Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
1483 NU: Colonia Iraq
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 27/05/2003)
 
 

Á segunda grande guerra sucedeulle a onda descolonizadora a escala mundial e, xa nos anos 60, foron acordadas multitude de resolucións emancipadoras na Asemblea Xeral da ONU apoiadas nos principios fundamentais da Organización: defensa da soberanía e independencia das Nacións, igualdade entre os Estados membros. Por outra banda, sen embargo, tódolos conflictos bélicos posteriores a 1945 teñen en común unha cousa, o feito de teren estoupado sen declaración de guerra formal, tal como establece de xeito obrigatorio a Conferencia da Haia de 1907. Dende o punto de vista formal, polo tanto, dende o remate da II GM non existiu guerra ningunha, pero si unha chea de “crises”, “conflictos”.

A Resolución 1483 NU, de 22 de maio de 2003, non “legaliza” a guerra contra Iraq porque, simplemente, non pode facelo. Pero, nembargantes, si a “valida”, blindando ós agresores contra unha ampla gama de procedementos xudiciais (penais e comercias) que ben se poderían establecer na súa contra. Dos primeiros, leva dous anos encargándose a Administración Bush a través da sinatura de convenios bilaterais con preto de 30 países sobre a inmunidade dos cidadáns norteamericanos perante o Tribunal Penal Internacional. O último deles, en negociación, con Serbia e Montenegro.

A Resolución, redactada por EEUU, Reino Unido e España, non lle da un “papel central” á ONU, escusa formal esgrimida por Francia, Rusia e Alemaña para asinala. Todo o contrario, é a ONU, o seu Consello de Seguridade, o que lle da un papel central a EEUU e RU ó codificalos como potencias ocupantes administradoras de Iraq, de aquí en diante “Autoridade”.

Mediante a aprobación desta resolución, o Consello de Seguridade non só lexitima a ocupación militar de Iraq, senón que viola os principios rectores do ordenamento internacional, ratificando a ocupación estranxeira dun Estado membro tras unha invasión ilegal, outorgándolle ademais ós dous países invasores prerrogativas moi superiores ás que adxudica a calquera potencia ocupante a Convención de Xenebra de 1949. EEUU e RU non so gobernarán Iraq con prazo indefinido e administrarán tódolos beneficios da venda do petróleo dos iraquís, senón que, ó facerse cargo da supervisión do armamento do país, suplantarán á inspección de desarmamento da ONU. Esencialmente “revolucionaria” nun sentido involucionista, a 1483 NU, resolta con 0 votos en contra, é a primeira orde da ONU que certifica, tras auspicia-lo proceso descolonizador o século pasado, a volta dun país, Iraq, á era colonial.

A Resolución 1483 decreta a fin do embargo económico contra Iraq, non porque “ninguén quere que o pobo iraquí siga sufrindo”, senón porque esta era a esixencia estadounidense cara poder controlar de xeito directo a economía de Iraq. En tanto as sancións permanecían oficialmente en vigor, os dólares da venda do petróleo dos iraquís eran ingresados en contas da ONU; por esta nova resolución, o serán no Fondo de Desenvolvemento para Iraq, administrado directamente por Estados Unidos. Esta é a razón pola que EEUU non quere ver á ONU envolta en Iraq; para non ter que atender a outras reclamacións financeiras sobre o seu roubo unilateral. E é tamén a razón pola que varios países (Francia, Rusia, Alemaña) lle lembraron a Washington que as sancións non podían ser levantadas ata que os inspectores da UNMOVIC confirmen que Iraq non ter armas prohibidas pola ONU, o que foi a carta diplomática de EEUU (e RU) para manter durante 13 anos a máis extrema forma de punición colectiva xamais imposta a un pobo. Un millón e medio de iraquís mortos dende 1991, provocados directamente por estas sancións, máis esta repugnante guerra, son o prezo o que se cotiza a vida dos iraquís na loita comercial entre as potencias que sentan no Consello de Seguridade.

Fundamentalmente, e abreviando, Estados Unidos obtén da 1483 da ONU o respaldo “legal” que necesita para se presentar perante as organizacións políticas, económicas e militares, e poder solicita-los seus bos servicios na administración do territorio Iraq. En realidade, a resolución non fai senón pór por escrito cousas que xa estaban a suceder no que toca ás partes económicas e militares, pois Fondo Monetario Internacional, Banco Mundial, Clube de París, e OTAN traballan xa arreo na reconstrucción de Iraq dende os últimos días da guerra, no convencemento absoluto de que unha tal resolución, a 1483, habería de aprobarse axiña nos termos nos que efectivamente foi aprobada.

A pesar do levantamento do embargo, a ONU establece o mantemento da “débeda de guerra”, polo que, ademais de a monarquía kuwaití e as empresas –Exxon Mobil– “damnificadas”, Francia e Rusia verán afluí-los seus derradeiros dividendos de Iraq nos seis meses que lle quedan ó “Petróleo por Alimentos” da ONU.

O pagamento da débeda externa –máis de 231 millóns de dólares–, pola contra, é para sempre. Encargado o seu tratamento a “instancias independentes” como o Clube de París, non hai precedentes de que ningún país saldade a débeda escapando así da férrea dependencia estructural que este e outros clubes impoñen. O Clube de París reúne, dende 1956, ó pequeno grupo dos estados máis industrializados do mundo para establece-las condicións a impor ó enorme grupo dos países endebedados. No caso de Iraq, este aspecto da Resolución semella case irrelevante, pois é a única colonia “legal” coa que trata o Grupo.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/05/2003
Fernando Pol