| Presencia-Opinión |
| Cinco caracois zapatistas Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 02/09/2003) |
|
A revolución zapatista descendeu do seu paraíso teórico no que rexeitaba terras e goberno para facerse terreal. O 17 de agosto declarou disoltas as “aguascalientes”, centros políticos culturais, e decretou a suspensión dos impostos de guerra nos territorios autónomos. Ao tempo anunciou a creación das "Juntas de Buen Gobierno", coñecidas popularmente como caracois, en lembranza dos míticos símbolos indíxenas, recollidos na arte precolombina. Durante a triunfal campaña electoral, o actual presidente de México, Vicente Fox, declarou que en 15 minutos lle daría unha solución ao conflicto zapatista. Os novecentos segundos de prórroga que demandaba o presidente se eternizan e perpetúan anualmente. O conflicto que ardía nunha activa incandescencia sen chama e durmía un profundo letargo informativo, agora esperta. “Hoxe 9 de agosto de 2003, sendo as 1,16 hora suboccidental, no nome do Comité Clandestino Revolucionario Indíxena, se declara formalmente o nacemento dos cinco caracois do sureste mexicano”. Así falou o comandante Moisés para dar a coñecer a nova forma de presencia social con implicacións no goberno. Transcorridos, case, 10 longos anos dende a súa aparición pública, ancorados na estratexia de rexeitar o poder, reticentes a negociar o reparto de terras... o Subcomandante Marcos, decidiu dar un xiro estratéxico. Rompeu o silencio no que se recluíu dende que en maio de 2001 crebara o diálogo co goberno, defraudado pola traizón aos acordos subscritos con anterioridade. Os cinco caracois en marcha, supoñen a aceptación do reto de gobernar, por máis que se vista de terminoloxía antisistema. Empoleirados no alto do palco do flamante “caracol da resistencia e da rebeldía pola humanidade”. A voz da Comandante Esther, que en abril de 2001 resoara na Cámara dos Deputados para demandar á clase política dignidade para Chiapas, agora se alzou para ser implacablemente aceda contra dos políticos e os partidos: “ Os partidos políticos traizoaron aos pobos indíxenas de México. Todos os partidos: PAN, PRI, PRD trataron de afogar os nosos dereitos e tutelarnos como se fósemos nenos. Mais non precisamos de ninguén para aplicar os nosos dereitos e hoxe tomamos a decisión de autogobernarnos de xeito autónomo”. Unha independencia na que non periga a unidade territorial do estado, na que os insurxentes fan as súas proclamas entoando ao tempo o himno zapatista e o himno mexicano. Na Radio Insurxente, o líder dos indíxenas, dictou a sentencia de morte para as antigas cinco demarcacións, concibidas no ano 94 e coñecidas como Aguascalientes, son consideradas polo EZLN como centros de expansión política e cultural . Agora se metamorfosean nunhas dinámicas Juntas de Buen Gobierno que levan por nome caracois. No testamento se anuncia que se retiran os postos de control nos camiños e estradas, aínda que se reservan a licencia de responder a calquera agresión ou fostigamento contra das bases civís e as novas autoridades autónomas. Anunciouse, tamén, a eliminación do cobro de impostos a particulares, entre os que figuran un 10% das axudas que reciban as ONGs. “Unha nova forma de loitar, unha nova organización, unha nova concepción, una nova historia, unha nova forma de loita política e resistencia contra do mal goberno, do poder e do diñeiro”. A dura resposta do goberno, alcumando de pallasos antisistema aos zapatistas, podería significar que lle ven de colocar un cadeado ás portas do diálogo, pero uns zapatistas dispostos a gobernar, tamén significa uns zapatistas que son quen de mudar estratexias e quizais, nun futuro non lonxano, tamén estean dispostos a negociar cos partidos que os traizoaron. Os problemas cos que se atopa a dirixencia do Exército Zapatista son múltiples: existen latentes división sobre as estratexias a executar; están enfrontados a boa parte das ONGs ás que acusan de estar tocadas do mal do diñeiro que administran; teñen estratexias diferenciadas cunha boa parte das comunidades que rodean Chiapas xa que estas aceptaron administrar as terras que lles ofreceron; existe un distanciamento crecente con certos sectores da intelectualidade que observaron con simpatía a xusta causa dos Zapatistas, pero que non entenden nin os coqueteos con organizacións como ETA, nin a incapacidade dos líderes do EZLN para artellar procesos de integración con todos os que traballan pola xustiza social da que Chiapas carece. Pero se o movemento se demostra andando, os zapatistas xa se ergueron e deron un paso adiante para espertar. Agora só compre agardar para saber en que dirección se encamiñan e se van atopar pontes ou muros na solución do conflicto. |
|
Lino Pellitero é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/09/2003 |