Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
¿Unha nova Palestina para o 2005?
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 27/05/2003)
 
 

O ambiente de tensión que se palpaba nos corredores do Knesset ou Parlamento israelí o domingo 25 de maio, presaxiaban unha decisión histórica: a votación sobre a aceptación ou non da chamada “Folla de ruta” para a paz en Medio Oriente, auspiciada polo denominado “cuarteto” de paz, composto por EEUU, Nacións Unidas, Rusia e a Unión Europea. Esa votación sería a punta de lanza pola que o primeiro ministro israelí Ariel Sharon, tras consultas apresuradas con membros do seu partido, o Likud, e doutras formacións políticas do centro-dereita e a esquerda, buscaba crear unha nova fase no espiñento problema palestino-israelí: propiciar a paz tras 32 meses de violentos enfrontamentos que deixaron preto de 3.000 mortos.

Apoiado tacitamente por Washington e os gobernos europeos, Sharon logrou alzarse cunha victoria de 12 votos contra 7, no que podería considerarse como a apertura dun novo capítulo na recente historia de Medio Oriente. Con esa votación, por primeira vez dende a súa creación, o Estado de Israel recoñecía oficialmente o dereito do pobo palestino a posuír un Estado independente, con fronteiras establecidas.

É de supoñer que a principal oposición ao acordo proviña da variopinta presencia de partidos de ultradereita e relixiosos no Knesset, opostos a calquera concesión aos palestinos. Igualmente, val a pena sinalar que entre os 4 membros que se abstiveron se atopaba o ex primeiro ministro dereitista, Benjamín Netanyahu. A razón do rexeitamento estriba en que a maioría dos votantes destes partidos son xudeus orixinarios esencialmente de Rusia e Europa do Leste, quen conforman a maior parte dos chamados “colonos” xudeus que residen nos asentamentos da Franxa de Gaza e Cisxordania, os territorios onde viven a maioría dos palestinos.

Pero a presión de Sharon a favor do acordo, garantido no exterior e pola maior parte da sociedade israelí (unha enquisa cifraba nun 60% de israelís que apoiaban o acordo), motivou unha votación nunca antes vista no Parlamento. Foi por iso que o primeiro ministro de 72 anos declarou que “chegou o momento de dividir o tramo de terra entre nós e os palestinos”.

Ao mesmo tempo, esta aprobación abre o camiño para unha pronta reunión entre Sharon e o novo primeiro ministro palestino, Mohammed Abbas, por acordarse aínda data e lugar.


Sen Saddam e sen Arafat

Á lus dos recentes acontecementos políticos en Medio Oriente, resultaba clara cál era a intención pola que o goberno de Sharon se implicaba agora nun plan de paz e na aceptación dun Estado palestino. Despois de 32 meses de “Intifada” entre palestinos e israelís, a batalla militar entre dous inimigos acérrimos como Sharon e Yasser Arafat foi gañada, a un alto prezo, polo primeiro, a tal punto que a ofensiva de hai un ano contra o cuartel xeral de Arafat en Ramallah e o confinamento do líder palestino, cercado por forzas militares israelís, pode ser considerado como a morte política para Arafat.

Pero non detivo a acción dos grupos extremistas palestinos, especialmente a Yihad Islámica e Hamas, acusados de posuír conexións con Al Qaeda, e cunha militancia que aumenta día a día entre os frustrados xóvenes palestinos. A recente guerra anglo-norteamericana contra o réxime de Saddam Hussein en Iraq e a deposición do dictador iraquí permitiu sacar de enriba a outro inimigo xurado de Israel, un réxime militarista que podería ameazar a posición israelí en Medio Oriente. No se debe esquecer que Hussein prometeu en tempos $25.000 ás familias dos terroristas palestinos que atentaran contra obxectivos israelís. Sen Saddam no poder, con EEUU como xendarme na zona vixiando de preto (e presionando) a outros réximes antiisraelís como Siria e Irán, e cun Arafat completamente neutralizado, a tal punto que tivo que aceptar como primeiro ministro a un membro moderado como Abbas, o panorama xogaba a favor de Sharon para que iniciara as xestións para a aprobación do acordo.

A decisión do goberno israelí tamén reflicte ata qué punto o tema dun Estado para os palestinos penetrou con forza na sociedade israelí, como mecanismo válido para poñer fin á rivalidade histórica e a violencia terrorista. De igual maneira, reflicte a necesidade de reactivar o xa acordado en Oslo en 1993, pero baixo novas perspectivas, o cal resulta paradoxal polo feito de que o mesmo Sharon se encargou de enterrar os acordos de Oslo nos máis de dous anos que leva no poder. O acordo é sumamente ambicioso neste plan: prevé non soamente o fin da violencia e a creación para o 2005 dun Estado palestino senón que abre completamente a porta para que outros países árabes inicien contactos formais co Estado de Israel, paso previo a un recoñecemento futuro.


As perigosas diferencias

Pero non todos os puntos en discusión xeraron respostas favorables para a paz e a reconciliación. O status de Jerusalén aínda está por discutirse, contando con que as posicións de ambos son case irreconciliables: Israel practicamente deixou en claro que non pensa negociar ese punto xa que considera a cidade como a súa capital histórica, mesma resposta que se consigue do lado palestino. O outro punto álxido corresponde ao regreso dos refuxiados palestinos das guerras de 1948 e 1967: a decisión israelí manifesta reservas neste punto, un dos máis importantes porque permite recoñecer os dereitos palestinos en varias franxas territoriais aducindo que foron expulsados en sendas guerras contra Israel.

En canto aos asentamentos xudeus en Gaza e Cisxordania, o acordo manifesta a súa intención de poñer fin aos mesmos pero a realidade pode ser distinta, debido á gran cantidade de “colonos” que alí residen, aumentando ademais cada ano, e que non están dispostos a marcharse. Estes colonos contan co apoio do influínte partido radical de dereita Shas, membro constante nas coalicións de goberno israelís.

Tamén xera incertidume a evolución propia da política interna palestina, agora que Mohammed Abbas é o primeiro ministro. Arafat intentará sobrevivir para poder ser o líder que lle deu a Palestina un Estado. Abbas é o candidato de EEUU, Israel e Europa occidental para guiar o futuro político palestino, pero deberá confrontar o ascenso cada vez máis pronunciado das opcións islámicas radicais de Hamas e Yihad Islámica, opostas a todo acordo con Israel. O fervedoiro político palestino será máis pronunciado agora que EEUU invadiu Iraq e se dispón a redeseñar, xunto cos seus aliados Israel e Turquía, o mapa político da rexión.

En definitiva, o noutrora “falcón” máis radical da política israelí, Sharon, acusado de crimes de guerra e contra a humanidade polas coñecidas matanzas nos campos de refuxiados palestinos de Sabra e Shatila no Líbano hai máis de 20 anos e pola represión no campo de refuxiados de Ienín hai un ano, se converteu agora no principal garante do acordo de paz e do principio estatal para os palestinos precisamente cando a súa posición sempre foi radical nese sentido, negándose a negociar cos palestinos o seu dereito a un Estado independente. Quere pasar á historia como un home que trouxo a paz a Medio Oriente, cando o seu pasado e presente inmediato demostran o contrario. Aínda que o panorama rexional mudou considerablemente e invite ao pragmatismo, manter o acordo custará moito esforzo polo feito de que a ultradereita israelí non o acepta por completo e que o terrorismo palestino pode reaparecer en calquera momento, atizado pola recente ofensiva de Al Qaeda. Aínda que estea blindada por todos lados, a Folla de Ruta podería pender dunha corda frouxa en calquera momento.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/05/2003
Fernando Pol