Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
O Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) cumpre 140 anos
Por Raimundo Viejo Viñas (Canal Mundo, 27/05/2003)
 
 

O máis velho dos partidos do movemento obreiro europeo, o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD, www.spd.de), cumpre estes días 140 anos entre as responsabilidades de goberno, unha crise económica sen precedentes e os desafíos da globalización. Lonxe dos anos dourados da República de Bonn, o partido do chanceler Gerhard Schroeder non acaba de atopar o seu lugar na política xemana (e europea) como antano fixera o SPD de Willy Brandt.

O célebre “Modelo Alemaña”, orgullo da variante chamada "renana" do desenvolvemento capitalista que tan ben soubera conciliar as constitucións "material" (tríade keynesianismo–fordismo–taylorismo) e "formal" (réxime neocorporativista baseado no parlamentarismo, o Estado de partidos, a acción social concertada, etc.) áchase en crise e o SPD, protagonista privilexiado desta historia de éxito nos anos sesenta e setenta, non semella dar coas respostas perante o desafío da globalización neoliberal. Así, os grandes procesos de transformación económica resultantes do ciclo de loitas dos anos sesenta (deslocalización e transnacionalización das empresas, informatización e inmaterialización do traballo, desterritorialización da producción, etc.) máis semellan ter ubicado ao SPD nunha posición meramente resistencialista e conservadora perante a realidade do seu tempo que no papel dun axente activo na configuración política da realidade social xermana e, por extensión, europea.

En efecto, poucos factores políticos poden expresar mellor que a Crise (¿final?) da Socialdemocracia as fondas implicacións da crise posfordista. A evolución política recente do SPD constitúe todo un exemplo a analizar en detalle. A diferencia do afamado e celebrado Programa de Godesberg (1959), auténtico manifesto político que sentou as bases da acción de goberno durante os anos sesenta e setenta e serviu de modelo ao conxunto da Socialdemocracia europea, o Programa de Berlín (1989) pasou á historia antes mesmo de ter chegado a ser posto en práctica. De feito, a penas uns meses despois de gañar as eleccións o seu principal artífice político, Oskar Lafontaine, era apartado definitivamente da política polos seus propios adversarios no interior do partido. A profundidade da crise provocada por Lafontaine foi tal que o propio chanceler Gerhard Schroeder tivo que asumir persoalmente a dirección política do partido nun congreso que ficará na memoria da Socialdemocracia alemana como o do apoio más baixo nunca conferido a un Secretario Xeral.

Moi ao contrario de Willy Brandt (que tamén recurrira a aunar chancelería e secretaría xeral como estratexia para pór en marcha un proxecto de goberno que realizase o Programa de Godesberg), G. Schroeder púxose á fronte do SPD empregando os recursos nada desdeñáveis que lle brindaba a chancelería para de seguido derogar o Programa de Berlín e presentar un proxecto de goberno que resultou ser o célebre Papel Schroeder-Blair, inspirado na Terceira Vía de Anthony Giddens e o think tank neoliberal da London School of Economics.

No fondo da demisión de Oskar Lafontaine, en realidade, áchase un último fracaso por reformar programaticamente á Socialdemocracia sobre a base da eclosión dos “novos movementos sociais” que tivo lugar na RFA desde finais dos setenta. A vaga de mobilizacións inaugurada polo movemento estudiantil da segunda metade dos anos sesenta e que se extendera ao longo dos setenta e primeiros oitenta da man de outras expresións de antagonismo social (cuestións de xénero, militarismo, vivenda, etc.) supuxo un desafío político pola esquerda para o SPD con nome propio: Die Gruenen (@s Verdes, www.gruene-partei.de). O Programa de Berlín, inspirado polo traballo intelectual de académicos como Peter Glotz, foi precisamente a resposta tardía da Socialdemocracia ao desafío da constelación movementista encarnada polas candidaturas do ecoloxismo político. Porén, a Historia, iso que, como dicía John Lennon, acontece cando ti estás facendo outras cousas, veuse cruzar no camiño da Socialdemocracia.

O 9 de novembro de 1989 caía o Muro de Berlín e con el as bases políticas sobre as que se sostiña o proxecto socialdemócrata. Para cando pouco máis dun mes despois o SPD aprobaba o seu novo Programa Fundamental, a Democracia Cristiá (CDU/CSU, www.cdu.de) xa se tiña colocado á fronte da mobilización nacionalista que lle había conferir a victoria electoral das primeiras eleccións da Alemaña unificada. Comezaba así a historia da República de Berlín postergando por oito anos a posta en marcha do programa fundamental socialdemócrata. Oito anos durante os que as loitas intestinas farían que se sucedesen os tres candidatos da troika socialdemócrata, Lafontaine (1990), Scharping (1994) e Schroeder antes de que os chamados « netos de Brandt » recuperasen o poder (1998).

Mas para entón, o regreso ao poder do SPD xa non significaría tanto o regreso do Programa de Berlín, canto o triunfo dunha lóxica de poder sostida sobre o culto á razón instrumental. O SPD chega así ao seu 140 aniversario máis enfrontado que nunca ás súas bases sociais orixinarias (o movemento obreiro) e sen outra alternativa programática aos desafíos da globalización que a supervivencia política dos seus propios dirixentes. Un longo camiño de adaptación á xestión do realmente existente que hoxe sabemos comezou co Programa de Gotha (1875).

 
 

Raimundo Viejo Viñas é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/05/2003
Fernando Pol