| Presencia-Opinión |
| O multilateralismo, principal víctima en Cancún Por Ramón Lugrís (a contrafío, 17/09/2003) |
|
“En Cancún non daba para estar moi orgulloso de ser europeo”, dicía un correspondente do xornal italiano “La Repubblica”, para logo atacar a actitude da Unión Europea na Conferencia Ministerial da OMC. Non daba para estar orgulloso de ser de lugar ningún porque o fracaso da Conferencia atinxe a todos, por máis que a culpa fundamental sexa dos países ricos e, principalmente, dos europeos e os Estados Unidos. A consecuencia máis grave do fracaso é o retroceso do multilateralismo. Non quer isto dicir que a OMC vaia desaparecer, ou que o diálogo entre os países participantes na Conferencia vaia romperse. En Xenebra, a partir de agora mesmo, os negociadores “de segunda categoría” volverán a retomar os temas de Cancún porque, en fin de contas, o que se pretendía na fracasada Conferencia era dar forma a un proxecto de comercio multilateral internacional que, como idea, naceu en Doha hai dous anos e que debería facerse efectivo o 1º de xaneiro de 2005. O máis grave da desfeita en Cancún é a posibilidade de que os países poderosos, a comezar polos Estados Unidos, dean as costas ao multilateralismo. A Unión Europea aparece agora como o inimigo peor dos países en desenvolvemento pola súa negativa a reducir e chegar a eliminar as subvencións que da aos seus agricultores. Mais o perigo de que os Estados Unidos refuguen o multilateralismo está moi presente. Un membro da delegación británica en Cancún díxolle a un xornalista do dominical The Observer que “os norteamericanos estanse comportando como os soviéticos nos anos oitenta”. E un membro, non identificado, da delegación norteamericana, dixo, tranquilamente, que eles, os Estados Unidos, defenderán os seus intereses mediante acordos bilaterais. O fracaso das negociacións atinxiu a tódolos aspectos do programa da reunión, dende o acordo en principio sobre dos medicamentos, que ao final non foi ratificado por tódolos interesados e, por tanto, poderá ser cuestionado novamente polos países defensores das patentes farmacéuticas, ata o acceso dos productos non agropecuarios aos mercados, problema relacionado, por parte dos países en desenvolvemento, co tema das subvencións que os países ricos dan á súa agricultura. A gran sorpresa da Conferencia foi o nacemento do Grupo dos 21, liderado por Brasil, India e China, e que enfrontouse directamente aos países industrializados. Foi unha xogada moi importante, que vai mudar moitas cousas no panorama internacional e, por descontado, na OMC. O xefe da delegación brasileira, e Ministro de Relacións exteriores, Celso Amorim, dixo en nome do G21, que “non se trata dun grupo teórico, mais dun grupo profesional, que quer construír un sistema comercial aberto e xusto”. As ONG presentes en Cancún celebraron a constitución do G21 e o fracaso da Conferencia como un éxito para o mundo subdesenvolvido, celebración que tivo eco en moitos movementos altermundistas. Con todo, non é a primeira vez que o “terceiro mundo” desafía aos países poderosos, e sempre saíu perdedor. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas, coa entrada das antigas colonias de África e Asia, enfrontouse en moitas ocasións aos países occidentais e, principalmente, aos Estados Unidos. Resultado: a Asemblea foi perdendo protagonismo, socavada pola política bilateral das potencias occidentais. Outro exemplo pode ser o do chamado Grupo dos 77, que naceu para facer fronte común contra os poderosos, e languidece dende hai moitos anos. E pódese citar tamén o Movemento dos Países Non Aliñados, que, primeiro, foi acusado de ser un instrumento da Unión Soviética en tempos da “guerra fría” e que agora non ten rol ningún que representar no mundo unipolar. Falan algúns comentaristas de que o G21, pola forza numérica dos seus pobos, pode ser un inimigo importante dos países ricos. Fálase tamén da influencia que pode ter o feito de que os seus compoñentes poden ameazar aos desenvolvidos con denunciar as dívidas que teñen. Todas poden ser armas importantes, mais as experiencias de moitos anos deixan pouca marxe á esperanza. |
|
Ramón Lugrís é analista do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/09/2003 |