Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Nacionalismos
Irlanda do Norte e as eleccións do 26 de novembro
Por Benjamín Kienzle (Canal Mundo, 18/11/2003)
 
 

Unha semana antes das eleccións á Asemblea de Irlanda do Norte, o resultado está aínda completamente aberto. Sen embargo, unha sondaxe recente publicada no diario The Belfast Telegragh indica que non se poden esperar grandes cambios: en cada comunidade, unionista e nacionalista, o partido máis moderado supera en pouco ó partido máis radical. En concreto, o Partido Unionista do Ulster recibe o 26% dos votos e o Partido Socialdemócrata e Laborista o 22%, mentres o Partido Democrático Unionista e o Sinn Féin reciben o 20%, respectivamente. Cun resultado tan equilibrado, é moi probable que as confrontacións entre unionistas e republicanos e entre os defensores e opoñentes ó Acordo do Venres Santo continúen – rematando probablemente nunha nova paralización do proceso político de Irlanda do Norte – xa que os partidos norirlandeses non solucionaron os espiñosos asuntos do desarmamento do Exército Republicano Irlandés e da reforma da policía. Non obstante, as campañas de elección amosan tamén, aínda que máis ben de xeito inadvertido, que a situación política de Irlanda do Norte mellorou en moitos respectos.

O simple feito de que se celebren eleccións verdadeiramente democráticas nunha sociedade en posguerra como Irlanda do Norte supón unha mellora significativa. Dende o Acordo do Venres Santo, Irlanda do Norte ten un sistema de votación complicado que garante a representación real da sociedade norirlandesa e impide a dominación da comunidade maioritaria como nos anos anteriores a 1972, cando Londres impuxo o goberno directo (“Direct Rule”). Ó mesmo tempo, os Republicanos non están a levar a cabo a súa política tradicional de “abstencionismo” (“abstentionism”), é dicir, están a participar nas eleccións, aínda que se absteñen no Parlamento. Así, tódolos partidos toman parte realmente no proceso político norirlandés. Ademais, e en contraste a moitas sociedades posguerra, a violencia non ensombrece as eleccións. Tódalas organizacións paramilitares – tanto as lealistas como as republicanas – non utilizan medios violentos para influír de calquera xeito os resultados electorais.

Este desenvolvemento reflíctense nos manifestos dos partidos. Malia que aínda son radicais e opostos e non reflicten as tradicionais divisións políticas entre a dereita, o centro e a esquerda doutros países da Europa occidental, son considerablemente máis moderados do que hai uns anos. Máis notablemente, o Sinn Féin, que avogaba por unha Irlanda unida mediante o uso da violencia durante décadas, conténtase agora con propostas pacíficas para aumentar a cooperación entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte. Ademais tódolos partidos dan cada vez máis importancia ós asuntos de “pan e manteiga”, como se di en Irlanda do Norte, i.e. ós asuntos sociais e económicos concretos coma por exemplo a reforma da feble sanidade. Polo tanto, é moi probable que algúns nacionalistas moderados dean incluso o seu voto a candidatos unionistas a prol do Acordo do Venres Santo para apoialos contra os opoñentes do Acordo.

Aínda que ás veces é importante destacar estas melloras na situación política de Irlanda do Norte – en particular á vista das décadas anteriores ó Acordo do Venres Santo – non se pode asegurar que os cidadáns norirlandes as percibisen e, en consecuencia, dean o seu voto ás voces da razón. Os cidadáns aínda poden facer posible unha victoria electoral dos partidos máis radicais e/ou en contra do Acordo do Venres Santo.

 
 

Benjamín Kienzle, estudiante en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/11/2003
Fernando Pol