Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Borobó, mestre e animador de escritores novos
Por Ramón Lugrís (A Nosa Terra, 09/10/2003)
 
 

Nunca cheguei a entender cómo Borobó podía facer os seus “Anacos” escribindo naquel papel de prensa. Mandaba que lle cortaran follas máis ben longas e estreitas, que non respondían a ningún tamaño normalizado. Eran, se acaso, como versións aumentadas da columna que logo aparecería no xornal. El dicía que só podía escribir naquelas follas, e con estilográfica, que rabuñaba no cativo papel de prensa racionado de tal xeito que case daba grima. Mais o producto final sempre era de boa calidade. Como de boa, primeirísima, calidade eran os consellos e leccións que, desinteresadamente, daba a tódolos rapaces e raparigas que se lle achegaban con orixinais para “La Noche”. Consellos e tamén advertencias, especialmente para que non pretendéramos facer teses doutorais nun artigo de xornal.

Nos desérticos eidos culturais da época franquista, Borobó foi quen de facer un xornal máis aberto ás ideas de progreso e máis achegado á realidade galega que todo o resto da prensa do país. O “suplemento” dos sábados, dedicado á literatura ou á economía galegas, foi posiblemente o único foro no que, paseniñamente, foron tendo cabida escritores que andaban represaliados ou espallados polo mundo e que reconectaron ao lector ca cultura galega. Ou o que el chamaba “suplemento estratéxico” dos martes, no que, saíron artigos dedicados aos primeiros pasos do europeísmo que o resto da prensa soamente mencionaba con telegramas de axencias sen comentarios.

Tampouco houbo outros xornais que abriran as súas columnas ás inquedanzas da mocidade universitaria nin que, moito menos, permitiran que un fato de xente nova tivera unha páxina propia, feita polos propios colaboradores. ¿Qué outro xornal, por exemplo, publicou na época unha páxina para conmemorar o centenario de Almeida Garret, cando as letras portuguesas non merecían practicamente comentario ningún na prensa española? E non dubidaba en publicar artigos asinados con pseudónimo cando o autor estaba mal visto polas autoridades ou vetado pola empresa editora do xornal.

Borobó, mestre de xornalistas e mentor de todo escritor novo, non só ofrecía espacio no xornal, senón que, nos seus “Anacos”, non desaproveitaba ocasión ningunha para animar á xente nova, dedicándolles –dedicándonos, porque quen esto escribe estaba no lote– gabanzas probablemente desmedidas.

Por razóns familiares (meu pai foi moitos anos administrador de “El Correo Gallego” e “La Noche”), a miña relación con Borobó era máis directa que a de moitos colaboradores. As linotipias, que me fascinaban, o cheiro da tinta, o papel de prensa – que tamén servía para facer cadernos de colexio -, o misterio do fotogravado de Chicharro, todo eso, que formaba parte da miña infancia e adolescencia, fixo que, cando chegou o tempo das inquedanzas políticas ou literarias, tivera eu máis posibilidades de procurar un camiño ata as columnas de “La Noche”. E Borobó non dubidou en darnos oportunidades para que, ao longo do tempo, aqueles rapaces que comezaban a escribir foran converténdose no que logo se chamou “a xeración de La Noche”.

Con todo, por moito que para min e para os meus coetáneos, fose esa faceta do Borobó protector de escritores novos o máis importante, o labor que el fixo a través dos “Anacos” e da dirección do xornal ten unha transcendencia moito maior. Boa parte da historia de Galicia está contada, cachiño a cachiño, na columna cotián que Borobó, con letra grande e decidida, máis que escribir rabuñaba naquel papel reciclado antes de se ter inventado este concepto.

 
 

Ramón Lugrís, ex-funcionario das Nacións Unidas e colaborador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/10/2003
Fernando Pol