| Presencia-Opinión |
| Guinea Bissau: un golpe de estado anunciado Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 16/09/2003) |
|
A insostible situación que atravesaba Guinea Bissau dende hai case un ano acabou por provocar a caída, este domingo, do goberno de Kumba Yala. A crónica anunciada iniciábase o pasado mes de novembro cando o presidente guineano optou por disolver a Asemblea Nacional co gallo de celebrar uns comicios que foron pospostos en varias ocasións, e que aínda hoxe non teñen data definida. Pero a esa incerteza electoral hai que sumar unha situación de inestabilidade económico-social na que o crecemento da excolonia portuguesa vese estancado e onde as folgas se converten en algo cotiá. Ademais a centralización do poder, a submisión do aparello xudicial ó partido gobernante, a falta de liberdade de expresión a que se somete os medios..., son outros os detonantes que auspiciaron o levantamento militar. Todo isto sen contar con que o primeiro Ministro, Pires, ante o temor de perder as posibles eleccións ameazara con que se gañaba a oposición habería outra guerra civil coma a do 98. O golpe de estado foi perpetrado por un continxente militar formado por vintecinco altos cargos das forzas militares guineanas, e dirixido polo xeneral, e xefe do Estado Maior, Verissimo Correia Seabra, quen asumiu temporalmente a presidencia. A ocupación dos poderes constitucionais será exercida segundo Correia de xeito interino, só ata que se celebren eleccións democráticas. O goberno provisional creou un Comité Militar para a Restitución da Orde Constitucional (CMROCD) e prevé tamén a creación dun Consello Nacional de Transición, composto polo Comité Militar, polos representantes dos partidos que contaban con representación na Asemblea Nacional, por representantes do goberno provisional, do poder xudicial, da sociedade civil e das autoridades tradicionais e relixiosas do país. A pesares do recoñecemento por parte de diversos países e institucións internacionais, entre elas a Organización de Nacións Unidas e a Unión Europea, da grave crise político-institucional que este país africano estaba a vivir, as voces críticas non se fixeron esperar, dende a metrópole instouse ós militares a restablecer a orde anterior, pero tamén os veciños africanos pronunciaron o seu desacordo ante o levantamento, tal foi o caso de dirixentes coma Joaquim Chissano, de Mozambique, quen condenou o golpe. Na mesma liña se pronunciou o presidente senegalés, Abdoulaye Wade, o xefe de estado nixeriano, Olusegun Obasanjo, etc. Neste sentido a Comunidade Económica de Estados da África Occidental (CEDEAO) anunciou o envío dunha comisión de investigación a Guinea, que xa está traballando no país. A pesares do desconcerto do momento parece que a toma de poder non foi violenta e que tanto o presidente Kumba Yala coma o primeiro ministro Pires, retidos polos golpistas, están ben. Novamente a intención da Unión Africana (UA) de dotar de estabilidade ó continente vese frustrada polo estalido dunha situación de crise arrastrada dende había tempo e manipulada á conveniencia nunha rexión onde se mestura a corrupción política e a intervención estranxeira. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/09/2003 |