| Os suecos din “nej” ó Euro: causas e consecuencias Por Benjamín Kienzle (Canal Mundo, 07/10/2003) |
|
O goberno socialdemócrata de Göran Persson sufriu unha derrota clara no referendo de hai dúas semanas, no que o 56,1% dos suecos rexeitou a adhesión do seu país á zona euro. So o 41,8% votou a favor. Aínda que as sondaxes xa prevían unha victoria do campo “nej” (non), a claridade do resultado foi abraiante, xa que tódolos partidos grandes, líderes económicos e medios de comunicación apoiaban a introducción do euro. Ademais, despois do tráxico asasinato da aprezada ministra de Exteriores e defensora do euro, Anna Lindh, existía a posibilidade de que o campo “ja” (si) podería mesmo ter ganado o referendo. Pero, ¿por qué votaron os suecos tan claramente contra o euro? En primeiro lugar, a campaña en prol do euro non puido convencer ós suecos, que son, en xeral, escépticos no que se refire a Europa. A pesar de que a campaña estivo máis cá ben financiada, as diferencias no partido socialdemócrata, mesmo no goberno, e entre parte dos directores de empresas nacionais, a debilitaron, en particular porque a oposición –os verdes, a esquerda e os sindicatos- estivo máis unida. De tódolos xeitos, isto non pode explica-la clara derrota do goberno. En segundo lugar, Göran Persson e outros defensores do euro argumentaron despois do referendo que a mala situación económica de Alemaña e Francia –en parte consecuencia da ríxida política monetaria do Banco Central Europeo (BCE)- desanimou ós electores suecos. Pero o primeiro ministro e o seu equipo deberían ter previsto esta situación económica en Europa e, deste modo, non concentrarse nos argumentos económicos. Nomeadamente, non non deberían ter prognosticado melloras na situación económica de Suecia co euro, porque Suecia ten menos desemprego, un crecemento económico máis alto e un estado de benestar máis xeneroso que a maioría dos países da zona euro.¿Por que reparar algo que non está roto? Non significa isto que non existan argumentos económicos en prol do euro, por exemplo, a supresión dos efectos negativos das variacións dos tipos de cambio. Porén, hai tamén argumentos económicos na súa contra, por exemplo que catro dos cinco socios comerciais máis importantes de Suecia non teñen o euro (Noruega, Dinamarca, Reino Unido e os EEUU). En xeral, o futuro do euro e os seus efectos prolongados son aínda incertos. Non podemos saber a onde chegará. Consecuentemente, Göran Persson non debería ter defendido o euro con argumentos económicos senón, máis ben, con argumentos políticos, xa que o euro é principalmente un proxecto político para levar a cabo a integración europea. Ó mesmo tempo, non se decatou de que o medo dos suecos ó euro é esencialmente un medo político. ¿Por que? Por máis cá actual situación económica de Suecia, posta en comparación coa europea, influíse definitivamente no resultado do referendo, as verdadeiras causas son máis fondas e de índole política. A maioría dos suecos sabe que a súa situación económica pode cambiar –con ou sen o euro-. Pero saben tamén que coa “krona” e unha política monetaria independente e democraticamente lexitimada, Suecia, en caso dunha recesión económica no país, ten máis medios para intervir. Pola contra, o BCE, que é o responsable da política monetaria da zona euro, so ten o obxectivo principal de estabiliza-la moeda, pero non o crecemento económico nin a seguridade dos postos de traballo nos países membros. Ademais, o BCE, en Francfort, é unha institución afastada para a maioría dos europeos e dificilmente controlable polos seus representantes. Polo tanto, os suecos temían perde-la súa influencia democrática sobre a economía sueca na zona euro. Un anuncio da campaña dos opositores ó euro, citado polo Guardian, aclárao: “¿Seis directores de banco deberán controla-la túa economía? Si á democracia, non á UME”. Este temor vese aumentado pola falla de lexitimación democrática de toda a UE: o 60% das leis nacionais son o resultado de decisións europeas –pero non dos representantes dos cidadáns de Europa-. Por todo iso, os suecos rexeitaron a introducción do euro, pola falla democrática da política monetaria da UE, e da UE en xeral. Göran Persson podería ter loitado por unha maior democracia da política monetaria europea como preludio do referendo, cousa que tería moitos efectos positivos. Primeiro, lle tería permitido defende-lo euro como un proxecto político que integraría Suecia nunha Europa máis democrática e estable. Segundo, non soamente podería ter convencido deste xeito ós suecos máis facilmente, senón tamén ós británicos e dinamarqueses. Terceiro, tería levado adiante a democratización e integración da UE. Pero na forma en que o fixo, é dicir, concentrándose nos argumentos económicos, os suecos estarán fóra da zona euro, cando menos, ata 2013, e tódolos outros europeos terán aínda unha zona euro con fundamentais fallas democráticas. Ademais, os defensores do euro no Reino Unido, incluído o primeiro ministro, Tony Blair, xa non poden continuar coa adhesión á zona euro; para iso, terían necesitado o estímulo dun “si” sueco”, xa que o punto de partida é incluso máis problemático no Reino Unido cá en Suecia. Cando menos, os suecos utilizaron os seus dereitos democráticos para rexeita-la súa incorporación a un proxectos con fallas democráticas e acadaron, deste xeito, unha victoria para a democracia sueca. |
|
Benjamín Kienzle, estudiante en prácticas no IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/10/2003 |