Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Bases no Leste: boas, bonitas e baratas
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 19/08/2003)
 
 

En meses recentes ten quedado bastante claro que Estados Unidos está a facerse cunha mellor posición estratéxica en Europa. A actual administración busca agora incrementa-la súa presencia militar naqueles estados fronteirizos europeos que lle garantan unhas maiores vantaxes financeiras, políticas ou xeoestratéxicas.

Durante quince anos o epicentro da presencia militar estadounidense en Europa foi Alemaña e, se ben nos primeiros 90 a retirada de tropas foi moi importante, a maioría das instalacións terían sido máis ben reestructuradas que pechadas. Durante a crise que no pasado outono enfrontou a Alemaña e Estados Unidos no seo do Consello de Seguridade, as autoridades estadounidenses fixeron referencia ó posible desprazamento das bases en Alemaña ós países de Europa centro oriental pro-OTAN, dende Polonia a Romanía, negandoo despois. O desprazamento das bases norteamericanas cara ó leste non quere dicir, porén, que a totalidade das “alemanas” desapareza.

Non tanto vinganza “polo de Iraq”, coma opción estratéxica longamente madurecida, o Pentágono manexa varios factores para a mudanza. Primeira, moi primitiva, Alemaña é un lugar caro para estacionar tropas; un desprazamento ó leste aforraría, no longo prazo, unha chea de cartos, destca o xeneral James Jones, xefe das tropas EEUU en Europa, en aberta sincronía co empresariado occidental. As tropas polacas en Iraq serían, tamén, “baratas”.

Moito máis relevante é o feito de que Alemaña non é xa un Estado fronteirizo ó estilo da Guerra Fría; a súa importancia estratéxica declina enteiros no Pentágono. Efectivamente, os países centro orientais ofrecen mellores vistas ó Cáucaso, Asia Central e Oriente Medio. Explicítanno os militares estadounidenses cando sinalan como razón principal para a ampliación da OTAN o incremento na alternativa de bases para as operacións militares. Por outra banda, tamén dacordo coa flexibilidade do mercado, EEUU contempla o uso temporal de bases para un tempo definido, que denomina campañas “expedicionarias”.

Nestes termos, os militares definen a opción búlgara como “ideal” para a localización das súas tropas. Coa mosca detrás da orella polo cambio político en Turquía, Bulgaria, nas beiras do Mar Negro, é a segunda mellor opción para as operacións no Caúcaso, e só un pouco inferior cara Oriente Medio. Dende Rusia, esta opción non fai ningunha gracia. “¿Esperan ver a Saddam Hussein ou a Osama ben Laden na veciñanza? ¿ou os plans de Washington inclúen algo máis?”, inquiriu ós xornalistas recentemente un voceiro do seu Exército. Menos publicamente, varios informes gobernamentais indican que os servicios secretos búlgaros traballan arreo na súa contra cos “seus amigos alén o Atlántico”, apuntando, moi concretamente, ó Centro Rexional de Información para o Desenvolvemento Democrático no Surlés de Europa. Sede, Sofía; coordenación, embaixador estadounidense; promotor local, o presidente Simeón.

Non menos desgustadas están as instancias comunitarias –Berlín e París- coa actitude búlgara. Viuse hai pouco, cando Solomon Passi, o ministro de Exteriores búlgaro, visitou Israel. Passi pactara con EEUU e Israel non reunirse con Yasser Arafat, dentro da estratexia de facer luz de gas que ambos lle aplican ó líder palestino. Tras consulta coa UE, Passi renunciou tamén a entrevistarse con Ariel Sharon, quen, por certo, expresara publicamente ben cativo entusiasmo por reunirse co representante búlgaro. Así que Passi regresou a Sofía sen ver nin ó un nin ó outro, sen ver a “ninguén”.

Outra razón de peso valórase en Washington para irse ó leste. O ano pasado, Romanía foi o primeiro país europeo en asinar un acordo cos EEUU para eximir ós cidadáns estadounidenses dunha eventual imputación fronte á Corte Penal Internacional, namentres Bulgaria estaría a piques de chegar a un acordo coas autoridades estadounidenses tralo achegamento que permitiron as reunións do Consello de Seguridade (lembremos, caso Iraq, “segunda resolución”).

Coas miras postas na posible ampliación de 2007 (aínda!), ambos países fixeron as paces coa UE no cumio de Porto Carras en xuño, e comprometéronse a respecta-la posición común adoptada pola UE acerca da CPI. Por baixo do estratéxico, manda o económico. Dende entón, os diplomáticos romaneses téñense lanzado a unha frenética e sofisticada actividade para salva-la cara do seu Goberno perante a UE. Así, para gaña-la simpatía de Francia, os romaneses decláranse dispostos a adquirir catro avións Airbus, mesmo se os acordos xa están case concluídos con Boeing.

En asuntos de compras e vendas, os pasos dubitativos e o regateo poden aforra-lo seu, e unha pequena garantía pode ser vista como unha nova clientela. No que toca ó militar, é moito mellor xogar á anticipación, medida aquí no tempo comprendido entre a retirada do último soldado soviético dos países do vello Pacto de Varsovia á chegada do primeiro estadounidense a ocupa-lo seu lugar.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/08/2003
Fernando Pol