Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
O Mundo Árabe na nova crise
Por María del Mar Gómez (Tempos Novos, abril/2003)
 
 

Moitas son as especulacións que rodean a esta nova intervención militar protagonizada polos Estados Unidos e os seus cómplices. Resulta evidente que o prezado líquido negro é unha das claves da cuestión, pero sería moi reduccionista de non ter en conta outros factores que a rodean.

No que atinxe ao petróleo, os datos falan por si sós: hai tres anos, o 55% das importacións dos Estados Unidos tiñan a súa orixe en Canadá, Arabia Saudita, Venezuela e México. Baixo esta perspectiva, o rudo Cheney recomendaba entón manter boas relacións políticas e económicas con estes países.

Sen embargo, as prediccións futuras, feitas pola Axencia Internacional da Enerxía, auguran en 2020 unha dependencia dun 58% do petróleo producido en Oriente Medio, para USA, e dun 79%, para Europa, algo que pode servir para explicar as diverxencias entre EEUU e a UE á hora de tratar o desarme iraquí. Pero aínda hai máis, en 2022, os Estados Unidos mercarán dous tercios dos barrís de cru que precisen para o seu consumo.

A cuestión enerxética é algo que as distintas administracións norteamericanas sempre tiveron en mente; de feito, un dos primeiros empeños do ex gobernador de Texas cando chegou á Casa Branca foi definir co seu goberno a seguridade enerxética como a prioridade clave da súa política exterior, algo do que todos hoxe somos testemuñas.

Neste contexto, e xa que o petróleo do mundo é un asunto de seguridade nacional para a Administración Bush, ademais de América Latina, os Estados Unidos definiron catro áreas xeográficas como estratéxicas no abastecemento de petróleo e gas natural. Ademais de Arabia Saudita e os outros productores de Oriente Medio, deberíase traballar por producir máis no hemisferio occidental, África e o Caspio (casualmente ó norte de Afganistán), e outras zonas con abundantes recursos petroleiros.

¿Que alicientes, en cifras concretas, fan que os Estados Unidos estean dispostos a asumir os custos da guerra, ademais de reactivar a súa economía?. A este respecto, cómpre dicir que as reservas de cru de Iraq ascenden á nada desprezable cantidade de 115.000 millóns de barrís, o que supón o 11% do total do planeta. Pero aínda hai máis, a Energy Information Administration de Estados Unidos pensa que as reservas non descubertas poderían alcanzar os 200.000 millóns de barrís.

Dende a Guerra do Golfo de 1991, compañías petroleiras de máis de 10 países, entre eles, Francia, Rusia, China, India, Italia, España, Vietnam, Alxeria, Indonesia, Malasia... estableceron acordos para mellorar as infraestructuras das explotacións iraquís, modernizar as instalacións existentes e explorar novos xacementos.

Pero non todos os males e todas as crises do Golfo son achacables á familia Bush, nin sequera neso son xenuínos, senón que debemos ter en conta, sen ir máis lonxe, que a Administración norteamericana xa comezara no 73 a poñer a punto plans para apoderarse dos xacementos de petróleo. De feito, en 1975 cando James Schlessinger tiña o cargo de Secretario de Defensa xa dera a entender que as accións militares destinadas a facerse co control de xacementos estarían xustificadas.

Tamén na época do bo de Carter se creou, coincidindo coa caída do Sha en Irán, unha forza de acción rápida para protexer das posibles ameazas a países do Golfo, productores de petróleo. Pero en realidade foi Reagan quen materializou esa idea dotándoa de 500.000 homes. As forzas estadounidenses comezaran a preparar a famosa operación “Escudo do deserto” no 89, cando o xeneral Schwarzkopf foi nomeado para dirixila. Polo tanto, a invasión de Kuwait, o mesmo que hoxe acontece co desarme, son simples escusas para acadar obxectivos concretos e menos confesables.

A seguinte pregunta: ¿será Iraq o único país atacado e cal será o papel do mundo árabe na crise?. En realidade, deberiamos ter en conta dúas frontes principais, o mundo árabe en xeral e o papel do conflicto árabe-israelí.

Dende os anos 70, os países productores de petróleo asumiron o compromiso económico e político de actuar cunha perspectiva complementaria, sobre todo a partires do ano 73. Era o paso necesario para esquecer a derrota do 67 fronte a Israel. A iniciativa concretouse no Cumio de Ammán, en 1980. Falouse entón da elaboración dun plan de desenvolvemento panárabe, destinado a favorecer o impulso e o desenvolvemento do mundo árabe. Sen embargo, os compromisos non se respectaron e non houbo plasmación práctica.

Neste momento, a Liga Árabe apoia, polo menos sobre o papel, a Iraq. Nunha longa e tensa sesión os países reunidos no Cairo elaboraron unha declaración na que se pedía, entre outras cousas, a retirada inmediata das tropas estranxeiras de Iraq, a celebración dunha reunión urxente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas para tratar o tema, definir os ataques como violacións do dereito internacional e pedir a todos os países árabes que se abstiveran de apoiar e participar nas accións militares dirixidas por Estados Unidos. Esta resolución foi aprobada con 21 votos a favor e coas reservas de Kuwait. Sen embargo, e pese á efusividade de certas autoridades como as de Qatar ou Omán o certo é que non hai moitas esperanzas de que desa xuntanza saian froitos concretos e non só declarativos.

En realidade, no mundo árabe son as sociedades, e non os dirixentes, os que simpatizan con Sadam. É o mesmo que acontece no tocante a Palestina, nesa zona do planeta a xente síntese oprimida e identificase cos palestinos presionando a unhas autoridades que non se dan por aludidas.

¿E o conflicto árabe-israelí? Tra-la derrota de 1967, despois da guerra de 1973 e, sobre todo, despois da invasión do Líbano, a dispersión do esforzo árabe fronte a Israel demostrou que o único diálogo que este pretende manter cos países da zona é o da forza. A partir da guerra do 73, Israel opta por aproveitar a súa vantaxe tecnolóxica e co apoio dos Estados Unidos reforzar a súa presencia militar na rexión, e protexendo os pozos de petróleo.

Para Israel, a súa seguridade real depende da destrucción da identidade árabe-islámica rexional ou da desaparición de estados ou entidades árabes relativamente grandes, como casualmente é o caso de Iraq, país que conta con máis de 23 millóns de habitantes e máis de 430.000 quilómetros cadrados de superficie. Esa seguridade real de Israel require a transformación da rexión nunha entidade medio-oriental, así como a transformación das súas estructuras político-sociais.

Se pretende unha nova orde rexional trazada por norteamericanos e israelís baseada na necesidade de dividir ós países árabes grandes (Exipto, Siria –que xa foi ameazada publicamente-, Iraq ou Arabia Saudita) e establecer un estado que substitúa a actual Xordania. A idea fundamental desta estratexia é conseguir disgregar os estados árabes, fomentando as loitas entre diversas faccións e etnias, avivando disputas rexionais. De feito, a poboación iraquí está composta por diferentes grupos humanos, árabes, curdos e outras minorías. O longo da historia esta gran diversidade dificultou a cohesión nacional e propiciou a inxerencia estranxeira, codiciosa das reservas de petróleo e de gas natural que ten no seu subsolo, reservas que ocupan os postos segundo e décimo respectivamente no ranking mundial.

Ademais, Israel obtén do seu matrimonio con USA vastas transferencias de recursos financeiros, 2.800 millóns de dólares ó ano, ademais de armamento e tecnoloxía, acceso sen restriccións ó mercado americano, libre acceso de emigrantes, compromiso de apoio incondicional en caso de guerra, posibilidade de veto de EEUU ante calquera resolución da ONU, algo normal se temos en conta o papel dos xudeus proisraelís en sectores estratéxicos da economía norteamericana, partidos políticos, Congreso, Poder Executivo...

Unha ironía desta crise é que a obsesión dos EEUU contra o terrorismo e os grupos islámicos se cebe xusto co réxime que antes lle axudara a edificar unha barreira laica fronte o islam radical que representaba o Irán dos 80.

Ademais, a debilidade da oposición iraquí podería dar lugar a unha desmembración do país, kurdos ó norte en posesión de Mosul e Kirkuk, xiítas no sur coas cidades santas do xiísmo Krabala e Najaz, pero tamén coa totalidade dos xacementos petrolíferos do sur de Bagdad, e o centro para a minoría suní.

É certo que se Sadam non tivera petróleo podería torturar e asasinar con total impunidade, como ata agora facía, e coma outros fan tódolos días. Como tamén é verdade que as armas de Iraq non son nada comparadas coas de Israel. Nada deso está en cuestión, nin é máis importante que o imperativo do crecemento económico dos Estados Unidos, e a necesidade de mostrar a Europa, Rusia, China e Corea e Oriente Próximo quen manda.

 
 

María del Mar Gómez é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2003
Fernando Pol