| Presencia-Opinión |
| Baviera: colapso da “terceira vía” Por Raimundo Viejo Viñas (Canal Mundo, 23/09/2003) |
|
O pasado domingo celebráronse en Baviera as eleccións ao Parlamento rexional ou Landtag. Cun mínimo histórico de participación de 57,3% (fronte ao 69,8% de 1998), os escanos repartíronse do seguinte xeito: o partido conservador, Unión Social Cristiá (CSU), obtivo 124 escanos (60,7%); o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), 41 escanos (19,6%); e Os Verdes, 15 escanos (7,7%). As restantes formacións políticas, incluido un dos catro partidos do establishment berlinés (o liberal FDP), ficaron sen representación parlamentar ao non superar a barreira do 5% que fixa a lei electoral. Mais o principal dato é que por vez primeira na historia da República Federal de Alemaña, un partido, a CSU, acada a maioría parlamentar cualificada de dous tercios que lle permitiría promover reformas constitucionais no seu propio Estado federado (Land). Trátase dun feito sen precedentes na historia electoral da posguerra que sorprende mesmo nun Estado no que, de feito, esta mesma dereita ten acadado porcentaxes maiores (en 1974, por exemplo, acadou o 64,7%; en 1982, o 65,2%). O sorprendente do resultado, xa que logo, non radica tanto na dimensión cuantitativa como cualitativa do mesmo (crise aberta entre as constitucións formal e material explícita nas posibilidades constitucionais dunha maioría cualificada de 2/3 dos escanos, ausencia dunha oposición forte, etc). Nesta segunda dimensión, as claves explicativas do resultado, máis semellan apontar ao acontecido na banda esquerda do espectro político que na banda oposta. De feito, se temos en conta a espectacular caída que se produciu na participación (–12,5% respecto ás anteriores eleccións; –25,1% respecto ao máximo histórico de participación) semella obvio que a CSU non incrementa o seu potencial mobilizador directo. Pola contra, o SPD bávaro derrúbase e obtén o peor resultado de toda a súa historia (–9,1 %). Este fracaso tan estrepitoso só pode ser comprendido por unha deserción masiva dos sectores tradicionais do electorado socialdemócrata. De feito, a diferencia da Socialdemocracia, o socio menor do Goberno Schroeder, Os Verdes, semella ter saído ben parado destas eleccións, incrementando mesmo a súa porcentaxe (sempre moi matizadamente). Nun ambiente claramente marcado pola política federal, estes resultados non escapan a unha lectura que vai alén das fronteiras do chamado Estado libre de Baviera. En efecto, un ano despois das eleccións federais que tan axustadamente prolongaron o goberno verde-vermello de Gerhard Schroeder, o daquela candidato da oposición democristiá e presidente de Baviera, Edmund Stoiber, tamén sometía ás urnas o seu traballo á fronte da fracción parlamentaria do centro-dereita alemán, CSU/CDU. Concibidas, pois, como unhas eleccións de inequívocas implicacións estatais, o seu resultado non pode ser mais favorable ao político democristián; dentro, claro está, dos parámetros tradicionais da política da representación (cousa ben distinta é a crise na que se acha inmersa esta última). En certo senso, a Socialdemocracia alemana (como a do resto de Europa) é víctima dunha estratexia da que veñen abusando desde há moito tempo os dous grandes partidos alemáns, a saber: tensar ao máximo as relacións cos seus respectivos electorados coa intención de lexislar co máximo de libertade nos minguantes límites da política que caracterizan a crise do parlamentarismo na era da globalización. Así, considerando que os principais efectos deste pulso ao propio electorado non son outros que o incremento da volatibilidade electoral e a diminución da fidelidade de partido (desde que principiou o actual ciclo electoral asistimos a unha reducción dos índices de fragmentación), os partidos sábense en condicións de desafiar aos seus respectivos electorados dada a ausencia de opcións alternativas no cadro da política da representación. Trátase dunha estratexia de custos calculados que procura optimizar as marxes gubernamentais: se o votante vai para a abstención e o adversario non mobiliza o suficiente, sempre cabe a posibilidade de seguir no poder. A consecuencia desta estratexia produce resultados moi contrapostos e mesmo paradoxais: por unha banda, resultados moi axustados (pasadas eleccións federais en Alemaña, eleccións presidenciais nos EEUU ou municipais españolas), froito dun electorado que non distingue entre as grandes opcións posibilistas; por outra, resultados electorais tan contrastados como o que se ven de producir en Baviera con máximos e mínimos históricos. A razón deste contraste é ben simple: a base de disciplinar ao electorado co mantemento a todo custo das políticas neoliberais das instancias que gobernan a globalización arríscase a sobrepasar o límite de resistencia do votante. Neste caso, habida conta das baixas taxas de participación electoral, a deserción de certos sectores tradicionais pode traducirse nun erro fatal de cálculo. Isto último é o que ven de acontecer con amplos sectores da clase traballadora: logo de meses de folgas e un durísimo pulso entre o Goberno Federal e os sindicatos, boa parte dos apoios tradicionais do SPD ten desertado do seu partido de sempre camiño da abstención. Nunha situación que xa era axustada de seu nas anteriores eleccións, nesta se ten traducido nunha auténtica catástrofe electoral, facendo boa a vella máxima do movemento obreiro que dicía: «cos dirixentes á cabeza ou coa cabeza dos dirixentes». |
|
Raimundo Viejo Viñas é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/05/2003 |