| Presencia-Opinión |
| Cabo Verde e as expectativas da cooperación Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 29/04/2003) |
|
Numerosas institucións e países están a impulsar a cooperación co arquipélago de Cabo Verde. A fractura social interna na que vive este estado, as dificultades para saír do subdesenvolvemento e a desigual situación nas súas illas son obxecto de atención. Ao Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento, que outorgara 225.000 dólares para apoiar o desenvolvemento da democracia, a paz e a estabilidade, hai que engadir outras iniciativas. Xapón reforzou este mes a axuda alimentaria a Cabo Verde, nun acordo asinado na cidade de Praia polo secretario xeral do ministerio de Negocios Estranxeiros e Cooperación, José Eduardo Barbosa, por parte africana e polo embaixador de Xapón en Cabo Verde, Nakira Nakajina. O país asiático puxo a dispoñibilidade dos caboverdianos 250 millóns de iens, 100 millóns máis que o ano pasado. Este donativo consiste no abastecemento de productos de primeira necesidade, arroz, millo... Ademais desta apartación, Xapón, que colabora con Cabo Verde dende a súa independencia, tamén presta axuda noutros sectores importantes como saúde, educación, agricultura e pesca. Pola súa parte o embaixador dos Estados Unidos en Cabo Verde garantiu ás autoridades africanas que a guerra e a posterior reconstrucción de Iraq non afectará nin diminuirá a axuda pactada entre os dous países. Tamén Portugal a traveso do Primeiro Ministro, Durao Barroso, asinou o mes pasado co seu homólogo o programa anual de cooperación, que inclúe entre outras a execución de diversas obras. Ademais disto, Cabo Verde xa figura na lista dos 48 países africanos que poden exportar os seus productos a Canada. A estes efectos adoptouse un acordo entre o embaixador canadiano e as autoridades caboverdianas. Canada destinará 500 millóns de dólares ós países africanos para mellorar os sectores relacionados coa auga, agricultura, educación e saúde. As exportacións poderán facerse vía estadounidense ou a través de Europa. Na Sexta Xornada Atlántica para o debate de cuestións comúns, na que participaron Cabo Verde, Azores, Madeira e Canarias, e que foi presidida por Aristides Lima, xefe do parlamento caboverdiano, se prantexou a necesidade de propiciar un intercambio de ideas e experiencias con Europa no tocante á cooperación reforzada. Aínda así hai moitas zonas que reclaman maior atención gobernamental. Distintas Cámaras
do país están a pedir axuda urxente para resolver os seus problemas. Na Cámara de Santo Domingo,
o presidente mostrouse preocupado por a situación socioeconómica que se vive na zona. O mesmo afirma
o responsable do Movemento para a Democracia MpD da situación da poboación de Maio, e o presidente
da Cámara de Porto Novo na illa de San Antón tamén fai fincapé na cuestión. A intención de cambio é real, a axuda de algúns países tamén, pero a transformación tórnase difícil e laboriosa. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/05/2003 |