Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
Guinea Bissau: o dilema electoral
Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 22/04/2003)
 
 

Parecía que as cousas se estaban a resolver en Guinea-Bissau cando alá polo ano 1999 se celebraron eleccións “libres e limpas” nas que Kumba Yala resultou elixido presidente da República e a constitución dun novo parlamento era noticia destacada, pero non foi así: hoxe nos atopamos cunha convocatoria de eleccións anticipadas máis que complicada. A organización e vida deste país africano non difire moito dun marco político e social no que persiste o conflicto.

O principal problema co que se atopou o intento democratizador foi a persistencia, , tan presente en tantos outros países do mundo, da vinculación dos militares á política do poder, algo que non favoreceu o proceso. O xeneral Ansumane Mane entregou o mando no 2000, pero a súa influencia deixouse notar ata a súa morte en novembro do mesmo ano, despois dun intento de golpe de estado, facilitado pola ausencia de medios non só materiais senón tamén humanos, a falla de experiencia parlamentaria, e un sistema xudicial que carece ata de maxistrados suficientes nos que apoiarse...

A República de Guinea Bissau, que conta cun sistema multipartidista dende mediados de 1991, enfrontase á segunda convocatoria electoral dende a fin da guerra civil. Nas eleccións están en xogo 102 escanos da Asemblea Nacional do Pobo. Os principais partidos que participan na pugna electoral son: Partido da renovación social (PRS) que lidera o actual presidente; o Partido de resistencia de Guinea Bissau- Movemento Bafata (RGB-MB); Partido africano pola independencia de Guinea Bissau e Cabo Verde (PAICG); Partido da alianza democrática (AD); Partido de unión polo cambio (UM) e Partido social demócrata.

A convocatoria, anunciada trala disolución do parlamento en novembro do ano pasado, debeuse ó irresoluble desencontro entre o presidente Yala e o primeiro ministro, Pires, no tocante sobre todo ó sistema tributario do país.

Dende que se convocaron as eleccións, os nervios e a incerteza apoderáronse da escena política. Mentres a oposición trata de tirar proveito da conxuntura para derrocar a Yala, este se compromete coa campaña do Partido para a renovación social. A oposición acusa o presidente, quen anunciou a súa participación no proceso electoral, de violar o artigo 65 da Constitución no que se recolle a prohibición de participación do presidente en actos públicos ou privados que non estean relacionados coa súa función de presidente da República.

A ausencia dunha maioría parlamentaria clara deu lugar a un estancamento político que tivo coma consecuencia a formación de 4 gobernos dende que Yala chegara ó poder en xaneiro de 2000.

Oposición, sociedade civil, igrexa e Nacións Unidas están preocupados pola falta de impulso do país, cun aumento considerable da inestabilidade.

O goberno argumenta falta de medios para atrasar o proceso, previsto nun primeiro momento para o pasado mes de febreiro. O ministerio da administración reclamaba 5 millóns de euros de presuposto para poder levar a cabo as eleccións. A pesares do atraso, segundo o secretario xeral deste ministerio, nada impedirá que os guineanos acudan ás urnas o 6 de xuño.

Para favorecer esa normalización, Guinea recibiu esta fin de semana a primeira remesa de material electoral que Portugal prometera. O embaixador portugués no país aproveitou para salientar que esta era unha clara mostra do interese do seu país por ampliar a cooperación cos países africanos de fala portuguesa. Trátase do primeiro apoio internacional concreto que o país africano recibe para resolver o dilema no que se atopa.

 
 

María del Mar Gómez é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/04/2003
Fernando Pol