| Presencia-Opinión |
| A guerra e a crise da seguridade colectiva Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Tempos Novos, abril/2003) |
|
É difícil pensar nunha posguerra cando a guerra non está definida en termos clásicos e non se sabe cando comeza nen cando remata. Nas proprias manifestacións da estratexia oficial dos Estados Unidos e de moitos analistas fálase de que tanto as operacións no Afganistán como as de agora no Iraq son ‘campañas” dunha guerrra moito máis ampla, declarada polo Presidente Bush logo a seguir da destrucción das Torres Xemelgas. Unha guerra que, ademáis, vai mudando de obxectivos finais, ainda que predomina entre eles o máis flexible, que é a eliminación do terrorismo. Obxetivo que non é posible saber cándo se alcanza, ainda que o reduzcamos a un só xénero de terrorismo, que sería aquel que causóu a catástrofe detonadora do conflicto. Con todo, a invasión do Iraq provocóu máis claramente que a de Afganistán un remuíño de insatisfacción, polo menos, e de condena moi xeneralizada da actuación unilateral dos Estados Unidos. Ao resultares imposíbel obter unha resolución máis do Consello de Seguridade e actuar sobre a base da Resolución Número 1441, os Estados Unidos e os seus escasos aliados, criaron unha situación que parece sinalar a crise das Nacións Unidas, facer maior o foso entre Washington e os seus aliados na OTAN e por de manifesto una fenda da Unión Europea entre a Gran Bretaña e España por unha parte e os estados membros, orientados polo chamado eixo franco-alemán pola outra, que concretaron a sua posición có anuncio de veto de Francia a todo posible proxecto de resolución naquel senso. As consecuencias que isto poda ter para o que se chama unha futura orde mundial son, como é natural, moi graves. Dito en poucas palabras, trátase de se vai prevalecer un sistema de seguridade colectiva ou unha potencia hexemónica que impoña a sua “pax”. Non convén idealizar moito os sistemas de seguridade colectiva. É unha nobre idea, que encarnou primeiro no pasado século na Sociedade das Nacións e despois nas Nacións Unidas. En ámbolos dous casos criouse o sistema ao sair de conflictos bélicos que se xuzgaba intolerabeis en termos dunha humanidade que parecía ter atinxido un nivel de maduridade moral incompatíbel con tan brutal uso da forza armada. En ámbolos dous casos tamén, o sistema foi ideado polos vencedores da guerra. Cando falamos das Nacións Unidas estamos falando de duas cousas moi diferentes: os chamados organismos especializados (FAO, UNICEF, OMI, etc.) e o órgao que da efectividade á seguridade colectiva, é decir o Consello de Seguridade. Mentras que os organismos levan a cabo un labor que, en xeral élles recoñecido, e potencian a cooperación internacional en condicións por veces moi dificeis e con duros atrancos; o Consello de Seguridade, resolveu realmente moi poucos conflictos. O veto concedido ás grandes potencias vencedoras na Segunda Guerra Mundial é un recoñecimento de que vivimos nun mundo de potencias. Deixando aparte o feito de que a atribución de veto cristaliza a situación de hai máis de medio século e non refrexa a realidade internacional de hoxe, o procedimento é pouco democrático, e da por válido que unha decision maioritaria pode ser frustrada por ser inconveniente para os intereses dunha potencia determinada. A historia da guerra fría e a imposibilidade de lexitimar neses termos de seguridade colectiva a intervención en Kosovo demostran que o Consello é o escenario onde xogan os intereses da política real das potencias. Haberá algúns vetos menos polémicos que outros, pero non hai que esquecer que a potencia que veta hoxe a guerra pode vetar mañá a paz, “quia nominor leo”, incluso si o león non é tan fero como o pintan. Sería premature falar do fin do sistema de seguridade colectiva porque non teña servido para frear a invasion do Iraq. Talvez teña sido este o máis espectacular dos seus fracaso. Pero, polo de agora, non temos outro sistema, e quen lle desexe futuro terá que esforzarse por impulsar a reforma da Consello de Seguridade. Non vai ser doado, sen unha auténtica potencia que presione desde dentro. Pode ser que os tempos non teñan chegado para un sistema máis perfecto. E pode ser tamén que abondase agora cunha volta a unha balanza de poder na que algunhas alianzas de intereses poidesen ir configurando contrapesos á potencia hexemónica. É unha idea que semella un pouco gasta, pouco animadora de entusiasmos, moi a ras de chan. Pero non habería que desbotala sen máis, polo menos mentras non teñamos máis desenvolvidas outras posibilidades menos estatistas, que parece que se están abrindo. Unha posible encarnación, a máis falada, dese contrapeso , que sería a Unión Europea, saiu tamén moi ferida desta concatenación de acontecimientos bélicos e prebélicos. A distancia entre a postura británica e a “continental”, que non é nada novo, seguirá existindo, para ben da diversidade, pero o tecido económico e social do espacio europea imporá acercamentos. As tensións poden vir máis da ampliación deses espacios aos novos membros que deste incidente relacionado coa guerra. O que parece menos probable e a formación dun poder militar europeo. Esta última prevision débese en parte a que para que poda haber o contrapeso de poder militar e o enfrentamento dos contrincantes, que non ten por qué desembocar en guerra, son precisos espacios xeopolíticos importantes e conflictivos, relativamente baleiros de poder propio. Non se ven para a UE tais espacios onde poda actuar con independencia. Presuponse neste prantexamento a continuidade da OTAN, que semella previsible nun futuro inmediato e que exclúe a intervención armada diferenciada con intereses opostos aos dos Estados Unidos. Ábrese a interesante incognita de África, e sobre todo da África Occidental, onde os intereses petroleiros de Francia, o seu pasado colonial e os recentes indicios de disposición ao emprego das forzas armadas poden vir a ser un factor de contrapeso dos intereses petroleiros dos Estados Unidos na mesma área. Oferécense, en troques, espacios xeoestratéxicos para a consolidación en conflicto de potencias nun espacio tan tradicional como é o do centro do continente eurasiático. As potencias interesadas, amáis dos Estados Unidos , non teñen os vencellos que atan á Unión Europea e son poderes militares e económicos emerxentes: a China, en primeiro lugar, e tamén a India, ou algunhas reemerxentes, como Rusia. Outro espacio dese xénero, no que reaparecen eses contendentes, có acrécimo do Xapón, é o dos mares do Oriente. As perspectivas temporais do desenvolvimento das estratexias e os acontecimentos neses escenarios terán de ser a longa vista, pero non se pode desbotar unha aceleración en tempos máis próximos. Non anda lonxe deses desplazamentos de interés, o traslado de bases estadounidenses de Alemania aos paises do Leste de Europa, que se interpreta de primeiras como “castigo” á falta de apoio alemán á empresa do Iraq, pero revela tamén un forte interés dos Estados Unidos nos Balcáns e alén destes cará o corazón de Eurasia. Todas estas consideracións xeopolíticas veñen dun pensamento que é seguramente realista, pero que non oferece moitas posibilidades de mudanzas sustantivas da orde mundial. Só o poder hexemónico ou o mal menor da balanza de poder. Todo esto son restos de algo que puido ser novo no seu momento, pero que hoxe resulta anticuado. Se queremos procurar outros camiños, de incerto futuro e longa distancia, pero máis prometedores para o progreso humán, poderíase acudir a algunhas características que se revelaron nesta crise e que teñen que ver có que poderíamos chamar a sociedade internacional non estatal. O nome é provisorio e seguramente virá a ser mellorado coa maior visibilidade do fenómeno. As protestas da opinión pública contra a posición dos gobernos en materia de guerra e paz non son novas. Merecen atención nesta perspectiva, pero a sua efectividade, se non ha ser fume de palla ou instrumento do xogo de poder dos estados, haberá de ser asentada en mudanzas fondas do que chamamos sociedade internacional. Por debaixo da chamada comunidade internacional, que é a comunidade de estados que acabamos de ver en crise, hai realidades transnacionais e novos protagonistas aínda non afirmados. Ninguén dubida da influencia das trasnacionais por excelencia, as empresas económicas desa natureza, pero non se lles debe deixar monopolizar o nome. Transnacionais son tamén as ONG, e, sen estructura xurídica, moitísimas formas de relación personal e societaria, facilitadas pola comunicación que fai posibel a tecnoloxía moderna. Pensando desde Galicia, apresentan especial interés as realidades diaspóricas, nas que pode conciliarse a desterritorialización có mantimento da identidade como contrapeso ao unitarismo esmagador. E, naturalmente, a afirmación das entidades subestatais . Podemos pensar, por exemplo, na comparecencia das rexións no que algúns chaman paradiplomacia. Ás nacionalidades subestatais europeas que teñen proxección fora de Europa (Galicia, por exemplo) caberíalles unha actuación exemplar na superación do eurocentrismo, que é necesaria para entender e actuar no mundo que vai chegando. A idea e os ideais da America –do Norte de do Sur– , tan mal entendidas en xeral en Europa, atoparían aí vieiros de reciprocidade e de cooperación fecunda. Contribuiría tamén esa paradiplomacia a superar a lenda negra do nacionalismo como forza excluinte e a abrir todo un abano de posibilidades de solidaridade e cooperación, aspecto en que nunca foi moi brillante a historia dos estados unitarios. O estudo atento desa socioloxía internacional irá descubrindo os alicerces de outras forzas. Non é automático, nen moito menos, que esa sociedade internacional emerxente vaia traducirse nunha paz universal. Perder de vista os criterios de interés público na análise, e sobre todo na conceptualización operativa, desas novas realidades pode criar un mundo de mafias. Non faltan, pois, elementos para una futura orde mundial ben diferente. Pero conviría non confundir as aspiracións coa analise do que temos diante. Fan falta aínda moitos artellamentos para que esas realidades de fondo cheguen a conectarse e facerse efectivas no mundo internacional. |
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2003
|