| Presencia-Opinión |
| O segredo desvelado Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 04/02/2003) |
|
O día 5 de febreiro fanse públicas as probas que os Estados Unidos agochan con tanto misterio. A súa presentación demostrará que Iraq posúe armas de destrucción masiva. O mércores, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas terá a posibilidade de coñecer ditas probas de man do secretario de Estado da Administración Bush, Colin Powel, e terá entón que adoptar unha decisión, aínda sendo evidente que, con ou sen apoio do Consello, haberá conflicto armado. A nación máis poderosa do mundo logrará lexitimar novamente o uso da violencia para controlar os recursos estratéxicos. Cómpre non esquecer que o detonante da Guerra do Golfo de 1991 foi o petróleo, recurso que fixo posible a desestabilización da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), e o control do prezo do crú por parte dos EEUU. Pero esta circunstancia nin é nova nin ten límite. Tódolos continentes teñen vivido “as guerras polos recursos”. Non é moito o que hai que retroceder no tempo para albiscar algúns exemplos destacables. A mítica Guerra do Vietnam, no continente asiático, serviu de tapadeira á empresa Mobil para facer prospeccións no sur do país. En África, A Unión Nacional para a Independencia Total de Angola (UNITA), mantivo unha loita encarnizada co Movemento para a Liberación de Angola (MPLA), os primeiros, financiados por Sudáfrica e Estados Unidos, controlaban os diamantes, e os segundos, apoiados pola URSS e Cuba, mantiñan o control do petróleo. En Europa o punto conflictivo é o Leste: os plans de Washington se centran na construcción dun oleoducto que comunique o Mar Negro coa Costa Adriática. Neste área a rede de oleoductos que interesa a americanos e ingleses fixo que se tecera un complexo abano de pactos e acordos con países da zona, co que se financiou a grupos armados coma o Exército de Liberación de Kosovo... En Latinoamérica, a Guerra Civil de Guatemala, tivo como centro neurálxico a zona de Izxcan, onde, casualmente, estanse a explorar reservas petrolíferas. Na loita polo control dos recursos son poucos os inocentes. Iraq non soamente invadiu Kuwait, tamén reprime aos curdos para poder facerse co control dos xacementos que existen no seu territorio. Con este panorama, por moitos prazos que se soliciten para as inspeccións de desarme, non parece probable que a conta atrás se deteña. Só será cuestión de días que os intereses duns poucos lexitimen as guerras que pasarán a ser de todos. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2003
|