| Presencia-Opinión |
| Atenas: a Europa dos 25 Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 22/04/2003) |
|
“Quitámonos a última carga que tiñamos dende Yalta”, afirmou satisfeito o primeiro ministro polaco, Leszek Miller, ó termo deste cumio de Atenas, que pasará á historia das datas comunitarias polo compromiso definitivo ás longuísimas negociacións de adhesión dos dez estados que serán membros de pleno dereito o 1 de maio de 2004. Miller loitou ata a fin da xornada por acadar diñeiro líquido, mil cento oito millóns en man restados dos fondos rexionais. O artífice do acordo, Gerhard Schröder, aparecía aliviado, namentres o seu ministro de Exteriores, Joschka Fischer, ponderaba que a ampliación non pode expresarse en diñeiro. Efectivamente, Polonia vai recibir máis de 17.000 millóns de euros, en dous anos, dos fondos estructurais, a maioría procedentes de Alemaña. Parte deles servirán para mercar 48 avións de combate ós Estados Unidos. Quizais a frase utilizada por Leszek Miller non foi a máis axeitada nuns días en que torna á memoria o célebre tratado que acordou unha nova distribución territorial do mundo entre os vencedores da II Guerra Mundial. Yalta tamén sentou as bases para unha nova organización: Nacións Unidas. A sensación é agora que a Unión se amplia, en efecto, pero perde poder e influencia en todo o resto do mundo, se non na Europa ampliada mesma. Deste cumio de Atenas non sae unha solución á actual crise de identidade e á fonda división que estoupou no seo da Unión entre os fundadores –que queren afondar na Unión Política e na Europa da Defensa- e os membros que veñen sendo coñecidos polos obstáculos que poñen a unha maior integración -con Europa-. Nunha tentativa de finiquitar públicamente meses de divisións, Francia, Alemaña, Reino Unido e España presentaron o borrador dunha declaración conxunta que reclama un papel protagónico da ONU na reconstrucción do Iraq. O ministro británico Jack Straw subliñou que Reino Unido e Estados Unidos –dos que exerceu de voceiro-, promotores do ataque, comprometeríanse a asignarlle ese papel, sempre e cando os integrantes do Consello de Seguridade estivesen dispostos a “cooperar”. A advertencia foi claramente dirixida a Francia, Alemaña e Rusia, que poderían bloquear novas resolucións tendentes a lexitima-lo Iraq de postguerra, é dicir, a lexitimar post-facto a agresión e a ocupación de Iraq. Kofi Annan, presente ante os 41 países representados na Conferencia Europea que seguiu ó Cumio da UE, eliminou un parágrafo do seu discurso: “non pode plantexarse que a ONU desempeñe –en Iraq- un papel subalterno, baixo a autoridade dunha potencia ocupante”, ía dicir, pero finalmente non dixo, o secretario xeral de Nacións Unidas. Esta reunión deixa claro que as fronteiras da Unión non son infinitamente ensanchables e que teñen o seu límite en Ucraína, Moldova, Belarús e Rusia, cos que a Unión pretende afondar nas relacións, non só comerciais, senón políticas, administratrivas, de xustixa e asuntos internos. O ministro de Exteriores ruso, Grigor Ivanov, que con frases inxeniosas foi a amenidade dos presentes nas tensas reunións de febreiro no Consello de Seguridade, convidou ós líderes dos países da UE, actuais e futuros, ás celebracións de maio do 300 aniversario da fundación de San Petesburgo, como símbolo “que amosará o novo desenvolvemento da idea europea”. Podería dicirse que se ben Rusia estaba de corpo presente na cita de Atenas, a presencia que se deixou sentir máis abafantemente foi a de Estados Unidos, que encheu coa inmensa tonelaxe do seu peso a cadeira baleira. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/04/2003 |