Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
África: desenvolvemento nun hemisferio equivocado
Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 18/02/2003)
 
 

A fin da Guerra Fría non significou unicamente a fin do mundo bipolar senón tamén o eclipse da pugna entre os bloques por facer efectiva a súa influencia nos países africanos. Das ruinas da ideoloxización xurdiu unha nova concepción da axuda, condicionada á vontade liberalizadora (democracia, pluripartidismo, mercado, etc) das elites e mediatizada pola salvagarda dos sacrosantos intereses comerciais ou estratéxicos.

Non tódolos gobernos da zona emprenderon o rumbo das transicións democráticas. Ruanda, Liberia..., vían entón coma o estado poscolonial se derrubaba para dar paso ó estalido de numerosos conflictos armados. Neste contexto de demolición da vella orde, os poderes africanos adicaronse a procurar novas fontes de autoridade. Asi xurdiron en mil e un recunchos uns “señores da guerra” absorbidos nunha loita sen cuartel polo control do estado ou dos seus restos, polo control dos recursos, denominados naturais ou tamén axuda humanitaria... Son as “novas guerras” das que fala Mary Kaldor.

O intento democratizador, en moitos casos adoecendo dunha formalidade difícilmente aplicable a contextos tan diferentes ao noso, vai convivir durante un tempo coas practicas despóticas e autoritarias, sobretodo cando a corrupción segue a ser unha lacra. Moitos confían na Unión Africana (UA) e ogallá as esperanzas se confirmen. Pero non será doado nun contexto internacional tan adverso e instrumentalizador.

¿E Occidente? ¿Síntese participe da sorte que correron, e de feito aínda están a correr estes países, da fame padecida por millóns de persoas? Non parece. Hai países africanos cun potencial de riqueza maior que o de moitos países europeos pero están ubicados nun hemisferio equivocado. A axuda ao desenvolvemento non favorece a emerxencia de políticas que posibiliten unha mellora sostible do nivel de vida senón que afonda na súa dimensión estrictamente paliativa, de emerxencia, panos quentes ante un conflicto que por non atallar as causas fondas, con lentitude pero con esperanza, fracasa no seu empeño máis superficial e incrementa a sensación de fatalidade histórica que asola algunhas sociedades subsaharianas.

A concepción actual da cooperación debe mudar. Deberamos acabar coa axuda que non é útil para o desenvolvemento: non dar pan senón facilitar o gran para plantar o trigo co que se faga ese pan.

Algunhas voces reclaman que a ampliación da Unión Europea non sirva de excusa para abandonar o continente. Se ben é certo que o proceso de equilibrio entre as economías da Unión e a dos países aspirantes será longo e precisará do esforzo común, en políticas e en recursos, non o é menos que non debe ir en detrimento dunha orientación solidaria coas sociedades africanas que protagonizan unha das diásporas máis salientables dos últimos séculos. E Europa é o seu destino.

A ampliación determinará unha nova situación para milleiros de cidadáns dos países do Leste, un cambio de status do que quedarán excluidos quen procedan do Sur e a quen se lle aplicarán os máis severos controles.

Sen desenvolvemento non hai seguridade nin paz. ¿Pode haber cooperación sen inxerencia? Asi debería ser, porque unha paz mundial que se basea na exclusión da metade da humanidade está irremediablemente condenada ó fracaso.

 
 

María del Mar Gómez é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/02/2003