Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
¿Adeus á OPEP?
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 29/04/2003)
 
 

O cumio da OPEP realizado o pasado 24 de abril en Viena, aportou algunhas cuestións que resultan imprescindibles para coñecer cal será o futuro do mercado enerxético mundial trala guerra de Iraq. O máis que seguro reingreso de Irag no mercado petroleiro, cun goberno pro-estadounidense e cunha capacidade de producción estimada en máis de 6 millóns de barrís diarios, prevista para dentro dun ou dous anos, moi probablemente tirará por terra a marxe de manobra do principal cartel petroleiro para dictar as pautas de aumento de prezos e producción. Á importancia estratéxica que Medio Oriente e Asia Central teñen para EEUU e os principais consumidores do mundo, hai que sumarlle agora unha guerra silenciosa polo control das reservas de gas natural existentes ao noroeste de Asia, onde se manifesta a pugna de intereses por parte de Rusia, EEUU, China, Xapón e as dúas Coreas.

Os futuros escenarios en materia enerxética cambiarán drasticamente as relacións entre países productores e consumidores a tal punto que estamos en véspera do ascenso dun novo sistema internacional non soamente político senón enerxético. La guerra en Iraq evidenciou os intereses petroleiros de EEUU, Europa, Rusia, China e outros países asiáticos, a tal punto que o control das inmensas reservas petroleiras iraquís constituíu un punto de fricción constante entre as principais potencias consumidoras, os grandes productores e os membros da OPEP.

Neste aspecto, cómpre estar atentos á nova relación que xurdirá entre EEUU e Iraq e como afectará a unha OPEP definitivamente debilitada, con escasas marxes de manobra de agora en diante.

O control territorial de Iraq por parte das tropas anglo-norteamericanas provocou un significativo descenso nos prezos do cru, aínda que na actualidade estean ubicados arredor dos 24,25 dólares por barril. Igualmente, a crise petroleira venezolana producto da folga de dous meses logrou controlarse e a producción venezolana xa sobrepasa os 2,5 millóns de b/d (segundo cálculos do goberno, aínda que outros analistas estiman que esa producción se ubica arredor dos 1,8 millóns de b/d). De igual modo, outro productor significativo como Nixeria, envolto nun violento conflicto étnico, cunha producción que se estima en 2 millóns de b/d, a penas logra agora recuperarse. Esta situación motivou un recorte de producción por parte da OPEP hai a penas uns dous meses e que compañías petroleiras como Royal Dutch/Shell, Chevron-Texaco e Total Fina Elf abandonaran os seus proxectos no país africano. Ante este panorama, os plans estadounidenses de reparto do petróleo iraquí comezaron a activarse con máis forza.


A guerra a coitelo polo petróleo iraquí

A decisión da Cámara de Representantes dos EEUU de excluír a Francia, Alemaña, Rusia e Siria do futuro reparto do petróleo iraquí afondou a fenda existente entre Washington e os seus socios europeos. Atenazados pola rápida victoria anglo-estadounidense en Iraq e por esta decisión do poder lexislativo estadounidense, Francia e Rusia se lanzaron a unha carreira por tratar de limar asperezas con Washington, en materia de reconstrucción do país árabe e sobre a nova situación dos anteriores contratos petroleiros destes países co extinto goberno de Sadam Hussein.

Tanto París como Moscova optaron, novamente, por un maior rol das Nacións Unidas na reconstrucción de Iraq. Sen embargo, o interese petroleiro de Total Fina Elf e de Lukoil, as principais empresas petroleiras francesas e rusas que fixeron negocios con Sadam, se fai patente. Neste sentido, Lukoil é a que máis ten que perder: investiu millóns de dólares na reconstrucción do complexo petroleiro iraquí ubicado arredor de Kirkuk e Mosul, situados ao norte, e nos campos petroleiros de Rumaila, ao sur. Hoxendía, o sur de Iraq está totalmente baixo control anglo-estadounidense mentres ao norte campean as tropas estadounidenses e as milicias curdas.

Nos últimos días, o goberno de Putin fixo por acercarse a Bush para lograr reacomodarse no novo escenario: tras unha conversación telefónica, o presidente estadounidense lle garantiu a participación de Lukoil e outras compañías no novo Iraq post-Sadam. Pero o papel de países como Francia, Alemaña e China aínda non está definido: Chevron-Texaco, Mobil e Halliburton están quitándolles pouco a pouco o mercado iraquí.

Do mesmo xeito e co fin de posicionarse con forza no novo mercado petroleiro, Rusia afina silenciosamente novas estratexias: a fusión das petroleiras rusas Yukos e Sibneft, que fará do novo consorcio a cuarta petroleira do mundo, é unha proba de que Moscova busca desbancar a Arabia Saudita coma o principal productor mundial. Cuestión de mercados e realpolitik: o goberno de Putin intenta salvar os acordos rusos en Iraq mentres trata de afincar unha relación amistosa con EEUU e Europa para vender o seu petróleo.


¿E a OPEP?

Quen peor parado poderá saír desta situación é o principal cartel petroleiro, a OPEP. O feito de que un Iraq cun goberno pro-estadounidense ingresará, tarde ou cedo, no mercado enerxético, enterrando o programa de Petróleo por Alimentos instaurado pola ONU en 1995, está provocando unha pequena guerra de nervios no seo da OPEP. De aí a importancia que tivo a reunión do pasado 24 de abril en Viena.

Trala guerra do Golfo de 1991, Iraq foi apartado da OPEP. Pero agora o panorama luce distinto. A conformación dun goberno iraquí moi posiblemente liderado por Ahmed Chalabi, home de confianza tanto para o vicepresidente estadounidense Dick Cheney como para o secretario de Defensa Donald Rumsfeld, apunta cara unha producción petroleira iraquí controlada desde Washington. Un Iraq reinsertado na OPEP botará por terra os plans de control de prezos e producción por parte do cartel petroleiro.

Unha reactivación da producción petroleira iraquí pode aportar volumes de extracción ubicados arredor dos seis millóns de b/d, nun ou dous anos, o que correspondería un 25% do que produce a OPEP. Quizais este escenario sexa optimista: algúns analistas petroleiros como Daniel Yergin estiman que isto tardaría máis, uns dez anos. Pero o que parece inevitable é que, nun futuro próximo, o “novo Iraq” terá un peso decisivo no seo do cartel petroleiro. Esta nova situación podería arrastrar a outros países productores, como Arabia Saudita, Kuwait e Qatar, a xogar a “carta de Bush” en materia petroleira, a fin de acomodarse na nova orde petroleira internacional.

Para todos é sabido que as relacións entre Bush e a OPEP nunca foron boas e a actual administración estadounidense podería estar acelerando un programa de control do organismo, ou a súa definitiva defunción. Isto podería ser moito máis concreto toda vez que o Senado estadounidense rexeitou pouco antes da guerra os plans de Bush de extraer petróleo da Reserva Forestal de Alaska, unha batalla gañada no Senado polos ambientalistas.

Un novo goberno en Iraq seguramente mellorará as relacións deste país con Arabia Saudita e Kuwait, os outros aliados de EEUU na OPEP. Así que a organización podería verse fragmentada nun grupo Iraq-Arabia Saudita-Kuwait-Qatar e, posiblemente, Omán e Emiratos Árabes, fronte ao núcleo que podería conformar Irán, Libia, Alxeria e Venezuela, quen tratarán de manter a tradicional política do cartel en materia de prezos e cotas de producción.

O cumio de Viena acordou un recorte de 2 millóns de b/d para manter a banda de prezos de 22-28 dólares, unha vella estratexia que pode desvanecerse a finais de ano, cando chegue o inverno e a demanda dos países consumidores presionen por un petróleo máis barato. Para esas datas, a producción dos campos iraquís de Mosul, Kirkuk e Rumaila poderían estar reactivados.


A ameaza ven de Asia

O novo panorama petroleiro se presume volátil e impredicible, aínda que cada vez máis axustado ás esixencias de Washington e os seus aliados consumidores. É por iso que a guerra polo control dos xacementos, comezada en Medio Oriente hai máis de medio século e continuada en Asia Central tralo derrube soviético, se activará con máis forza nun período estimado de 20 anos. A razón estriba no aumento de consumo que virá de varios países asiáticos, especialmente China.

De acordo coa Axencia Internacional de Enerxía, para o ano 2030 China importará moito máis cru que EEUU. É por iso que os plans estadounidenses de control de Iraq, Medio Oriente e Asia Central se facían urxentes, a fin de manter a raia a China e Rusia, o outro gran xogador desta partida. Igualmente, EEUU deu prioridade a áreas de producción como o Golfo de México, o Delta do Níxer e a costa occidental africana, mentres se vixía estreitamente a situación en Venezuela. Canadá, que aporta o 17% da súa producción a EEUU, tamén se atopa na área de interese de Washington. Do mesmo xeito, e para evitar futuros problemas de excesiva dependencia do petróleo, a administración Bush deu “carta branca” aos seus plans de investigación do hidróxeno como eventual reemprazante do petróleo. Estes proxectos se estiman complicados pero poderían presentar bos resultados nun período de 15-20 anos.

Pero a nova área xeopolítica que cobrará importancia na axenda dos principais consumidores se atopa nas reservas de gas natural do noroeste asiático, especialmente a rede de gasoductos que se planea construír desde a península coreana ata a de Kamchatka, en Rusia, próxima ás illas Sajalín, e pasando por Siberia. O enorme potencial de enerxía que posúe o Noroeste asiático foi unha constante preocupación para EEUU.

A xeopolítica do gas natural nesta zona ten en Rusia ao principal xogador. EEUU, China, as dúas Coreas e Xapón tamén apostan forte. Todos estes países buscan no noroeste asiático a clave para reducir as súas dependencias enerxéticas de Medio Oriente. Isto podería traer unha carreira de alianzas e disputas entre os principais consumidores e as principais compañías enerxéticas, con consecuencias xeopolíticas transcendentais. Mentres Rusia acelera os seus contactos coas dúas Coreas, especialmente co réxime do Norte, para o paso dos gasoductos desde a península coreana ata o eixe Siberia-illas Sajalín, EEUU busca romper esta distribución. As presións estadounidenses cara o réxime de Pyongyang ao consideralo parte do “eixe do mal” e por negarse a suspender o seu programa nuclear, poderían ter en factores enerxéticos un dos seus principais obxectivos.

Atenazada por EEUU en Medio Oriente e Asia Central, China busca nesta zona a solución ás súas demandas enerxéticas, a fin de construír gasoductos en Corea do Norte que pasen por Siberia cara China, unido aos proxectos, aínda non concretados, de oleoductos desde Turkmenistán e Kazajstán. Por outra banda, Rusia tamén ve con preocupación os movementos que EEUU e China poderían estar executando nesta rexión, de aí que xogue cunha posición ambivalente cara Washington en varias decisións de política internacional.

A importancia enerxética da península coreana podería augurar cambios políticos de importancia, como un maior acercamento entre as dúas Coreas toda vez que os intereses de Washington, Moscova, Beijing e Tokio coincidan nese sentido. Propiciar o diálogo e a seguridade nesa zona tan volátil e perigosa sería a mellor baza para diminuír a carreira armamentista no leste de Asia.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/05/2003
Fernando Pol