| Presencia-Opinión |
| UNITA busca un sucesor Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 01/07/2003) |
|
Parece que a dura misión á que se enfrontaba hai uns días o principal partido da oposición en Angola foi superada sen grandes dificultades. A semana pasada tivo lugar en Luanda a elección do substituto de Jonas Malheiro Sidónio Savimbi, no noveno congreso da Unión Nacional para a Independencia Total de Angola. Trala morte do mítico fundador do que fora movemento guerrilleiro, UNITA, fundado en 1966 e que conta con 70 dos 220 deputados da Asemblea Ncional, a sensación de baleiro e desconcerto asolou á organización. Esa situación que se prolongaba dende o falecemento en combate de Savimbi, en febreiro do ano pasado, fixo que, conscientes de desintegración e falta de liderazgo, os dirixentes do partido decidiran levar a cabo eleccións internas para nomear un novo presidente. Presentábanse á elección Isaías Samakuva (xefe da antiga misión externa da organización), Paulo Lukamba Gato (secretario xeral do movemento) e Eduardo Chingunji (militante de base e herdeiro dunha familia tradicional da UNITA). Significativo do carácter de cambio e modernidade que se pretende operar na organización e coa idea de convertela nunha formación política con expectativas de chegar ó poder destacou a participación de figuras do MPLA (Movemento para a Liberación de Angola) como Roberto de Almeida (presidente do Parlamento ), Joao Lourenço (secretario xeral), Kundi Pahama (ministro de defensa), entre outros. Despois dunha campaña digna do mellor espectáculo occidental, con debates televisivos e radiofónicos, o candidato elixido foi Isaías Henrique Ngola Samakuva, quen logrou obter 1.067 votos dos máis de 1250 delegados reunidos en Luanda. Gato obtivo 277 e Chingunji 20. O novo presidente da UNITA (segundo na historia da organización) naceu en Silva Porto-Gare (actual Kunji) e entrou na organización en 1974. Un ano despois foi nomeado inspector xeral de traballo, do goberno democrático. En 1976 volta ó combate e dous anos máis tarde entrará a formar parte do gabinete presidencial de Savimbi. Máis tarde desempeñaría funcións de tesoureiro, ó mesmo tempo que facía de representante de UNITA no Reino Unido. Durante o período de 1994 a 1998 foi xefe da delegación da organización na Comisión Conxunta, órgano encargado da aplicación do Protocolo de Lusaka, e liderou a misión externa de UNITA en París, antes de regresar a Angola en decembro do pasado ano. Estes comicios internos non son unha mera elección senón que significan a esperanza de seguir adiante co proceso de democratización e reconciliación iniciado hai máis dun ano, unha condición a súa vez indispensable para normalizar a vida política de Angola. Coincidindo con este evento, o presidente da angolano, José Eduardo dos Santos convocou unha reunión do Consello da República para debater a convocatoria das próximas eleccións lexislativas e presidenciais. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/07/2003 |