Leer el artículo en castellanoTo read the article in EnglishPresencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
A rehabilitación de Libia
Por Benjamín Kienzle (Canal Mundo, 16/09/2003)
 
 

Dende hai dúas décadas Libia é un estado excluído da comunidade internacional e denunciado publicamente como “estado terrorista” polos gobernos do Occidente. En efecto, varias organizacións paramilitares, como por exemplo o IRA de Irlanda do Norte, recibiron axuda masiva de Trípoli, cuxos mesmos axentes deixaron ademais unha pegada de sangue en Europa: aínda non se esqueceron os atentados á discoteca “La Belle” en Berlín en 1986, o avión francés sobrevoando Níger en 1989 e, sobre todo, o avión da Pa Am sobre a cidade escocesa de Lockerbie en 1988.
Pero foron precisamente os gobernos dos países máis afectados -Francia, Alemaña e Reino Unido na UE e os EEUU- os que levaron a cabo o erguemento das sancións da ONU impostas a Libia polo atentado de Lockerbie en 1992. Aínda que a ONU suspendera xa as sancións en 1999, o erguemento formal supón de tíodolos xeitos unha asombrosa viraxe na política interior dos países máis poderosos do mundo, en particular porque non veñen acompañadas dun cambio de rexime. Entón, ¿cales son as razóns que explican esta viraxe?

Libia, baixo o seu indiscutible líder Gadafi, cambiou radicamente a súa política despois da imposición das sancións. En xeral, tentou achegarse a Occidente, concretamente á UE. Para iso renunciou ó terrorismo e ofreceu pagar polos seus vellos pecados: por exemplo no caso de Lockerbie pagará 2,7 billóns de dólares ás familas das 270 víctimas a cambio do erguemento das sancións. Ademais, recoñeceu a súa culpa nunha carta á ONU e extraditou ós sospeitosos a un tribunal escocés desprazado á Haia, que ó remate condeou a un deles a cadea perpetua. Por certo, un camiño semellante de xustiza, aínda que moi longo, debería ter sido tamén o camiño a elixir por cada estado liberal despois do 11 de setembro. De calquera maneira, Libia comezou tamén a axudar ós gobernos occidentais. Por exemplo, mediou dúas veces durante o secuestro de cidadáns da UE nas Filipinas e Arxelia.

As razóns que induciron a Libia e ó seu líder a cambia-la súa política son claras: despois da Guerra Fría e do apoio soviético, Libia necesitaba urxentemente investimentos e axuda occidental, algo imposible baixo o embargo internacional. Ademais, o vello enfoque da súa política exterior –a unidade dos países árabes- foi, simplemente, un fracaso.

Para os países occidentais, o cambio da política exterior de Libia foi suficiente para ergue-las sancións da ONU, aínda que non está claro se os EEUU erguerán as súas sancións neste mesmo momento. Cumpríanse as dúas condicións básicas: ofrecemento de indemnizacións ás víctimas e fin do apoio ó terrorismo. Por suposto, o cumprimento dos dereitos humanos dentro do país non foi unha condición, a pesar de que Libia os viola en gran medida. Porén, o Occidente puido evitar un cambio de rexime forzado que, como amosa o caso de Iraq, tería sido moi caro. Cómpre non esquecer tampouco que a UE, en particular Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia e España, teñen fortes intereses económicos en Libia: o 50% do total das importacións de Libia proveñen de países europeos que, ó mesmo tempo, son destino do 70% das súas exportacións. Ademais, o 90% das exportacións de petróleo de Libia van á UE e satisfacen, segundo a Comisión Europea, o 51% da demanda italiana, o 13% da alemana e o 5% da francesa.

En resumidas contas, a coincidencia destes intereses cos intereses do rexime en Trípoli e os cambios na política exterior de Libia fixeron posible o erguemento das sancións. Nun nivel máis teórico isto amosa que tarde ou cedo os antigos “estados revolucionarios”, normalmente, se adaptan e son aceptados polo sistema internacional. Pero, deste modo, a defensa dos dereitos humanos deixarana sempre chantada.

 
 

Benjamín Kienzle, estudiante en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2003
Fernando Pol