Leer el artículo en castellanoTo read the article in EnglishPresencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
A ampliación da UE: ¿ata onde se estende Europa?
Por Benjamín Kienzle (Canal Mundo, 30/09/2003)
 
 

Os letóns foron os últimos que aprobaron nun plebiscito o ingreso do seu país na UE. Antes, os pobos de Estonia, Lituania, Polonia, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia e Hungría así coma o Parlamento da parte grega de Chipre xa dixeron “si”. Isto significa que en maio de 2004, durante unha Conferencia Intergobernamental, estes países ingresarán oficialmente na UE, aumentando o número de membros de 15 a 25 países. Aínda que non é a primeira onda da ampliación, si é máis grande da historia da UE, reto que esboza cuestións importantes sobre o seu futuro.
Normalmente, estas cuestións están relacionadas con problemas internos como o dos poderes decisorios ou a distribución das subvencións. Sen embargo, se esquece con frecuencia que a ampliación aínda non rematou, e que países coma Romanía, Turquía ou mesmo Marrocos desexan entrar na UE. Daquela, a UE ten que tratar tamén cuestións internas. Unha das máis fundamentais é ¿qué outros países deben ingresar na Unión “Europea”? ou, noutras palabras, ¿ata onde se estende Europa?. Ata o de agora se aplicaron tres liñas de argumentación diferentes: a xeográfica, a histórico-cultural e a cívico-constitucional.

A argumentación xeográfica basease na idea das fronteiras “naturais” de Europa, coma o Océano Atlántico ou o Mar Mediterráneo, excluíndo da UE a tódolos países que quedan fóra destas fronteiras. Sen embargo, non existen fronteiras tales, que sexan aceptadas de xeito xeral, en particular no Leste. Ademais, a maioría conduciría a problemas prácticos. Por exemplo, os Urais e o Bosporus, posibles fronteiras europeas no leste (“a Europa do Atlántico ós Urais” de De Gaulle) dividirían dous países: Rusia e Turquía.

Debido a estes problemas, algúns teóricos e políticos conservadores (por exemplo Valery Giscard d'Estaing e Helmut Kohl) utilizan argumentos histórico-culturais para defini-las fronteiras europeas. O argumento máis frecuente é o dunha Europa caracterizada polo seu patrimonio cristián común, excluíndo ós países musulmáns coma Turquía. Sen embargo, a idea dunha Europa cristiá distanciase da realidade actual e da histórica: Turquía e o seu predecesor, o Imperio Otomán, foron parte integral de Europa hai séculos. Arxelia foi parte oficial do estado francés ata 1962 e membro da CEE antes que Portugal ou España e, esta última, en por si, foi un país musulmán durante oitocentos anos. Hoxe en día, millóns de musulmáns viven en Europa e, como mínimo, xa existe un país musulmán en Europa: Bosnia. Ó mesmo tempo, moitos estados da UE son estados laicos, nos que o cristianismo perdeu a súa influencia.

Consecuentemente, so queda unha liña de argumentación: a cívico-constitucional. Segundo esta argumentación, Europa é unha entidade definida polos valores que garanten a defensa dos dereitos humanos, a democracia parlamentaria e a constitucionalidade. En principio, calquera país que desexe ingresar na UE e que comparta eses valores, podería facelo. Non obstante a ampliación ten, nese senso, límites prácticos en canto ás posibilidades de que os membros actuais satisfagan as expectativas dos novos membros, en particular, as económicas. Non é probable que a UE poida proporcionar a tódolos países candidatos os mesmos beneficios que aportou a Irlanda ou España. Polo tanto, na práctica, á polémica opinión de William Wallace nun artigo sobre este tema (International Affairs, 76, 3, 2000, pp475-493) non lle falta razón: “O observador desilusionado podería concluír... que a Europa institucionalizada esténdese tan lonxe coma os contribuíntes e electores da Europa occidental están dispostos a tolerar”.

 
 

Benjamín Kienzle, estudiante en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/10/2003
Fernando Pol