| Presencia-Opinión |
| O futuro de Iraq a pulso Por Iria Alonso Casares (Canal Mundo, 23/09/2003) |
|
O futuro de Iraq, sen dúbida, xa se definiu dende o mesmo momento no que se despregaron as tropas americanas e comezou a guerra. Sen embargo, a aprobación dunha pequena variación do plan estadounidense para a zona aínda é posible. Esta vai ser unha semana clave para o establecemento de prazos á hora de entregar o poder ao pobo iraquí. Nacións Unidas ten a oportunidade de facerse valer e dotarse de contido. Os últimos movementos internacionais e os atentados na zona evidencian un aumento da tensión nun xa clima crispado. ¿Quen conforman as alianzas?; ¿Que motivos están detrás de cada acción?; ¿Cal son as condicións para o éxito da democracia?. Son todas estas cuestións sobres as que xira a polémica en Iraq. Certamente, a emprazamento da última xuntanza dos cinco países con dereito a veto no Consello de Seguridade, o sábado 20 deste mes, non foi casualidade. Foi a primeira reunión en Xenebra desde 1998. A axenda foi complexa, en termos de xogo diplomático. Quixeron transmitir un consenso complexo e artificial. O posicionamento acerca do control militar non derivou en maior conflicto. Nembargantes, están a abrires a caixa de Pandora. Agora ben, este minicumio foi o preludio da batalla dialéctica, que se presume estéril, na vindeira Asemblea Xeral do martes 23. A resolución que motivará o discurso de Bush, impulsará un modelo de transición en territorio iraquí, bastante afastado das propostas de Francia e Alemaña. A inexistencia dunha postura común na Unión Europea acerca dos prazos para a cesión da autoridade aos iraquís, provocou que os EUA concurriran a Xenebra sabéndose fortes. O encontro que se produciu entre o administrador civil para Iraq, Paul Bremer, e a Ministra de Asuntos Exteriores, Ana Palacio é a expresión dunha estratexia comunicativa para tranquilizar aos defensores de posturas multilaterais. O estado español tamén quere xogar as súas cartas. Ana Palacio ergueuse na exportadora do modelo das autonomías. Falta de tacto diplomático. De pedra deberon ficar os constitucionalistas alemáns, ao esquecerse do modelo lander imposto nun modelo de transición continuista, que ve augas no comezo do século XXI na solución do asunto das nacionalidades históricas. Lembrar que a complexidade en Iraq é moito maior que a que pode haber no estado español. Segundo a Freedom House tres son os grupos relixiosos existentes no país: un 97% de musulmáns, un 60% shià e un 3 % de cristiáns e outros. Asemade no abano étnico atopamos tanto árabes como kurdos. A guerra en Iraq é complicada e lenta. Cada vez son máis os mortos e atentados por ambos lados. Os atentados contra persoal civil da ONU, o asasinato de lideres relixiosos, o tiroteo deste sábado 20, contra Akila Al Hashimi, unha das tres mulleres do Consello Provisional do goberno iraquí, antiga membro do Partido Baazista, muller e elixida como representante de Iraq no Asemblea Xeral que se vai celebrar o vindeiro martes é un feito esvarazdizo. Múltiples variabeis fan que o proceso de transición neste país, provoque enormes dúbidas acerca do seu éxito. E estas dúbidas xorden ao fixarnos en quen é o que está a guiar este proceso. Uns Estados Unidos, que ate o de agora non posúen lexitimidade internacional ao non demostrarse a existencia das armas de destrucción masiva. E por iso anda na procura de aliados. Por un lado, atopámonos o eixo franco- alemán, cada vez máis forte e reafirmado; o único que se mostra abertamente crítico no seo da ONU, como así o deixaron entrever esta fin de semana. Son os representantes da vella Europa. Unha Europa que lembra a revolución francesa, e opta por propor a Rousseau, ou á Teoría Crítica. Por outro, a un Presidente Bush, que ten a Tony Blair moi próximo e a un estado español que se erixe intérprete da nova política europea. Estados Unidos afeito a moverse en solitario, e sen necesidade de consultar aos veciños europeos quere gañar a partida nesta Asemblea Xeral. O futuro de Iraq depende en grande medida da celeridade na instauración da normalidade. A enxeñería institucional peca de etnocentrista, de imperialista cultural. Fai augas por todos os frontes. Ate o de agora todos os procesos de intervención guiados pola instauración da democracia teñen páxinas escuras. Non fai falta ir moi lonxe. A Conferencia de Bonn, onde se estableceron as estratexias e as fases do proceso en Afganistán, ao día de hoxe, semella feble. Por conseguinte, as bases sobre as que se cimente unha futura sociedade civil iraquí son fundamentais; a procura dun modelo democrático en Iraq debe ir mais alá dos esquemas procedimentais de Sartori, de Schumpeter ou de Dahl. A dimensión participativa e a visión pluralista teñen cabida na disputa dunha construcción dunha sociedade civil adulta que fuxa das dependencias exteriores. Evitar que Iraq se converta noutra inevitable democracia delegativa, seguindo o esquema de Guillermo O´Donnell, “modelos democráticos non consolidados e con profundas crises económicas e sociais”, debe ser un dos obxectivos da comunidade internacional. É o que lle debemos ao pobo iraquí. Máis que as declaracións de intencións das resolucións do Consello de Seguridade. Nestes 12 meses fixados na Resolución 1500 (2003) é preciso dotar dunha visión democrática multidimensional, ao estilo Merkel, que integre as variabeis constitucional, a representativa, a comportamental, a cultura cívica e por último se contemple tamén a fase de consolidadición. A existencia do Día da Paz, que este ano veu de celebrarse o pasado domingo 21, lémbranos a pertinencia de artellar alternativas económicas e sociais no contexto internacional, que non vaian da man de solucións bélicas aos conflictos. Mentres os Estados Unidos sexan hexemónicos e se lles sexa admitido disfrazar os seus proxectos expansionistas de valores democráticos, e as voces diverxentes non se fagan valer, o pulso en Iraq semella gañado, xa antes de térense iniciado. |
|
Iria Alonso Casares é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2003 |