| Presencia-Opinión |
| Un camiño de rosas en Macedonia Por David Reinero González (Canal Mundo, 04/03/2003) |
|
Durante este mes de marzo a Unión Europea asumirá a súa primeira misión militar no marco da Política Exterior e de Seguridade Común (PESC). Será en Macedonia e baixo o nome de “Harmonía Aliada” despregarase medio milleiro de soldados no que suporá o bautizo da Forza de Reacción Rápida. Con ela, a UE quere amosar ó mundo que máis aló do seu poder económico é tamén quen de xestionar por sí soa asuntos militares. Para iso escolleu unha misión dabondo sinxela como para que saia mal. Unha misión á medida do que se pretende sexa unha exitosa inauguración da compoñente militar da PESC. Macedonia foi o último eslabón da longa cadea de conflictos xurdidos da exIugoslavia. Ano e medio despois de que as cousas se tranquilizasen un chisco en Cosova (ou de que alomenos o conflicto deixara de aparecer nos medios de comunicación) comezaron en Macedonia problemas semellantes ós que arrasaron toda a rexión dende hai unha década. A minoría albano-macedonia, concentrada nas zonas fronteirizas con Cosova e Albania, viñera denunciando reiteradamente o incumprimento dos seus dereitos por parte do Goberno macedonio de Skopje. A principios de 2001 comezaron a actuar grupos violentos e a represión das forzas macedonias acrecentouse. Naquel momento, a comunidade internacional, coa aquiescencia do Goberno e da incipente guerrilla albanesa, interviu na zona a través da OSCE e da OTAN. Por unha banda, a OSCE, que leva no país dende a súa independencia en 1991, contribuía cos seus observadores a garantir o respecto por parte do Goberno da minoría albanesa; mentres, a OTAN comprometiase a desarmar ós grupos guerrilleiros e paramilitares. Os obxectivos, en gran parte pola colaboración das dúas bandas en conflicto, acadáronse rápidamente. A OTAN deu por rematada a súa Misión de recollida de armas (co nome de “Colleita Esencial”) en outubro de 2001, pero aceptou a “petición” das partes para permanecer na zona cunha misión reducida a tarefas de protección dos observadores da OSCE. E esa é a misión que agora cubrirá a Unión Europea: sustituirá coas súas tropas ás da OTAN para escoltar ós observadores da OSCE. A experiencia da UE é nula nestas tarefas e sempre dependeu do “saber facer” da OTAN, pero o sinxelo do caso e as ganas de que a primeira vez saia todo ben non fan prever ningunha complicación. Ademáis, se hai un interese claro, como é o caso, en que todas as partes implicadas desexan a participación da UE e dentro da propia Unión non hai grandes disensos nin entre membros nin entre organismos (ou alomenos estes encubríronse axeitadamente), os recursos serán abundantes. E con diñeiro é difícil que as cousas saian mal. Pero como non todo vai ser unha análise positiva, habería que mirar un pouco máis aló no tempo e argumentar tamén posibles complicacións. Como elemento desestabilizador poderíase presentar a prolongación da influencia sobre a zona do conflicto na vecina Cosova, pechado en falso de forma aínda indefinida. Se o problema dos refuxiados non retornados se mantén por moito tempo e coincide con algún tipo de catalizador das iras étnicas (unhas vindeiras eleccións de calqueira tipo, por exemplo), se cadra as cousas se complican demasiado e a UE pódese ver afogada nun vaso de auga antes calmo. Habería que ver entón se nese caso ou no de calquer outra complicación Estados Unidos ou Turquía, tralas actuais “discrepancias” ante a guerra no Iraq, estarían dispostos a que a OTAN sacara as castañas do lume á UE retomando o control das operacións. Un veto entón podería ser un pago proporcional ós servicios non prestados agora pola “vella Europa”. |
|
David Reinero González é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2003
|