| Presencia-Opinión |
| Sri Lanka, o fin da guerra civil? Por Iria Alonso Casares (Canal Mundo, 11/11/2003) |
|
A illa de Sri Lanka viviu a semana pasada un tremor de terra simbólico. A Presidenta Chadrika Kumaratunga decretaba o estado de emerxencia como resposta á decisión do do grupo Tamil de presentar un plan de paz para facerse co control do seu territorio, aproveitando a ausencia do Primeiro Ministro, Ranil Wickremasinghe. Despois de preto de 20 anos de conflicto, a existencia dun alto o fogo e o seguimento do proceso de paz por parte de Noruega auguraba un transcorrer normal dos procesos de negociación, lento iso si. Sen embargo, a resposta da Presidenta Kumaratunga, facía pensar nun xiro de timón que borraría toda solución pacífica ao problema étnico e relixioso da illa que se tiña encrudecido dende 1983. Mans Unidas, fala de guerra civil no seu informe Axenda 2002, “Os conflictos olvidados”. En 19 anos máis de 65.000 persoas mortas. Agora ben, onde está Sri Lanka?. Certamente, moita xente situaría mellor a Ceilán, antigo nome deste país. Se nos situamos no mapa, veremos que está nun enclave xeográfico envidiábel. É a porta do mundo asiático, no Océano Índico, de aí a súa continua invasión na época colonial. O valor das súas terras para o cultivo de arroz e té, fixeron dela un tesouro para os imperios europeos. Primeiro foron os portugueses, os holandeses, e finalmente os británicos. Sri Lanka proclamou a súa independencia o 4 de febreiro de 1948 cun legado colonial que mudou a poboación orixinaria da illa. A presencia de dous grupos étnicos e a continua opresión dos tamils por parte dos cingaleses, xa que estes primeiros ocuparon un lugar privilexiado durante a invasión británica, fomentou un movemento de resistencia popular que se radicalizou a comezos dos oitenta, coa presencia dos Tigres Tamis de Liberación de Eelam e o grupo cingalés, Frente de Liberación dos Pobos. Até o de agora, Sri Lanka era un deses países que aparecen nos medios con certa regularidade: número de mortos en atentado terrorista, denuncia de torturas por parte do governo aos presos, etc. Estes días viviuse un rexurdir do medo novamente nas rúas. Os anos de relativa estabilidade democrática e social, que corresponderon ao período dos anos cincuenta e sesenta, onde as necesidades básicas estaban cubertas, desenvocaron nunha crise económica que tería a súa repercusión nos grupos minoritarios da illa e que sigue vixente aínda a comezos deste século. É preciso salientar dous datos: Sri Lanka foi un dos primeiros países en conformar o bloque de países non aliñados e de ter unha Primeira Ministra: Sirimavo Bandaranaike. Reparemos nos seguintes datos, o 22 % da poboación corresponde ao grupo Tamil, asentado no norte e no este da illa. As súas reivindicacións territoriais pasan por ter o control da península de Jaffna e a cidade e Trincomales. No ano 2002 comezan as conversacións entre ambos grupos que, con intermitencias, semellaba vivir o capítulo final. Sen embargo, a complexidade do sistema político de Sri Lanka, un modelo presidencialista de corte francés, fixo posible a decisión da Xefa do Estado, Chandikra Kumaratunga, eleita nas eleccións do 1999 por un período de 6 anos, que tivera o control do exército e do poder executivo. Nos últimos días a situación semellou estabilizarse. O regreso do Primeiro Ministro e a presión internacional provocou á volta á normalidade e ao proceso de negociación. Nembargantes a tensión entre as dúas forzas políticas (a conservadora que no parlamento e a centrista na presidencia), no poder en Sri Lanka vai continuar provocando situacións como as vividas no comezo do mes de novembro. A poboación civil novamente vai ser a máis afectada. A censura e falta de liberdade de prensa fan que as noticias acerca do transcurso das accións sexa lenta e confusa. Cómpre seguir o curso dos acontecementos. |
|
Iria Alonso Casares é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/11/2003 |