| Presencia-Opinión |
| A balanza de poder: ¿un mal menor? Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Tempos Novos, marzo/2003) |
|
Semella fado ineluctábel da historia que as esperanzas dun século se frustren no seguinte. Para que esto ocurrise do XIX ao XX tivo que pasar un solpor de algo mais dunha década antes da conflagración que desmoronou as esperanzas de paz e progreso que conviviran coa decadencia da «belle époque». Do XX ao XXI a transición acelerouse. ¿Ónde foron parar, en poucos anos, as falas do «dividendo da paz» que, a seguir do fin da guerra fría prantexaba o problema de qué facer có diñeiro que xa non facía falta para os orzamentos militares? ¿E a entrada trunfal da Conca do Pacífico na primeira liña do futuro? ¿E a multipolaridade? A esperanza máxima era a dunha nova orde mundial. Foi sospeitoso que esa nobre esperanza, alimentada por séculos de pensamento e sempre lonxana das posibilidades prácticas, encontrase expresión con ese nome para indicar o programa resultante da segunda Guerra do Golfo, a de 1991. A proclamación viña de quen, ao facela, se manifestaba como o único poder capaz de realizala ou dirixila: o Presidente dos Estados Unidos de América. E a verdade é que se a orde ten que ser estabelecida por unha potencia só, a Pax Americana é a única realista. Todas as paces con adxetivo de potencia, desde a romana ata hoxe, pódense calificar tamén de imperios, con matices diversos canto a modalidades institucionais, as formas e grados de explotación, a dureza de aplicación, incluso o alcance xeográfico. O desenvolvimento técnico e científico da humanidade faría que esta pax tivese que ser a primeira que coubese calificar de mundial. Esta novedade non deixa de impor limitacións e diferencias con outros sistemas máis clásicos. A orde mundial que idearon os pensadores ao longo dos séculos, alarmados e escandalizados moralmente polo sufrimento que as guerras impuñan á poboación dos estados, allea por via de regra ás ambicións dinásticas e aos enredos das chancelerías, foi sempre varios pasos por diante da realidade. Así tiña que ser, e ese é o proceso normal do avance ético. Deixaron á banda moitas veces o vencello entre as políticas exteriores dos estados e os intereses do desenvolvimento das respectivas sociedades. Este aspecto da realidade fíxose mais evidente despois da democratización lenta, difícil e moi incompleta da política interna de cada país. Podemos estar chegando a unha encrucillada en que ese e outros temas precisan de aclaración. Ao irse aproximando a realidade dunha guerra de incalculables consecuencias xa neste primer lugar do secúlo XXI, vese isto con claridade na manifesta diverxencia entre a opinión pública e as políticas estatais de moitos países. Non é novo o conflicto entre sentimento e razón de estado, pero agora vese máis claro talvez a fonda disparidade entre as aspiracións dunhas sociedades materialmente satisfeitas, por unha banda, e pola outra os intereses da política exterior dos estados. A crítica de cómo se forman e definen esas políticas sinala déficits democráticos, peso indebido de algunhas minorías e confusión propositada dos intereses de grupos poderosos cós da sociedade en xeral. Son acertadas cuase sempre esas análises e úteis sempre. Pero para estar precavidos non se debe esquecer que hai unha lóxica do crecimento que fai difícil evitar, a partir de certo grado, as ambicións imperiais. Volvendo aos modelos "clásicos" de orde mundial, poderianse reducir a dous tipos: a orde imposta e garantida por un poder hexemónico e a orde baseada nun equilibrio de potencias. Trasládase así ao internacional o que foi a evolución histórica das sociedades nacionais, dun poder absoluto a un equilibrio de poderes. Aduciuse sempre que a ausencia dun único poder ou goberno mundial non deixaba outra opción e, nese panorama, non hai escapatoria da importancia do poder, hexemónico ou fragmentado. Parecería que, a unha certa altura dos tempos, encarnar a comunidade internacional que até entón era unha entelequia nun organismo como foi a Sociedade das Nacións e despois a Organización das Nacións Unidas, abriría a posibilidade dunha nova forma de orde: a que se adoita chamar seguridade colectiva, pero que tamén poderíamos denominar, pensando máis na forma que na sustancia, orde xudicializada. O recurso á guerra poderíase evitar ou, no pior dos casos, lexitimar, acudindo a unha autoridade representativa desa comunidade internacional. Os mecanismos decisorios desas organizacións internacionais (Consello de Seguridade, poder de veto, etc.) indican xa que están lonxe de ser a solución definitiva. Ainda así, qué duda cabe de que supuxeron un avance. Pero hai unha consideración máis radical que permite entender millor a febleza desa solución. Compre lembrar que a xudicialización dos conflictos fíxose nos estados có apoio de poder e mesturada cós intereses deste. O poder rexio frente aos feudais, primeiro, o poder do estado representante da vontade popular despois. Tanto para levar o conflicto aos tribunais como para impor as decisións xudiciais, era esencial a presencia, explícita ou tácita, do poder. E así atopámonos de volta coa importancia do poder para a orde. Visto o decorrrer destes últimos tempos, ninguén pode dudar da forma dun poder hexemónico, o dos Estados Unidos. De todos os modelos, pois, parecería que só está vixente o máis arcaico. E, con todo, as dificultades con que tropeza ese poder, o cuestionamento da sua xustificación moral e algús outros aspectos, abren un panorama extratéxico que, a longo prazo, pode non ser tan desperanzado para as aspiracións que poidéramos chamar progresistas. Lonxe ainda a xudicialización, hai que partir do que se vai vendo que podería chegar nun futuro non moi lonxano. O que se ve vir é máis unha clásica balanza de poderes que unha orde xudicializada. A crise puxo de manifesto algo que os analistas souberon sempre pero que gran parte da opinión pública non quixo ver, para non perder as sempre escasas esperanzas: que a ONU é o escenario no que se representa o xogo, transitoriamente pacífico, dos poderes. Se hai un equilibrio terá que manifestarse aí, polo de agora. Se o hexemón ten poder abondo para que outros se absteñan de vetos ou o acompañen nos seus emprendimentos, así será. E, como nos tempos da balanza de poderes máis clásica, ao final, se a forza hexemónica abonda, cairá a folla de parra da aparente xudicialización, e o poder máis forte seguirá o seu curso. Foi interesante ver nestes meses como correu en forma cuase de procedimiento xudicial un proceso de xustificación da guerra que nen respondía á realidade das motivacións reais nen ninguén levaba a serio, pero que serviu para alimentar os medios de comunicación e gañar a realidade vitual que dese xeito se adquire. Pretender que se cre na xudicialidade, que non é máis que a esperanza de algúns, cuase sempre lonxe do poder, enxendra una especie de hipocrisía na que os non avisados perden forzas. Nese panorama interesa defrontar o problema de cómo se pode deter a hexemonía sen criar outro hexemón. Temer ou saber que a xudicialización precisa do poder leva a que, se non estamos dispostos a que o xuiz e a xustiza sexan os que impón o hexemón, teremos que indagar qué outros poderes, xuntos ou combinados, poden opoñérselle. Falamos aquí dos Estados ou agrupacións de Estados que poderían chegar a servir de contrapeso á potencia hexemónica. A máis evidente, con fichas xa no taboeiro, é a Unión Europea. E dentro dela Francia é a voz máis expresiva desa pretensión en tempos recentes. Pode ser útil singularizala para unha análise encamiñada a non dar cobertura idealista a intereses ben realistas. O terreo evidente das varias e encontradas ambicións estratéxicas é, de inmediato, Asia Central e o Oriente Próximo, e pisándolle os talóns, África Oriental. O petróleo é unha das claves en ambos casos. Non o único factor, pois tamén interesa, en termos máis amplos, o control militar e político desas zonas, e sinaladamente da primeira. En ambas ten intereses manifestos Francia. Os intereses petroleiros de Elf Aquitaine non son máis benévolos que os das compañías texanas. Falta a forza para impolos, e por iso Francia preferiría una solución pacífica e cooperativa. Solución que coincide, sen dúbida, coas aspiracións pacifistas e humanitarias, pero non sirve de base para construccións desta desexable natureza no futuro, pola motivación que leva acobillada. Maís unha vez, pode interesar a esas aspiracións, pero quen as promova terá que ter moi craro que está xogando nunha perspectiva de balanza de poder clásica, vella se si quer, pero aínda vixente. Na África Occidental a presencia, incluso militar, de Francia afírmase de xeito pouco compatíbel coa ideoloxía "oficial" da UE, e disfruta dunha benevolencia nos medios de comunicación que resulta sorprendente a primeira vista. Está presente neses medios, seguramente, o concepto da balanza e a procura de equilibrio, que favorece aos menos poderosos, coa esperanza de que se desenvolvan até chegar a ser un rival críbel da potencia hexemónica. Ese rival sería, por suposto, a Unión Europea. Pero cál chegue a ser a lideranza e os mecanismos decisorios da Unión son cuestións importantes desde este punto de vista e desde outros tamén, polas consecuencias que poden ter na eficacia militar e xeopolítica. Cabe tamén a posibilidade de que os graves problemas económicos da Unión empioren coa guerra do Iraq, e a de que moitos dos novos integrantes atopen difícil a defesa dos seus interes nacionais e económicos no marco comunitario. Na posición pública de Alemania, por citar o outro membro do eixo máis "pacifista" da UE, maniféstase una nova encarnación da ansia de cobertura moral dun pobo aínda non normalizado de todo, a pesares do tempo que pasou xa desde a sua última desafortunada afirmación no mundo. Pero hai tamén ambicións cara ao Leste, que teñen que ser, e seguramente son, pacíficas, pero que non deixan de despertar receios nos seus veciños deses lindeiros. Non se pode contar moito polo de agora con a Unión Europea como rival da hexemonía. A división que se fixo patente na preguerra indica as dificultades de chegar á escala en que se pretende asentar o futuro poder. A ampliación en curso non presaxia un camiño doado cara esa meta. E hai moitos que pensan que, comoquer que sexa, a Europa unida de máis perdería moito dos valores que inspiran a retórica ou as conviccións dos seus apaixoados. Rusia vai tardar en encontrar o seu posicionamento. Pero non parece que caiba esperar que non defenda os seus enormes intereses petroleiros e enerxéticos nin que sacrifique as suas forzas armadas. Turbulenta de máis a sua situación políca e social, e consciente da sua historia e das suas perspectivas de futuro, non semella que vaia chegar a pensar que pode esperar máis de Europa que dos Estados Unidos ou da China. A diferencia de Europa, ten intereses importantes nos confins do Extremo Oriente e aspiracións no Pacífico. A outra rexión na que podería emerxer un contrapeso é a do Extremo Oriente. A Conca do Pacífico non parece prometedora para esta análise, porque é un concepto máis económico que xeopolítico. A China é o candidato obvio. O xogo pola hexemonía rexional está sendo complicado, e o grado de apoio nos Estados Unidos para ese xogo merece ser observado. Tamén alí o prantexamento é clásico e non da moito motivo para pensar que poda aportar outra cousa que un contrapeso na balanza. Lonxe tamén de solucións mais ideais e desexabeis, pacíficas e xudiciais. A opinión pública revelouse, sobre todo en Europa, con forza especial na oposición aos planes bélicos dos Estados Unidos contra do Iraq. O New York Times expresou ese fenómeno decindo que existen hoxe duas potencias no mundo: a dos Estados Unidos e a da opinión mundial. Outra forza ou ameaza é a do terrorismo de alcance internacional, é decir a das accións violentas, con obxetivos indirectos moitas veces, contra o statu quo. A primeira desas forzas é pacifista ou polo menos exixe, para que se desencadee unha guerra, motivos xustificados e probados ante unha institución de seguridade colectiva para entrar nunha guerra. A segunda non, por definición: é a guerra por outros medios. Ningunha das duas é nova. O que sucede é que, máis unha vez, as condicións criadas polo desenvolvimento da tecnoloxía amplifícanas e danlles unhas posibilidades que non tian nas suas formulacións clásicas. Hai moito que analizar nunha e noutra. O que interesa aquí é o seu potencial na formación dunha orde mundial que supere o hexemonismo e a balanza de poder clásica. O terrorismo prantexa problemas especiais a un pensamento progresista, neste eido como noutros. Non todos son de natureza ética. Hainas prácticas tamén. O ponto de inflexión entre a destrucción e a construcción é de natureza política e rara vez ou nunca escapa á configuración preexistente. O menos que se pode decir é que é un aliado perigoso e difícil de controlar. En todo caso, a violencia desesperada dese xénero está moi lonxe, no tempo e na lóxica política, do estabelecimento dunha orde mundial que non sexa hexemónica. A movilización da opinión pública é, con certeza, esperanzadora. Revela, entre outras cousas, as deficiencias das democracias oficiais e o abismo entre gobernantes e gobernados. Pero non parece que sexa factor que poda actuar máis que por unha mediación política que, hoxe, non pode ser outra que a dos estados. Nese paso invitable polo poder político verase temperada e diluida polos intereses estatais, nos que pesan os da economía capitalista e, por non citar outros e ser estes moi importantes, polos da industria armamentista. Mesmo por iso, a voz da rua pode acabar apoiando estratexias estatais que están ben lonxe do sentimento que esa voz manifesta. Sigue tan lonxe como sempre a orde mundial xusta proposta como ideal nobremente humanitario. A “nova” orde apreséntase como hexemónica e imposta, pero cunha curiosa insistencia en cubrir as formas e as consultas multilaterais que é nova na historia. Talvez se abra aí unha fenda para unha futura evolución. Non é este un xuicio moral senón táctico. Non se negan os ambiciosos propósitos de fondo, pero analisando esta preguerra albíscanse os pontos en que podería vir asentarse un futuro xogo de poderes. Polo de agora, o mal menor que se nos apresenta como máis ou menos inmediato é a lenta reaparición dun xogo de poderes. Unha idea tan vella como a da balanza do poder pode voltar a ter virtualidade. Na historia non hai pontos finais, e os prantexamentos apocalípticos non son moi fecundos. Despois das guerras a historia continúa, e a política, coas suas grandezas e miserias, ofrece o terreo para o avance traballoso cara ao progreso. A análise implacabel, realista e continua da realidade é tan indispensabel para os “idealistas” como para os “realistas”, por utilizar eses termos da teoría das relacións internacionais. Compre insistir en que os protagonistas dun futuro xogo de poderes non se ven aínda con claridade. Aos protagonistas non estatais parece que lles queda moito camiño para chegar a exercer a función que talvez lles caiba un día. Pero unha característica dos conflictos, sobre todo dos armados, é que en pouco tempo crían dinámicas novas. Haberá que estar atentos a esas dinámicas. |
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2003
|