Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
Guerra a dúas bandas
Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 11/03/2003)
 
 

A actual República de Mozambique, como as outras colonias portuguesas, foi unha proveedora de man de obra, sobretodo para as minas de ouro de Sudáfrica. Novamente aquí, a denominación de Provincia de Ultramar só pretende edulcorar o colonialismo luso, que acudiu ó tribalismo para impedir o xurdimento do sentimento nacionalista. Pese a todo, o 25 de xullo de 1963 naceu o Frente de Liberación de Mozambique (Frelimo), formación que opta pola loita armada en 1964. En 1969 a quinta parte do país estaba controlada polo Frelimo. O 25 de xuño de 1975 proclamouse a República Popular de Mozambique.

En 1977 o Frente de Liberación se define como socialista e nacionaliza banca, sistema educativo e os principais resortes do poder económico.... Como nos países irmáns, saídos da máis absoluta miseria, Mozambique padeceu a corrupción, a ineficiencia, os desaxustes na economía, etc..., Por iso, en marzo de 1980 o presidente, Samora Machel, tratou de reorientar a súa política para erradicar estes problemas.

Será nesa década, nos anos oitenta, cando a situación da excolonia portuguesa se complique de xeito preocupante. Recén estreado o decenio, en 1981, comezan os altercados con Sudáfrica, que ademais de invadir fisicamente o territorio activará o seu apoio ó Movemento Nacional Mozambiqueño (Renamo).

A crise precipitarase a partir de 1985, por mor da conxunción de diversos factores: accións terroristas por parte de Renamo, grave sequía que provoca a caída da producción, a morte de gando..., agudizando todas as contradiccións ata un punto límite.

Trala morte de Samora Machel nun accidente de avión en 1986, o seu sucesor Joaquim Chissano impulsa o cambio, na liña imposta pola evolución internacional, pasando dunha economía nacional planificada a unha economía mixta, comeza as negociacións de paz coa Renamo, alentadas pola entrada en vigor da Constitución na que un dos argumentos do Movemento Nacional Mozambiqueño, a existencia do partido único, desaparece para dar paso ao multipartidismo. En 1991 recoñecese á Renamo como partido legal. Sen embargo non se chegou a acordo no tocante ó regulamento dos partidos.

Nesa época un dos maiores inimigos de Mozambique, a climatoloxía, ataca fortemente cunha esquilmadora sequía que obriga ó goberno a requerir axuda externa.

Nese mesmo ano, 1991, nace o partido de oposición, Partido Liberal e Democrático de Mozambique, e ó mes seguinte hai un intento de golpe de estado por parte dos que se opoñen ó proceso de paz. Nembargantes, en agosto do mesmo ano Chissano era reelixido presidente da República.

En outubro de 1992, o presidente de Mozambique e o líder da Renamo, Dhlakama, firman o acordo de paz que pon fin a 16 anos de guerra, cun balance de máis de un millón de mortos e cinco veces máis de refuxiados.

A pesares dos posteriores problemas e da necesidade nun primeiro momento de supervisión exterior na zona para que o proceso de paz chegara a bo porto, o certo é que os mozambiqueños levan xa 10 anos de paz. Sen embargo, a outra loita, a loita contra a pobreza segue a ser dura, e segue a necesitar da axuda externa, sobre todo cando ós factores económicos, políticos..., hai que sumarlle os climatolóxicos: cando non son sequías son inundacións de proporcións desastrosas coma as que castigaron duramente ó país o ano pasado.

 
 

María del Mar Gómez é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2003
Fernando Pol