| Presencia-Opinión |
| A unión fai a forza Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 18/03/2003) |
|
A CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa) composta por Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Portugal e Santo Tome e Príncipe formalizouse, tras anos de conversas, en 1996, como resultado da vontade dos países de fala portuguesa. Esta iniciativa foi alentada sobre todo por Portugal e Brasil, aínda que a súa constitución non estivo exenta de dificultades, debido en grande parte ó receo africano, algo que non é de estrañar xa que estes países eran de recente descolonización, e vinte tantos anos non chegaban para esquecer o pasado. Sen embargo, superados os escollos iniciais esta Comunidade, que naceu coa intención de reunirse cada dous anos, ten servido para establecer fortes lazos de cooperación, sobre todo entre os países do continente africano. Aínda que os Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP) sempre mantiveron estreitas relacións a partires da súa independencia, e tamén antes, fundamentadas sobre todo nunha lingua común e nunha traxectoria histórica parella, a CPLP converteuse nun punto de encontro no que non só se intensifica o diálogo co conxunto mesmo, senón que tamén se producen froitíferos achegamentos bilaterais. Estes países enfrontan ademais unha dura andaina cara ó desenvolvemento, na que a experiencia duns pode servir de guía ós outros. Un dos éxitos alcanzados no diálogo da comunidade lusófona foi a Declaración de Bissau, firmada hai case un ano na cidade do mesmo nome, na que se recollían as pautas destinadas a dinamizar este foro multilateral. Aínda que o tema central foi a agricultura, deu pe a posteriores acordos bilaterais: protección consular entre Guinea Bissau e Cabo Verde, o acordo para crear un arquivo histórico de África, entre Angola e Cabo Verde... Sen dúbida a proximidade histórica, lingüística e cultural que une a estes países, ó igual que acontece noutras comunidades, é o motor da asociación. Este é o caso de Brasil e Portugal na Comunidade Iberoamericana na que o nexo entre os países de lingua portuguesa e os países de lingua española son as linguas ibéricas. Sen embargo, segundo este criterio habería países que cumprindo esa característica esencial estiveran excluídos do círculo. Se ben é certo que na era da globalización un español pode sentirse máis europeo que latino (ou incluso máis anglosaxón), do que non cabe a menor dúbida é de que estamos perante un fenómeno de integracións e asociacións nas que os lazos efectivos de unión son importantes bazas a ter en conta. Por poñer un exemplo, o número de persoas que conformarían a Comunidade Iberoamericana e a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa xuntas superaría a nada desprezable cifra de mais de 600 millóns de persoas. O que se pon de manifesto é o interese xeral de non quedar descolgado nin dos aliñámentos nin das cooperacións como pon de manifesto a actual expectación ante a integración dos países veciños do leste de Europa na Unión Europea. Non importa cal sexa a forma de achegamento, a integración, a cooperación ou as dúas á vez, o relevante é fomentar e desenvolver ó máximo posible as conexións e comunicacións entre países e comunidades. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2003 |