Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Cancún, a OMC nunha encrucillada
Por Ramón Lugrís (A Nosa Terra, 11/09/2003)
 
 

“Poucas serán as veces – si é que hai algunha – en que un acordo comercial concertado entre ricos e pobres non sexa en realidade un roubo legalizado”, escribía en vésperas de Conferencia Ministerial da OMC George Monbiot, un dos comentaristas altermundistas máis combativos e autor, entre outras obras, dun recente “manifesto para unha nova orde mundial” (The Age of Consent: a manifesto for a new world order, Londres 2003).

A desigualdade entre as forzas presentes en Cancún non deixa espacio para moitas esperanzas. Por dar un exemplo, calcúlase que o comercio mundial move 10 millóns de dólares por minuto, mais de tan enorme suma soamente un 0,4% corresponde aos 49 países menos adiantados. Mesmo a diferencia de volume das delegacións ilustra a distancia entre a forza negociadora das dúas partes: nunha recente serie de reunións da OMC a Unión Europea tiña 500 delegados. Haití, un.

Teoricamente, a Conferencia de Cancún debería constituír o final dun proceso, iniciado en Doha (Qatar) en 2001, para unha nova “rolda” de negociacións que levarían adiante a liberalización do comercio consagrada na chamada “Rolda Uruguai”, que en 1993 sentou os alicerces da Organización Internacional do Comercio, nacida en 1995.

Os aspectos principais da Conferencia son a liberalización do mercado agropecuario, co tema asociado das subvencións, as patentes farmacéuticas e a saúde pública e o “trato especial e diferenciado” para os países subdesenvolvidos, e todo iso relacionado co desarme arancelario.

O pasado 30 de agosto, a OMC declarou victoria nas espiñentas negociacións sobre as patentes farmacéuticas e asegurou que os países pobres poderían en adiante mercar fármacos xenéricos, máis baratos que os patentados. A realidade non é tan luminosa porque subsisten moitas limitacións. E, por outra banda, o poder adquisitivo de moitos países non permite mercar nin os fármacos xenéricos. Os países pobres (e son datos do Banco Mundial) soportan máis do 80% da carga mundial de enfermidades, mais representan só o 10% dos gastos en saúde.

Na agricultura o panorama é peor. As nacións ricas –a comezar pola Unión Europea– subvencionan fortemente as súa agricultura e, ao mesmo tempo, obstaculizan a entrada nos seus mercados dos productos de países en vías de desenvolvemento. Os prezos que os agricultores da OCDE obteñen son, en promedio, un 31% superiores aos prezos dos productos agropecuarios no mercado mundial. Resultado: superproducción no mundo desenvolvido e porta fechada para os productos do terceiro mundo. E no eido das manufacturas, o promedio arancelario que a OCDE aplica ás manufacturas importadas de países en desenvolvemento é catro veces superior ao aplicado ás manufacturas importadas dentro da OCDE.

Fronte dunha situación tan inxusta, ¿qué facer? Non hai moitos anos, cando a Conferencia de Seattle (1999) parecía que a actitude “moral” era declarar a guerra á OMC. Co paso do tempo, as cousas xa non son tan nidias. É curioso que, por unha parte, o xa citado George Monbiot, vello inimigo da liberalización comercial, agora confese ter estado equivocado e que, no bando contrario, Stephen Byers, ex-ministro británico de comercio e defensor da OMC cando Seattle, recoñeza agora que “as políticas comerciais de liberdade de mercado son nocivas para os pobres”, e que os dous, e moios máis comentaristas, pensen agora que a OMC é importante para o mundo enteiro, mais que precisa ser reformada. Unha razón para esa nova actitude é a de que os Estados Unidos – que xa no 1947 fixeran fracasar o proxecto de organización mundial do comercio, que ficou relegada como algo provisional na estructura do GATT, o Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio – levan unha política no seo da OMC que, ao longo termo, desvirtúa os principios da organización. Son os Estados Unidos (aínda que tamén hai outros países) os que, para superaren dificultades, favorecen os acordos bilaterais ou, ao máximo, rexionais, porque lles permiten exerceren máis presión sobre dos “socios” febles que os acordos multilaterais que propón a OMC.

Mesmo se as perspectivas de Cancún non sexan moi atractivas, é necesario manter unha organización intergubernamental como a OMC (de igual xeito que hai que manter as Nacións Unidas e os seus diversos organismos). Peor que unha organización, que pode ser obxecto de reforma si os movementos altermundistas acadan forza dabondo para exercer presión sobre dos gobernos, é un mundo sen normas internacionais que gobernen as relacións entre os países e no que sexa máis doado para os ricos impor a súa vontade.

 
 

Ramón Lugrís, ex-funcionario das Nacións Unidas e colaborador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2003
Fernando Pol