| Presencia-Opinión |
| Avalancha de acontecementos en Cabo Verde Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 15/07/2003) |
|
Mentres en Madrid seguían en busca do presidente da Comunidade, e en Angola UNITA atopaba sucesor para Savimbi, en Cabo Verde tamén había movemento. José María Neves foi reelixido presidente do PAICV. A reelección tivo lugar no X Congreso do Partido Africano da Independencia de Cabo Verde. Neste caso, a diferencia do que aconteceu en Angola, non había nin disputa nin dúbidas acerca de quen sería o novo presidente do partido. Tras esta victoria, Neves, que obtivo 298 dos 319 votos dos delegados do partido, fixo fincapé na carreira cara ó mantemento da presidencia das Cámaras que xa goberna o seu partido, e por suposto, a conquista do maior número posible das que non están baixo o seu control. Unha das iniciativas importantes que saíu do Congreso celebrado nos últimos días do pasado mes foi a resolución adoptada polo partido de permitir ós cidadáns da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (CEDEAO) militar nas filas do PAICV, este acordo segundo a cúpula do partido é unha necesidade e unha prioridade no intento de reforzamento da integración rexional que o continente africano ten que impulsar de xeito definitivo. Nembargantes, e aínda que importante, este non é exclusivamente o acontecemento que marcou a axenda caboverdiana, varias citas destacadas están a ter aínda en movemento ás autoridades do país nestes días. En primeiro lugar hai que prestar atención ó encontro entre caboverdianos e senegaleses para abordar a cuestión da Nova Parcela para o Desenvolvemento Africano (NEPAD), da que o presidente de Senegal, Abdoulaye Wade é un dos principais impulsores. Esta iniciativa establece a necesidade de crear un área composta por diferentes países na que a colaboración e a cooperación entre estados sexan principios rectores. Segundo os seus defensores trataríase dun foro no que o intercambio de experiencias serviría para impulsar os cambios necesarios para acadar unha estratexia común cara ó desenvolvemento. Destacado é tamén o feito de que que Pedro Pires fora un dos líderes africanos elixidos para se entrevistar co presidente norteamericano, George Bush, quen tras iniciar a súa visita ó continente en Senegal, pasou por Nixeria, Botswana e África do Sur. Despois Pires desprazouse a Maputo para asistir ó II cumio da Unión Africana, nesta reunión, que duraría ata o pasado 12 de xullo estaba prevista a elección do presidente e do vicepresidente da comisión da Unión Africana. Concorrerían á presidencia o exministro de Negocios Estranxeiros, e actual presidente interino da UA, Amara Essy de Cote d´Ivoire, Alpha Omar Konaré (Mali) e Miguel Trovoada (Santo Tomé e Príncipe). Finalmente a presidencia recaeu en Alpha Omar Konaré e a vicepresidencia no ruandés Patrick Mazimaka. No cumio tratáronse cuestións como a reorganización e o funcionamento da comisión da Unión Africana, as situacións de conflicto no continente, os proxectos legais relativos a protección dos dereito s humanos e a implementación da Nova Parcela de Desenvolvemento Africano. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/07/2003 |