| Presencia-Opinión |
| Guinea Bissau: lento camiñar cara á transición Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 30/09/2003) |
|
Xa hai máis de medio mes dende que os militares, liderados polo xeneral Verissimo Correia Seabra, deron o golpe de estado en Guinea Bissau, e despois dese tempo e de duras negociacións, o empresario Henrique Pereira Rosa sustituiu a Correia coma presidente interino do país. Este home de negocios, sen afiliación política, e cunha participación destacada na Comisión electoral nacional das primeiras eleccións multipartidistas de Guinea Bissau, no 94, contou co apoio consensuado dos membros da xunta militar e co dos demais sectores implicados na vida política do país africano. Henrique Pereira exercerá o poder interino durante un período estimado de dous anos, mentres se preparan as condicións necesarias para garantir a celebración de comicios. Sen embargo, o preocupante é o desacordo e a ruptura xerada á hora de nomear a Antonio Artur Sanha, secretario xeral do partido de renovación social (PRS), de Kumba Yala, e pertencente á tribo Balante ó igual que a maioría dos oficias militares, coma primeiro ministro guienense. Esta candidatura provocou a protesta de diversos sectores implicados na negociación da transición do país. Entre os seus detractores estarían ademais da PLACON, Plataforma de Concertación das Organizacións Non Gobernamentais de Guinea Bissau, nove partidos políticos: Movemento Democrático da Guinea (MDG), Manifesto do Pobo (MP), Alianza Popular Unida (APU), Partido da Unidade Nacional (PUN), PAIGC (Partido Africano para a Independencia de Guinea Bissau e Cabo Verde), Unión para a Mudanza (UM), Unión Nacional para o Desenvolvemento do Pobo (UNPD), Partido Democrático (PDG) e do Partido Democrático e Social (PDS). Esta división pode afectar de xeito definitivo a futuros compromisos entre militares e partidos políticos. Preveuse que o proceso de transición para Guinea Bissau se levara a cabo en 18 meses, segundo se recolle na carta de transición política elaborada a tal efecto. Dentro dese prazo está previsto celebrar eleccións, tanto lexislativas coma presidencias. As primeiras deberan celebrarse dentro de 6 meses e as segundas no prazo dun ano. O responsable das negociacións entre as diferentes faccións, partidos, comité militar e sociedade civil, Joaquim Baldé, mantivo que a carta de transición é un instrumento necesario á hora de establecer as competencias, funcións e composición, dos que están chamados a ser os órganos da transición. Como órgano básico deste período de transformación e incerteza as autoridades militares da excolonia portuguesa propuxeron a creación dun Consello Nacional de Transición, composto por 56 membros, 25 do comité militar, 23 dos partidos políticos e 8 da sociedade civil. Como se trata dun órgano con funcións de asemblea nacional, desaparecerá unha vez que esta estea novamente, e lexitimamente constituída. O Consello terá como misión o establecemento das pautas a seguir no goberno, e o control da comisión nacional electoral. Como vemos non será pola falta de órganos e institucións polo que o proceso de normalización de Guinea Bissau fracase, sen embargo non podemos dici-lo mesmo do compromiso e implicación do resto dos países. Se ben é certo que todos condenaron o golpe, algúns estados trataron de que os militares trasladasen certo protagonismo á sociedade civil á hora de levar a cabo a transición, outros de que se restituíse a orde constitucional.., pero en xeral a sociedade internacional móstrase máis ben impasible ante os acontecementos. Por desgracia para este pobre país os tempos difíciles, lonxe de ter rematado, repetiranse no futuro inmediato. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2003 |