Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Leer el artículo en castellanoOs orzamentos portugueses non perden o tren
Por David Reinero González (Canal Mundo, 21/10/2003)
 
 

A pasada semana a ministra portuguesa de Finanzas, Manuela Ferreira Leite, presentou no Parlamento a súa proposta de lei dos Orzamentos do Estado para 2004. Neles séguense a manter, por terceiro ano consecutivo, as “receitas extraordinarias” para conte-lo déficit por debaixo do tres por cento do PIB, tal e como ven reclamando a UE a varios países, entre eles Alemaña, que nos últimos anos se “despistaron” no cumprimento do devandito criterio de converxencia.

En 2004, boa parte deses obxectivos conseguiranse en Portugal a costa da venda de patrimonio por valor de mil millóns de euros e continuando coa promesa de reforma estructural que logrou empurrar ó poder ó centro dereita. Dende a oposición non tardaron en saír as voces que critican que esas medidas representarán menos crecemento, menos poder de compra e menos emprego nun país que hai un par de anos estaba orgulloso de ter un índice de desemprego de a penas o 4 por cento, só por debaixo de Luxemburgo e Holanda na UE. Agora, o propio goberno xa advirte de que é posible que se supere o 6 por cento de desemprego.

Pero á marxe dos problemas e debates nacionais, na elaboración dos orzamentos lusos xurdiu un debate que afecta directamente a Galicia: a posta en marcha do AVE. Cando a economía portuguesa comezou a quedar estancada en 2001 despois de anos de continuo crecemento trala súa entrada na UE, os políticos portugueses comezaron a avalia-la oportunidade de acometer unhas obras faraónicas nunha etapa na que se lles reclamaba un recurtamento do gasto público. A iso sumouse a desgana amosada dende o lado español, envorcado nas liñas de alta velocidade ó litoral mediterráneo. Pero agora, sen deixar de lado esa política de austeridade, o Goberno portugués (alomenos o seu primeiro ministro) semella ter clara a necesidade de seguir dando pasos cara adiante.

Hai dúas semanas, a ministra de Finanzas dixo en Bruxelas que “probablemente, para facer o AVE non se faga calquera outra cousa” engadindo que non sabía dicir “en qué momento vai ser feito”. Tres días despois, o primeiro ministro Durão Barroso matizaba esas declaracións dicindo que lle dera indicacións á súa ministra para “lle dar grao de prioridade en termos de orzamento” ó proxecto.

Polo momento, os orzamentos para o próximo ano recollen a continuación dos estudios para a rede de alta velocidade nos eixes Porto-Lisboa, Porto-Vigo e o transversal a Madrid que partiría dalgún punto intermedio entre Lisboa e Porto. Durante o vindeiro ano está prevista a conclusión dos estudios de viabilidade técnica, económica e ambiental de tódolos trazados e o estudio de impacto socioeconómico na industria. Esta consignación orzamentaria será unha boa carta de presentación do executivo portugués de cara ó próximo cumio ibérico que se celebrará o vindeiro mes en Figueira da Foz. Agora tocaralle mover ficha ó Goberno español. O AVE a Portugal segue estando lonxe, pero menos.

 
 

David Reinero González é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2003
Fernando Pol