| Xeopolítica, poder e petróleo: Iraq e a
“nova orde” de EEUU Por Roberto Mansilla Blanco (Tempos Novos, abril/2003) |
|
A actual guerra que EEUU e os seus aliados desenvolven en Iraq non é só unha resposta do goberno de George W. Bush ós ataques terroristas do 11/S. Corresponde a unha estratexia detalladamente delineada polo Departamento de Estado non só para aprovisionarse dos recursos enerxéticos de Medio Oriente senón para afincar definitivamente a hexemonía de EEUU no século XXI. Esta estratexia, que comezou coa guerra do Golfo Pérsico en 1991, veu desenvolvéndose concienzudamente desde os Balcáns (Kosovo, 1999) ata Asia Central (Afganistán, 2001), con Medio Oriente e o Cáucaso como rexións politicamente decisivas, sen descoidar a situación de Venezuela como provedor próximo e seguro. A política de seguridade de Washington consiste entón en asegurarse dunha especie de “cordón” militar naquelas rexións máis explosivas a fin de remodelar o novo mundo que se aveciña. No fondo, os riscos que corre EEUU están constituídos pola acción do terrorismo fundamentalista islámico e os intereses de Rusia, China e as potencias europeas, divididas arredor da magnitude deste conflicto. “EEUU non pode xa confiar só nunha posición reactiva como o fixo no pasado”. A cita correspóndenlle ó presidente George Walker Bush e data de setembro de 2002, poucos días despois dos ataques terroristas do 11 de setembro. Esta declaración do presidente da principal potencia do planeta resume o marco imposto pola “Estratexia militar nacional”, un documento que plasma os intereses, as ameazas e as accións que Washington ten previstos para as primeiras décadas deste século. Dita estratexia foi bautizada polo propio Bush como a “guerra preventiva”, destinada a actuar primeiro (e, en último caso, de maneira unilateral) contra os denominados “inimigos” de EEUU. Este documento supuxo o definitivo enterramento da estratexia de contención e disuasión que predominou na política estadounidense desde 1945 ata o derrube da Unión Soviética en 1991. Incluso máis: algúns analistas consideran que esta estratexia viola os principios do Dereito Internacional establecidos impicitamente desde o tratado de Wesfalia de 1648, o cal establecía o dereito dos Estados nacionais a utilizar a forza en termos de defensa propia ante unha agresión(1). Desde 1991, a política de Washington en materia de seguridade e política exterior entrou nunha fase de certa ambigüidade, aínda que os anos de goberno de Bill Clinton supuxeron unha maior colaboración de EEUU coa comunidade internacional e a favor do multilateralismo. A primeira guerra do Golfo Pérsico contra Iraq en xaneiro de 1991, iniciada polo pai do actual presidente Bush, enmarcou moi sutilmente a estratexia que Bush fillo agora expón de maneira máis contundente. A “nova orde mundial” que Bush pai explicou pouco despois da invasión de Saddam Hussein a Kuwait en agosto de 1990 tiña a consideración de colapso dunha URSS incapaz de facerlle fronte ó poderío militar de Washington, cuxa hexemonía marcaría as pautas da nova era histórica que se aveciñaba.
Parecía obvio que para Washigton, a derrota de Iraq en 1991, o control das reservas petrolíferas de Arabia Saudita e Kuwait e a posterior desintegración da URSS en decembro dese ano presentaban un escenario novo para a política que EEUU debía seguir. O conflictivo Medio Oriente, coa proliferación de movementos fundamentalistas islámicos, o eterno conflicto palestino-isrealí e a inimistade de diversos réximes da rexión cara a EEUU (casos de Irán, o Iraq derrotado na guerra, Siria e Libia) supuña un problema a mediano prazo, de características incertas para EEUU. O colapso soviético abriu un novo panorama: o Cáucaso e Asia Central, rexións igualmente conflictivas debido á perigosa mestura de rivalidades étnicas, nacionais e relixiosas, ó seu atraso e pobreza de infraestructura, pero inmensamente ricas en reservas petroleiras e gasíferas. Polo tanto, ó abrigo da Administración de Bush pai, personaxes que hoxe conforman o gabinete de goberno de Bush fillo comezaron a trazar os aliñamentos necesarios para o aprovisionamento deses recursos enerxéticos que o principal consumidor do mundo debía asegurarse. Condoleeza Rice, Dick Cheney e Donald Rumsfeld, hoxe figuras visibles da política estadounidense, comezaron a centrar as súas miras nas nacentes repúblicas de Asia Central e o Cáucaso. Políticos con mentalidade formada na “guerra fría” de contención contra a URSS, Rice, Cheney e Rumsfeld tamén proviñan das intrincadas redes da política enerxética de compañías tan influíntes como Chevron ou Móbil Texaco, con altos postos dirixentes nesas compañías. Foi Condoleeza Rice a que picou adiante. As reservas petroleiras e gasíferas de Kazajstán, Turkmenistán, Azerbaidján, Uzbekistán, Chechenia e Afganistán ben valían a pena para que Chevron destinara unha enorme inversión de 10.000 millóns de dólares na rexión do mar Caspio para iniciar un ambicioso programa de explotación, ó cal lle seguiron compañías de Rusia, Gran Bretaña, Italia, Escocia, Francia, Xapón, China e Alemaña, así como as nacentes industrais nacionais dos países da rexión e outros fronteirizos como Irán e Turquía. O problema eran os conflictos étnicos, relixiosos e nacionais en moitas desas repúblicas, cuxos maiores exemplos eran a loita dos independentistas chechenos contra Rusia, o avance do islamismo radical, o conflicto armenio-azerí, o de turcos e kurdos ou o pantanoso quebracabezas de Afganistán. O mar Caspio e Asia Central determinaron unha verdadeira puxa de intereses entre compañías e gobernos nacionais que terminou provocando unha verdadeira dor de cabeza tanto para Washington como para os países interesados en participar das riquezas da rexión. A interminable construcción de oleoductos e infraestructuras chocaban moitas veces cos conflictos locais. Para Washington eran evidentes os seus intereses, así como as súas dificultades, para poder construír oleoductos que fluíran petróleo e gas natural cara a un mar aberto como o Océano Índico ou o mar Mediterráneo, de aí o proxecto do oleoducto desde Bakú, capital azerí, ata o porto turco mediterráneo de Ceyhan, previsto para o 2005, pasando pola capital de Georgia, Tbilisi. Na actualidade, o conflicto de Chechenia e a intervención rusa na rexión supoñen para Washington un reto considerable. Do mesmo modo, Washington esfórzase por construír un complexo sistema de alianzas cos autócratas gobernantes das repúblicas de Asia Central, incluso ofrecéndolles axuda militar, para poder frear a expansión do islamismo radical, para preservar os seus intereses petroleiros e para manter a raia a Rusia(2). O 11 de setembro confirmou os temores de EEUU para poder asegurar os seus intereses petroleiros. Cos problemas xa mencionados en Asia Central e o Cáucaso, cun Medio Oriente candente, co feito de que Arabia Saudita, principal aliado de Washington na rexión, servira de berce para os movementos terroristas islámicos vinculados con Al Qaeda e con países considerados abertamente como os seus inimigos (Iraq, Irán e Libia), ó novo goberno de EEUU parecía non quedarlle outro remedio que actuar. Os kamikazes que estrelaron as avionetas contra o World Trade Center de Nova Iork déronlle a tan ansiada excusa para iniciar os mecanismos necesarios para lanzarse cara a hexemonía.
O primeiro paso foi derrocar o goberno talibán de Afganistán. Acusados de abrigar a Osama bin Laden e a súa rede terrorista, os talibáns a penas puideron ofrecer resistencia a unha coalición militar interna e externa dirixida por EEUU. Asentados xa militarmente en Kabul, as novas tropas estadounidenses debían servir de marco para desempolvar os vellos intereses petroleiros na rexión., papel no cal Afganistán xogaba un rol esencial por ser territorio de paso para ditos oleoductos cara ó Océano Índico, a través de Pakistán, e por Asia Central, gracias á política de Washington para acercarse ós gobernos de Uzbekistán, Azerbaidján e Kazajstán. O obxectivo era diminuír o rol protagónico que Rusia, China e Irán poderían ter na rexión. A ameaza do terrorismo islámico tamén tocaba directamente ó Iraq de Saddam Hussein, un país empobrecido pola enorme derrota militar de 1991, así como polas sancións da ONU e a política de bloqueo de Washington cara a un país que conserva unhas reservas probadas a futuro en 1.200 millóns de barrís, o que faría de Iraq o segundo gran exportador a nivel mundial despois de Arabia Saudita. Para occidente, o interese occidental por Iraq non é novo. Trala constitución da Turkish Petroleum Company en 1911, xa os intereses alemáns, británicos e holandeses comezaron a xogar forte nun Iraq que entón era un dominio do Imperio Otomano. A derrota turco-otomana en 1918 e os mandatos da Sociedade de Nacións dous anos despois fixeron de Iraq un protectorado británico. O descubrimento de reservas petrolíferas nas norteñas rexións de Mosul e Kirkuk en 1925 provocaron unha atracción irresistible para as grandes compañías petroleiras, as cales se sentiron amparadas pola decisión da Sociedade de Nacións de facer destas dúas rexións parte territorial de Iraq en detrimento da Turquía republicana que reclamaba dereitos territoriais sobre as mesmas. En 1929 constituíuse a Iraq Petroleum Company, con capital agora franco-estadounidense, especialmente Exxon e Mobil. A independencia de Iraq tres anos despois permitiulle ás novas compañías firmar xugosos contratos co reino iraquí. A inestabilidade política do Iraq moderno, co derrocamento da monarquía en 1958 e os constantes golpes de Estado e disputas étnicas coas distintas faccións kurdas, chiítas e turcomanas, dificultaron un tanto os intereses de ditas compañías, ata que a férrea dictadura de Saddam Hussein a partir de 1979 lle deu un pequeno respiro ás mesmas(3). A caída do sha de Irán en 1979 e a chegada ó poder dun réxime fundamentalista marcadamente antiestadounidense fixo do Iraq de Hussein un aliado fiel para Washington na rexión, xunto a Arabia Saudita e Exipto. A guerra Iraq-Irán permitiulle a Saddam aprovisionarse de vastos arsenais militares ó amparo de EEUU e Europa occidental. A “lúa de mel” entre Occidente e Saddam culminou coa invasión iraquí a Kuwait en 1990, pero non o interese norteamericano en controlar o país. Trala derrota militar iraquí e doce anos de sancións, o réxime de Saddam encóntrase absolutamente debilitado política e militarmente. A súa infraestructura enerxética tamén está altamente deteriorada. Calcúlase que o 90 por cento das súas instalacións están sen explorar e, nalgúns casos, unha inversión en áreas como a do Deserto occidental iraquí poderían achegar 100 mil millóns de barrís máis no futuro. O interese estadounidense e doutras compañías a nivel mundial, especialmente francesas, rusas, chinas, británicas, españolas e italianas, entre outras, céntrase nos campos petroleiros de Kirkuk e Mosul, ó norte, e de Rumalia, ó sur. O problema estriba en que ó norte, as guerrillas kurdas constitúen un obstáculo importante, así como as minorías chiítas do sur. A esto hai que sumarlle intereses xeopolíticos como os de Turquía, un país que constrúe a pasos axigantados unha gran represa (o Gran Proxecto Anatolia) para aproveitar os recursos hidráulicos dos ríos Tigris e Éufrates. Esta represa pasaría exactamente pola rexión controlada polos kurdos, inimigos acérrimos de Turquía. Do mesmo modo, unha presencia militar turca ó norte de Iraq podería reactivar as súas históricas reclamacións sobre Mosul. Nos últimos anos, o réxime de Saddam puido osixenarse economicamente con vendas ilegais de petróleo ós seus veciños, especialmente Turquía, Xordania, Siria, Irán e Dubai, á marxe do programa da ONU de “petróleo por alimentos” instaurado en 1995. Ditas ventas achegáronlle ó réxime de Hussein cerca de 600 mil millóns de dólares(4), suficientes como para que Washington considere que unha acción militar en Iraq lles reportaría controlar igualmente ditas transaccións. Independentemente da guerra internacional contra o terrorismo que EEUU manexa como a súa cruzada particular desde o 11/S, os imperativos xeopolíticos e petroleiros saen a relocer constantemente. En palabras do xeque Ahmad Zaki al Yamani, o influínte ministro de Enerxía de Arabia Saudita entre 1962 e 1986, “o principal obxectivo da guerra que impulsa Washington é o petróleo”, e saca a relocer un documento presentado por Dick Cheney ó goberno de Bush no ano 2000, no cal se busca reducir gradualmente e logo eliminar a independencia petroleira de EEUU con respecto a Arabia Saudita. Para Yamani, a guerra en Iraq significaría non só o control dos recursos enerxéticos senón unha baixa substancial nos prezos do cru que poderían provocar unha forte presión cara a Arabia Saudita e, en consecuencia, o fin da OPEP como principal rexedor dos prezos e da producción(5). Tan só basta observar os primeiros movementos do ataque militar lanzado polas tropas anglo-norteamericanas contra Iraq o xoves 20 de marzo, comezo da operación militar contra Saddam, para darse conta de que o petróleo move secretamente os cimentos desta guerra. A toma das importantes cidades de Basora e Nasiriya, ó sur, constitúen bastidores importantes para aprovisionarse dos recursos petroleiros desas rexións. A táctica de presionar mediáticamente ós iraquíes paera desertar ten como obxectivo evitar que unha ofensiva militar maior provocque destrozos considerables á infraestructura petroleira, xa que ditas reparacións estarían a cargo de EEUU. Igualmente revelador é a declaración do secretario de Defensa Donald Rumsfeld de xulgar por crimes de guerra a todos aqueles que destrocen pozos de petróleo, presas ou outras infraestructuras. O norte de Iraq é igualmente importante pola posición turca, xa que unha intervención militar dese país na rexión buscaría evitar que os kurdos se apoderen das instalacións petroleiras de Mosul e de Kirkud, e así proclamen a súa independencia(6).
Para o actual presidente dos EEUU, o ataque contra Iraq constitúe unha oportunidade única para remodelar Medio Oriente e reafirmar a súa doutrina de seguridade nacional que permita afianzar a hexemonía global de Washington. Igualmente, entre políticos Rice, Rumsfeld e Cheney, difúndese a idea de que o futuro da rexión podería coñecer unha sorte similar ós réximes comunistas de Europa do Leste, con EEUU exercendo de director dos cambios políticos na rexión, a fin de suplantar réximes despóticos por maiores oportunidades de democracia e de liberalización. O pensamento neoconservador dos novos falcóns da política estadounidense, así como as súas estratexias, veñen gañando terreo na Casa Branca desde aproximadamente 1997, cando un importante e influínte grupo de políticos e intelectuais conservadores formaron o chamado Proxecto para o Novo Século Americano (PNSA). Esta especie de think tank busca vertebrar un mundo rexido polo poder norteamericano e a conclusión chegada polo mesmo é que Iraq podería constituír a clave de dito proxecto, de aí a súa insistencia en utilizar unha forte presencia militar en Medio Oriente para preservar os intereses estadounidenses no Golfo Pérsico, incluso se so significaba eliminar a Saddam. Personaxes que hoxe forman parte da Administración Bush coo Rumsfeld, o vicepresidente Dick Cheney, o subsecretario de Defensa Paul Wolfowitz, altos dirixentes do Departamento de Estado como Richard Armitage e Paul Bolton, e o xefe do do Consello Asesor do Pentágono, Richard Perle, foron os creadores do PNSA. Dito grupo preconizaba que a estratexia formulada só sería posible se ocorría un “acontecemento catastrófico e catalizador, como un novo Pearl Harbour”. Foi o que ocorreu o 11/S, cando o PNSA xa estaba solidamente establecido en Washington(7). A tenor do rápido e efectivo da ofensiva militar sobre Iraq, a guerra ben podería ser cousa de a penas unhas poucas semanas. Pero as consecuencias aínda son impredecibles. Un Iraq fragmentado deixaría de ser unha ameaza para Israel, o gran aliado estadounidense na zona. Igualmente, a presencia militar de EEUU no país árabe permitiríalle exercer unha forte presión a réximes incómodos como Irán, Siria e Libia, así como aliados tradicionais como Arabia Saudita e Exipto, sinalados por Washington como residuos do terrorismos islámico, a tenor do sucedido no 11/S. Significativo é o caso de Irán, actualmente cercado militarmente por EEUU desde Afganistán e Uzbekistán ata Iraq, Arabia Saudita e Kuwait. O novo mapa xeopolítico do Medio Oriente permitiría un cambio de balanza de poder absolutamente diferente, con EEUU afincando a súa hexemonía mundial e tendo en Israel e Turquía fieis garantes da súa estabilidade na rexión. Igualmente, a iniciativa estadounidense logrou dividir a organizacións claves do sistema internacional como a ONU, a OTAN e a mesma Unión Europea, incapaces de manexar efectivamente unha crise que EEUU e os seus aliados británico e español non dubidaron en resolver pola forza. A nova orde de Bush ben podería preservar a eficiencia da forza sobre a do Dereito internacional. Igualmente, unha guerra en Medio Oriente non deixa de lado o problema palestino. O revelador cumio das Azores permitiu a EEUU, Gran Bretaña e España deseñar un plan de paz para Palestina que estipule a creación dun Estado palestino con novas autoridades, coa consecuente defenestración de Yasser Arafat. De aí o apoio outorgado por Bush e Aznar ó novo primeiro ministro palestino Abu Mazen, recentemente elixido no cargo e considerado por Occidente como un moderado. Palestina e Iraq tamén poderían converterse nun xugoso negocio para Washington e os seus aliados europeos: estímanse os custos da guerra en 100.000 millóns de euros e a reconstrucción de Iraq en 200.000 millóns de euros. Unha nova Palestina significaría investimentos estimados en 30.000 millóns de euros en seguridade, infraestructura vial, de vivendas e enerxéticas. Ben manexados estes recursos e previndo que non ocorran ataques terroristas contra obxectivos estadounidenses, a economía estadounidense podería rexistrar unha considerable expansión nos próximos meses. Con Iraq, EEUU cerra parcialmente un círculo concéntrico de intervencións militares que comezou nese mesmo país en 1991, proseguiu en Kosovo en 1999 e Afganistán en 2001 e que agora fai de Washington unha potencia interventora desde os Balcáns ata Asia Central. No fondo, está a intención de vixiar de cerca a eventuais rivais da súa hexemonía, tanto global como rexional, neste caso Rusia, China, Europa e Irán. E o estado dos recursos enerxéticos. A recente decisión do Senado de EEUU, influída polo lobby ambientalista, de rexeitar a perforación de petróleo en Alaska, constitúe un duro golpe ós plans de Bush(8). Dita reserva xeraría unha producción entre 6 e 16 millóns de barrís diarios, con ganancias de 1.000 millóns de dólares anuais para o goberno. De aí que Iraq aumente no grao de importancia para o goberno Bush. E Venezuela, no futuro, a pesar da crítica situación que atravesa o goberno de Hugo Chávez e a industria petroleira, antano un dos provedores máis seguros de petróleo a EEUU. |
|
Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI. |
|
|
|
Notas: (2) Vicken Chetereian, "Asia Central, retagarda estadounidense", Le Monde Diplomátique, edición española, No. 88, febreiro 2003. (3) Antoni Segura i Mas, "Iraq, historia y petóleo", La Vanguardia Dossier, nº 5, ano 2003-03-24. (4) Cifras outorgadas pola axencia informativa árabe Al-Bad.com, capítulo de "Iraq: Economy". (5) Ahmad Zaki al Yamaní, "La guerra es por el petróleo". Entrevista da BBC de Londres, venres 14 de marzo de 2003. http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/business/newsid_2850000/2850113.stm. (6) Artículos "Bush: Apóiannos máis de 40 países" e "Turquía abre o seu espacio aéreo a EEUU e prepárase para invadir o norte de Iraq", El País, venres 21 de marzo de 2003. (7) Enric González, "Comeza o gran plan para o século XXI". Especial Extra de El País, venres 21 de marzo de 2003. (8) "El Senado de EEUU rechaza la perforación de petróleo en Alaska", El País, venres 21 de marzo de 2003. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2003 |