| Presencia-Opinión |
| Mulleres, Paz e Seguridade: a Resolución 1325 Por Iria Alonso Casares (Canal Mundo, 28/10/2003) |
|
Na actualidade internacional son escasas as veces en que as mulleres saltan á primeira plana, se fan visíbeis e recuperan o espacio público. Este mes é diferente. Os cambios anunciados en Marrocos, e a entrega do Nobel da Paz por primeira vez a unha muller musulmana, evidencian uns movementos estratéxicos en países tradicionalmente belixerantes coas súas propias mulleres. Agora ben, os movementos das mulleres árabes non son recentes. A súa acción conxunta fíxose oír para pedir a paz tanto en Afganistán como en Iraq. Comprometidas cos seus países e con elas mesmas, son víctimas do etnocentrismo que segue vixente pese aos puntos de encontro nas Conferencias Mundiais de mulleres; e do androcentrismo, simbolizado nas posturas belicistas. No caso de Marrocos, “Le Monde” recolle con sorpresa como o rei Mohamed VI anuncia cambios no código da familia, antes da chegada de Chirac ao país. O recoñecemento da muller como corresponsable da familia muda a esencia mesma do sistema familiar. Informe Semanal tamén lle adicou esta fin de semana un dos seus especiais. Nembargantes, ante esta sorpresa, é pertinente lembrar que é en Marrocos onde se desenvolveu unha das primeiras reivindicacións no mundo árabe para establecer unha cota de 35 mulleres no Parlamento fronte a dúas, como existía na lexislatura anterior. Porén, a entrega do premio Nobel da Paz á iraniana Shirin Ebadi ten un dobre significado: a aposta polos avances na conquista da reivindicación das mulleres e a persecución dunha serie de consecuencias inmediatas como influír no goberno iraniana para un achegamento ás posturas de desarmamento nuclear, que se concretou na visita dos ministros de Asuntos Exteriores de Alemania, Francia e Inglaterra e a aceptación de persoal da ONU para visitar o seu arsenal militar. A avaliación destes cambios, sen embargo, inspira cautela. Como acontece na lexislación internacional o poder recae nos actores, nos axentes sobre os que funciona todo o entremado. Mais o recoñecemento da loita a favor dos dereitos e liberdades das mulleres encabezado na iraniana Shirin Ebadi é un novo xiro xeo-estratéxico do premio Nobel da Paz. Achegar, en vez de enfrontar. É a mensaxe. Outras mulleres como Rigoberta Menchú ou Teresa de Calcuta recolleron tamén este premio. O paradigma feminino enxalzado, é dicir, as contribucións de diferentes mulleres dende diferentes ópticas a un discurso de xustiza social para as mulleres reaparece no espacio público e da comunicación. Asemade, a aparición na axenda política da participación das mulleres nos procesos de negociación e reconstrucción de países, fíxose patente por primeira vez, na Resolución 1325 do Consello de Seguridade que se efectivizou tras a guerra en Afganistán, na propia Conferencia de Bonn e a consulta desenvolvida entre as mulleres afganas no 2001, que inspiraron a creación do Ministerio de Mulleres, Dereitos e Seguridade que dirixe Habiba Sarabi, como salienta a Memoria anual 2002-2003 da UNIFEM. No ano 2002 as mulleres representaban menos dun 15 % nos parlamentos nacionais de todo o mundo. As mulleres, xunto cos nenos e nenas, son as que máis sofren a pobreza e as que a guerra directa ou indirectamente converte en víctimas. A plasmación do lema “os dereitos das mulleres son dereitos humanos” ten a súa evidencia no cambio que supuxo o tratamento das violacións, que pasan de ser consideradas como crime contra a honra a seren consideradas como crime contra a humanidade. UNIFEM interveu o ano pasado en máis de 25 países en situación bélica. Sen embargo, as estatísticas non falan por se soas e menos no caso das mulleres. É imprescindíbel analizar as causas que provocan estas situacións: a da infrarepresentación, da victimización e discriminación das mulleres na sociedade internacional actual. ¿Podemos falar dun cambio de paradigma no estudio das Relacións Internacionais? ¿Son as mulleres un obxecto de análise, como suxeitos e actores internacionais?. Sen dúbida algunha, as escolas rurais clandestinas durante o rexime Talibán en Afganistán evidencian a viabilidade das estratexias educativas. Betty A. Reardon é unha das mellores expoñentes do vencellamento entre as posturas feministas e pacifistas. Fagamos memoria. O comezo da Terceira Época das Relacións Internacionais, para Jill Steans, radica xustamente na escenificación por vez primeira en diversas conferencias anuais (México, Beijing) da toma en consideración de asuntos como a xustiza de xénero. Eis, a existencia de catro textos fundamentais: a Convención para a eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres (CEDRAW); a Plataforma de Acción Beijing, 1995 elaborada na Cuarta Conferencia Mundial; a Resolución do Consello de Seguridade da ONU 1325, Mulleres, Paz e Seguridade; e finalmente o Desenvolvemento dos obxectivos do Milenio. Todos eles deberan ser suficientes para enmarcar as actuacións dos organismos internacionais e dos países no tocante ás mulleres. Sen embargo, o avance que supón a introducción do enfoque das mulleres nas políticas internacionais non se corresponde coa práctica, como xa avisamos antes. Cando se apoia a invasión de territorios como o iraquí, e se permite o aniquilamento do pobo palestino as brechas entre os homes e as mulleres volven aparecer. Se as teses posmodernas de Donna Haraway pensaban un ciborg non moi remoto como superación das diferencias entre os homes e as mulleres, certamente é que a comezos do s. XXI (quitando a minoría dos países que supoñen a Europa Occidental e para iso coas súas periferias e centros), atopámonos con que as mulleres pobres son cada vez máis pobres, e que en situacións de guerra e posguerra ven como se radicalizan as diferencias entre os xéneros. As respostas para as mulleres pasan por afastarse dun universalismo cargado en exceso de etnocentrismo, que integre as diferencia culturais e relixiosas, mais que fagan valer as ideas da Ilustración: emancipación, xustiza, etc. Aí está o discurso das ecofeministas hindús. É de salientar como na variable xénero operan as dimensións de etnia, clase idade, etc. Se Penélope non ficara en Ítaca, a viaxe da nosa heroína debuxaría un mapa internacional actual como os dos lusiadas, cun EUA querendo relatar un novo poema épico do momento. No século XXI, pese aos avances tecnolóxicos e a globalización, hai intentos de querer voltar aos principios da Idade Media, con señores medievais e damas a quen defender. En poucas palabras, un retroceso para as conquistas sociais e, especialmente, para as conquistas das mulleres. ¿Que máis pode acontecer agora?. Estamos a inmunizarnos, ante tanta información. Aínda así, a posta en marcha dun novo portal web de UNIFEM, que se estreará este xoves 30 de outubro, vai ser unha nova canle que facilite o coñecemento e a análise dos conflictos internacionais e das súas consecuencias para as mulleres, as primeiras que perden o seu status de cidadás, de suxeitos activos, como resultado das guerras. Este vai ser un dos actos programados para a conmemoración do terceiro aniversario da Resolución 1325 do CS. Agardemos que as conclusións das xornadas de discusión se recollan tamén en primeira páxina. |
|
Iria Alonso Casares é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/10/2003 |