| Presencia-Opinión |
| A carreira electoral: tamén en Angola Por María del Mar Gómez (Canal Mundo, 20/05/2003) |
|
Cando Blair aínda está asimilando os resultados dos comicios celebrados recentemente no seu país, cando os arxentinos enfrontaron un proceso electoral marcado pola desesperanza e o voto do menos malo, e cando os españois acoden ás municipais con prognósticos varios que serán desvelados en menos de sete días, noutra parte do globo o futuro proceso electoral ocupa case a diario un lugar destacado nos xornais nacionais, e aínda sen haber unha data sinalada. Na carreira pola presidencia de Angola os dous principais partidos do país están a desenvolver diversas iniciativas encamiñadas a transformar as súas bases, dende a propia dirección da organización ata a cota de mulleres que está previsto figuren nas súas listas. Antes de prepararse para unhas eleccións externas hai que superar as internas. O Comité Central do Movemento para a Liberación de Angola (MPLA) celebrou a pasada semana unha sesión ordinaria na que se marcaron as pautas a seguir no V Congreso do partido, previsto para o mes de decembro. Ao partido actualmente no poder preocúpalle o regulamento electoral que marcará as normas de elección dos candidatos á dirección. Entre os cambios que afectaron ó funcionamento da organización destacan a incorporación do voto secreto na elección, e o abandono do principio do centralismo democrático, principio que segundo o presidente, Eduardo dos Santos, xa non identifica ó seu grupo e que ademais, a estas alturas, supón un freo á modernización e á reestructuración do partido. Sen ter nin sequera data prevista para o compromiso electoral, o MPLA xa empezou a facer promesas. O secretario para a información, Norberto dos Santos, garantiu que o seu partido vai dedicar máis atención e recursos ós xóvenes angolanos, a través sobre todo da mellora do ensino, do emprego, e da vivenda. Esta oferta compleméntase ca promesa feita polo presidente da nación dunha inminente reforma fiscal, no plano económico, e co establecemento dun programa plurianual centrado en proxectos de apoio ós máis necesitados, no social. Tamén adiantou que o trinta por cento dos órganos de dirección estarían en mans das mulleres, o que supón un aumento do dez por cento con respecto á anterior convocatoria. Segundo este representante as eleccións poderían ser celebradas o vindeiro ano, condición segundo el necesaria para a normalización definitiva dunhas institucións democráticas débiles, debido ós conflictos vividos polo país no pasado e dos que aínda non se recuperou. Pola súa banda o principal partido da oposición, a Unión Nacional para a Independencia Total de Angola (UNITA), que celebrará o Congreso do seu partido en breve, tamén está a propor cambios no seu organigrama. Aquí o tema principal é o do estudio da historia e evolución do proceso constitucional cara a consecución dunha verdadeira constitución democrática. Isaías Samakuva, presentouse como candidato á presidencia do partido. Nunha e noutra fronte, igualiño que en Occidente, os aspirantes terán que salvar certos obstáculos. No MPLA, o control que Dos Santos tenta impoñer reforzando a figura presidencial e os seus poderes; e en UNITA, a pugna entre o novo candidato e o actual secretario xeral, Lukamba Paulo Gato. |
|
María del Mar Gómez é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/05/2003 |