| Presencia-Opinión |
| África rexeita a guerra Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 01/04/2003) |
|
A proposta do presidente alxeriano, Abdelaziz Bouteflika, terá que esperar. O líder africano propuxera ó presidente francés, Jacques Chirac, como candidato ó Premio Nobel da Paz, se este era quen de evitar o ataque dos Estados Unidos e os seus aliados contra Iraq. O continente africano, con procesos de paz en desenvolvemento (Angola), con acordos de alto o fogo sen materializar (Cote d´Ivoire, Burundi), con axitacións por polémicos procesos electorais (Madagascar) e un longo etcétera de problemas ás súas costas, opúxose maioritariamente a unha intervención militar liderada por USA e levada a cabo á marxe da Organización de Nacións Unidas. Nesta zona do planeta onde a experiencia da guerra é o pan de cada día e onde a masacre e a barbarie pasan desapercibidas para o resto do mundo, os líderes dos distintos estados mostraron a súa repulsa fronte á unilateralidade da decisión do goberno de Bus. Non hai que esquecer que a gran maioría dos países africanos que tiveron a palabra no Consello de Seguridade da ONU, pediron xa naquel momento unha solución pacífica para a crise. Dende Zambia, pasando por Nixeria, Sudán, Zimbawe, Túnez, Marrocos, Mauritania, Tanzania, Malawi, Senegal..., chamouse a atención sobre as desastrosas consecuencias que un enfrontamento militar tería non só na zona, senón tamén no continente do que forman parte. Inclusive Kenya, país que padecera cruentos ataques terroristas en Nairobi no 98 e en Mombasa no 2002, criticou a postura da Administración Bush. En Sudáfrica tanto o Presidente, Thabo Mbeki, como o expresidente Nelson Mandela, este moito máis duro que o seu sucesor, rexeitaron as posturas belicosas tanto de George Bush coma de Tony Blair. Aínda que resulte paradoxal que este continente, exemplo de conflictividade, rexeite a guerra desatada en Iraq, en realidade non é contradictorio, primeiro porque a desestabilidade da zona é froito dunha desastrosa descolonización na que pese ao que se poida pensar pouco tiveron eles que dicir; e segundo non só por unha proximidade xeográfica senón tamén por unha cuestión relixiosa, que aínda que non ten nada que ver co conflicto, de feito é manipulada para crear fractura na sociedade. A meirande parte das fronteiras africanas, non trazadas pola natureza senón pola man interesada dalgúns homes deseñáronse cunha idea fundamental de estratexia de desestabilización permanente que permitira poder exercer o intervencionismo occidental, facendo estalar loitas internas ou non tan internas, entre distintas etnias e faccións avivando as disputas nacionais ou rexionais. Pero na conciencia destes debe estar presente que se o problema de Sadam Hussein é o de liderar un dos primeiros países productores de petróleo, o de Europa que o petrodólar poida ser suplantado polo eurodólar, o dos africanos é a intención dos Estados Unidos de aumentar a producción de petróleo non só en América Latina e en Oriente Medio, senón tamén en África. E que lle pregunten os angolanos, por poñer un exemplo, cales son as consecuencias dos enfrontamentos polos recursos na zona. O abandono da multilateralidade non é unha cuestión que afecte a unha rexión ou continente concretos senón que afecta ao conxunto do globo. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2003 |