definitivo paso cara adiante na militarización do espacio. Moi poucos días despois, o 5 de xuño, Canadá asinou con Estados Unidos a creación dunha “fronteira intelixente” de seguridade cara terceiros, que prevé comparti-los datos sobre os expedientes de pasaxeiros en tránsito polos aeroportos de ambos países, o intercambio de información sobre particulares e a posta en marcha de procedementos comúns para a preselección dos refuxiados e persoas que demandan asilo.

Que Canadá forme parte xunto a México do territorio nos mapas de defensa de EEUU non axuda moito a abandoa-la impresión de que Norteamérica está formada por un só país, impresión as veces compartida polos canadenses, que se preguntan dende hai décadas ata onde vai chegar a cesión da súa soberanía fronte o poderoso veciño.

Canadá é, en principio, o único Estado do mundo en permitir que outro, Estados Unidos, fixe fronteiras no seu chan, algo que xa fai no caso dos aeroportos internacionais. O milagre empresarial do Tratado de Libre Comercio que fai desta fronteira a máis rica do mundo –1,4 mil millóns de transaccións comercias diarias- supón tamén outro pequeño golpe a xa en por sí complicada identidade canadense. Os franco-canadenses de Quebec teñen unha pequena vantaxe fronte a Gran Norteamérica, a identidade e a súa distinta visión federal, pero a maioría anglo-canadense non acada esgrimir mecanismos culturais na súa diferenciación dos yankees: ¿estar en distintos bandos na Guerra da Independencia que funda ambos Estados? ¿conservar un estado de vida, socialdemócrata, fronte o capitalismo de tipo estadounidense? Si, pero...

Nas vésperas dos atentados do 11 de setembro de 2001, EEUU tentaba acadar un acordo definitivo con Canadá sobre a soberanía conxunta sobre as fronteiras comúns. Isto supuña que se abrisen as fronteiras entre os dous países á libre circulación de persoas e bens, pero Estados Unidos tería o poder de vetar quen podería entrar en Canadá. Fíxose entón visible para os estadounidenses que, namentres 9000 axentes do Servicio de Inmigración e Neutralización vixiaban as 2000 millas de fronteira con México, tan so 400 axentes atendían as 5423 millas de fronteira con Canadá. Co temor crecente tralos atentados e a nova de que tres dos pilotos suicidas pasaran a través da fronteira canadense, non foi complicado conseguir que fosen os cidadáns os que demandasen máis seguridade. Dende entón, Washington vén presionando a Canadá e a México para que harmonicen as súas leis sobre refuxiados, inmigración e visados coas políticas estadounidenses. México sabe moi ben que, para ela, non haberá liberdade de movementos na fronteira nin acordo sobre a legalización dos emigrados a EEUU.

No seu discurso ó Congreso o 16 de setembro de 2001, cinco días despois dos atentados, Bush non nomeou Canadá na súa listaxe de alidos de “América”. Tal é a identificación entre os dous países percibida polos medios que o feito non acadou atención ningunha, pero as relacións foron, dende entón, deteriorandose progresivamente. O primeiro ministro, Jean Chrétien, declarou daquela que Canadá non lle ía regalar “un cheque en branco” a EEUU para as accións militares; aínda que participou na incursión en Afganistán, Ottawa non apoiou a invasión de Iraq.

Posuidora dun dos movementos pacifistas e antiabuso máis lúcidos, crítico con cos Estados Unidos como só quen os ten a súa beira pode selo, a opinión pública canadense en xeral amósase dividida respecto á política estadounidense, desorientada nun ¿Canadá existe? que admite multitude de respostas que comezan por un “Si, pero...”. Semidacordo, segundo as enquisas, co ataque a Iraq, dubida en canto ó efecto da política dos EEUU sobre o seu país: 20% positivo; 50% negativo; 20% un pouco críble “ningún efecto”; 10% Ns/Nc. Tras ve-lo ataque contra o World Trade Center, nembargantes, as enquisas amosaban que a maioría dos canadenses demandábanlle ó seu primeiro ministro que cedese a soberanía sobre a fronteira, coñecida como “a máis longa fronteira indefensa do mundo”. O debate evocaba entón a formación dunha especie de superestado norteamericano, baseado no control –estadounidense- do perímetro continental.

Con toda a opinión pública, estadounidense, canadense e mundial, en prol de favorecer un desarmamento ó que o proxecto do escudo antimísiles pon remate, o apoio popular ó “escudo antimísiles” e as armas de novísma xeración semellaría tarefa antinatura. Con todo, outra enquisa, a de Gallup, feita en EEUU durante a guerra do Golfo de 1991 amosaba que o 45% da cidadanía apoiaba a utilización de armas nucleares para “salvar vidas americanas”, o que debería facer pensar ós que afirman que, tras Iroshima e Nagasaki, as cidadanías nunca apoiarían a sabendas, a priori, a utilización de armas nucleares.

Durante moitos anos, os sucesivos gobernos canadenses traballaron pola desmilitarización do espacio tratando de pór ó día o vello tratado de 1967 que regulamenta a utilización do espacio ultraterrestre. Por iso, a decisión de participar no proxecto estadounidense de Defensa supón non só que o gabinete de Chrétien faga as paces co de Bush, senón un importante cambio na súa tradicional política de desarmamento.

O que o ministro de Defensa canadense, John MacCallum, lle dixo ó Parlamento hai uns días é que Canadá negociaría a súa entrada na Defensa Antimisiles co fin de “protexe-la vida dos canadenses e preserva-la defensa e seguridade de Norteamérica”. Xa as instalacións están moi preto para seguir dicindo non: en Shemya (Alaska), en Massachusetts e California (Estados Unidos), en Thule (Groenlandia).

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2003