| Presencia-Opinión |
| Entre africanos e lusófonos Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 27/05/2003) |
|
O próximo presidente da Unión africana, de Mozambique, ultima os detalles do relevo ó tempo que fai fronte a outras cuestións tanto internas coma externas. No presente mes, o presidente mozambicano, Joaquim Chissano, afrontou e aínda afronta diversos compromisos internacionais. As visitas a Asia, Indonesia e India respectivamente servirán para relanzar a cooperación bilateral entre estes países e o país africano. O goberno da India anunciou a creación dun fondo de 20 millóns de dólares para os empresarios hindúes que estean interesados en investir en Mozambique, e anunciou ademais a condonación de 4 millóns de dólares da débeda externa que o pais africano ten co goberno indio. Tamén se pode falar de acordos para mellorar as relacións educativas e culturais, aumento de bolsas para africanos na India, construcción de institutos politécnicos, investigación e formación de cadros en materia de agricultura, enxeñería... Outro dato positivo é o incremento do 5,7% dos beneficios da industria pesqueira, debido en grande parte á recuperación da producción de kapenta, un peixe de auga doce. Sen embargo, o protagonista dos beneficios foi o camarón, a pesares de baixar de prezo. O problema dos furtivos e a falta de medios para controlar a zona económica exclusiva da costa marítima de Mozambique mingua os seus beneficios. Tamén cita importante é a visita do presidente de Santo Tomé, Fadrique de Menezes, para tratar da celebración do Cumio da Unión Africana (UA). Estes dous países, con boas relacións dende as súas respectivas independencias, comparten pertenza non só na UA senón tamén na organización dos países africanos de lingua portuguesa. Con este novo contacto tratarán de reforzar as súas relacións. No II Cumio de xefes de estado e de goberno que terá lugar entre os días 4 e 12 do vindeiro mes de xuño, en Maputo, un dos temas clave será o dos desafíos da transición da Organización da Unidade Africana, agora Unión Africana, promovida polo Instituto Superior de Relacións Internacionais. Pese a todo, este país africano afronta graves problemas internos, aínda que non exclusivos da zona, entre eles destaca o do desemprego. Segundo o Secretario Xeral da Organización dos Traballadores Mozambicanos, Central-Sindical (OTM-CS) máis do 60% da poboación activa do país está desempregada. As apostas son grandes, pero o avance é lento. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/05/2003 |