| Presencia-Opinión |
| Situación de desconfianza en Guinea Bissau Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 24/06/2003) |
|
Hai dous meses falabamos dun proceso de eleccións tardías en Guinea Bissau, sen embargo, hoxe non podemos falar dunha mellora da situación, senón de todo o contrario. A escusa de falta de financiamento, da que xa falabamos entón, non parece ser a única causa deste atraso, os problemas técnicos para poñer ó día os censos se converten nun reto insuperable para os responsables guineanos. Co Parlamento disolto dende novembro, esta é a terceira vez que as eleccións se pospoñen, a data inicial prevista para febreiro cambiouse para abril e logo para xullo. Hoxe parece que non será posible celebrar os comicios como moi cedo ata agosto ou setembro. O problema radica en que a presión que se está a exercer dende o exterior e a intermediación do Secretario das Nacións Unidas, Kofi Annan, están a ser infructuosas e están a orixinar un certo malestar que pode facer efectiva a ameaza de retirar as axudas dos programas que a ONU prometera ó país africano, polo menos ata que a situación se normalice. Cuestións como que o Tribunal Supremo estivera meses sen presidente, que os militares e funcionarios non cobren os seus soldos, que a represión exercida nos medios de comunicación aumentara..., están a xerar unha situación de desconcerto e incerteza que afecta á credibilidade e á lexitimidade das institucións estatais. A isto hai que engadir a falta significativa de recuperación do país despois da guerra civil, a tenencia de escasas infraestructuras, e o actual desenvolvemento económico negativo, provocado na súa meirande parte polo retroceso da demanda, asociada á caída dos prezos das exportacións de anacardo, e a unha perda importante da axuda estranxeira, debida sobre todo a falta de confianza na recuperación política e social no futuro inmediato. Este pequeno país basea a súa pobre economía na agricultura de subsistencia e na exportación de peixe e anacardos, e depende de doazóns de arroz do programa de alimentos do mundo para axudar a alimentar a unha poboación de máis dun millón de persoas. O Consello de Seguridade das Nacións Unidas ó longo dos últimos días estivo amosando a súa preocupación pola situación do país e instando tanto os líderes nacionais coma os líderes da comunidade internacional a traballar conxuntamente pola pacificación e a construcción das condicións para que as eleccións parlamentarias poidan ser celebradas o antes posible, de xeito claro e satisfactorio. Este órgano espera que a situación non chegue a ser susceptible dabondo como para crispar á oposición ata o punto de facer que esta incite ós seus seguidores a cometer actos violentos. Aínda que a principios de mes o Presidente Kumba Yala modificou o seu gabinete, nomeando, nun “acto de boa vontade”, ministro de cultura a un dos periodistas que máis o ten criticado, no informe trimestral do Secretario de Nacións Unidas este deixou clara a súa visión dun empeoramento da situación do país e falou dun deterioro xeral do clima político. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2003 |