| Presencia-Opinión |
| Entre folgas e eleccións Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 09/09/2003) |
|
Guinea Bissau está a vivir unha situación interna marcada pola incerteza e o descontento. Mentres
o Presidente da Nación segue a percorrer diversos países en busca de axuda, (na actualidade tocoulle
o turno a Marrocos, antes xa viaxara a Senegal, Ghana e Nixeria, países que se comprometeron segundo este
dirixente a axudar ó seu país) a inestabilidade aumenta. A lista dos partidos concorrentes a cita electoral conta coa presencia das principias formacións do país; Partido Africano para a Independencia de Guinea e Cabo Verde (PAIGC), Resistencia de Guinea Bissau/Movemento Bafata (RGB/MB), o actual partido no goberno, Partido de Renovación Social (PRS). A estes engádense partidos de menor peso político como son: a Unión para o Cambio (UM), Partido de Unidade Nacional (PUN) e o partido do Primeiro Ministro durante a transición, Francisco Fadul, Partido Unido Social Demócrata (PUSD). Entre as estratexias para poder chegar a obter representación no Parlamento está a formación de coalicións, entre as que podemos destacar, a Coalición Plataforma Unida, a Coalición Unión Electoral e a Alianza Popular Unida. Sen embargo, outros partidos aspiran a alcanzar o poder en solitario, coma o Partido Socialista e do Traballo (PST), o Partido do Manifesto do Pobo (MP) e a Unión Nacional Democrática e Progresista (UNDP). Hai que lembrar que estes comicios foran programados para o mes de abril, pero foron pospostos para o mes de xullo, este atraso fora debido á falla de confianza á hora de obter unhas garantías mínimas de xustiza, democracia e limpeza no proceso, motivada pola situación económica e social que atravesaba o país, situación que coma dende a Organización de Nacións Unidas e dende a a Unión Europea se criticou, non mudou en absoluto. Cunha Asemblea Nacional disolta, institucións xudiciais inoperativas, a ameaza constante da folga prolongada..., o país está inmerso nunha grave situación de crise interna onde as condicións para a inestabilidade social son perfectas. A elaboración do rexistro electoral está a ser dificultosa nalgúns puntos do país por mor do reclamo por parte dos axentes do rexistro dun mellor trato, ó que se suma a falta de papeletas...Os funcionarios públicos non perciben os seus salarios dende hai varios meses o que está a provocar a paralización da Administración Pública guienense, xa que as negociacións de finais de agosto entre UNGT e goberno non deron froito e o país iniciou setembro con paro. O que os funcionarios reclaman é ademais do pago dos atrasos e a elaboración duna nova táboa de salarios que xa fora aprobada polo executivo en abril do ano pasado. E se a situación non muda haberá folga xeral a partir do 15 de setembro. Non é seguro pero nesta situación non sería de todo improbable que o 12 de outubro tampouco houbera eleccións. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2003 |