| Presencia-Opinión |
| ¿Unha pequena URSS pola vía aduaneira? Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 07/10/2003) |
|
Se o documento asinado o pasado fin de semana no cumio da Comunidade de Estados Independentes (CIS) se implanta ó pé da letra pode ter consecuencias graves –por non dicir fatais- en todo o espacio postsoviético. O núcleo central do convenio trata da creación dun Espacio Económico Único entre a Federación Rusa, Ucraína, Belarus e Kazakistán. Non é casual que neste contexto se fale con máis frecuencia dunha reconstrucción da Unión Soviética. Os estados asinantes do convenio foron sempre o piar do Imperio Ruso e da Unión Soviética que, tras abandona-la doutrina dunha revolución proletaria mundial, fíxose en moitos termos continuadora da política exterior zarista cara ás repúblicas eslavas e tamén Kazakistán, que no seu aspecto actual é máis cá nada un producto do rexime soviético tanto na súa estructura económica como na poboacional, con predominio da poboación inmigrante rusofalante. Nas vésperas da sinatura do convenio en Ucraína producíronse debates case violentos, onde a oposición ó rexime do Presidente Kuchma argumentaba a inadmisibilidade do devandito convenio pola súa incompatibilidade coa proclamada estratexia de integración europea de Ucraína. Cando o tema foi obxecto de discusión no Parlamento ucraíno, o novo ministro de Exteriores Hrýschenko declarou diplomaticamente que o acordo -no caso de non contravi-los acordos internacionais de Ucraína-, ten por un dos seus obxectivos restablece-los lazos económicos dentro do complexo de economía único da Unión Soviética. A súa perda causou moito dano ó conxunto da industria ucraína, mais tamén conviría sinalar que este mesmo complexo único foi a base económica sobre a que se esboroou a URSS. O presidente Kuchma prometeu que asinaría o convenio soamente se non contravén a Constitución de Ucraína, e o fixo facendo caso omiso de que, segundo o Dereito Internacional, un convenio deste tipo tampouco pode contravir outros convenios internacionais nos que participe o país asinante. Velaí onde ven moitas contradiccións os observadores estranxeiros, nomeadamente os da Unión Europea. Representantes oficiais da UE manifestaron en moitas ocasións que, se o convenio prevé unha unión arancelaria, isto obstaculizaría o achegamento de Ucraína a Europa. A pesar de moitas declaracións oficiais en prol da opción europea, o convenio dos Catro é unha mostra evidente de un paso práctico cara Rusia. Por esa razón, o embaixador de Ucraína na Romanía, antigo viceministro de Exteriores e embaixador nos EEUU, Buteiko, presentou a súa demisión como protesta. Pola evidente orientación do convenio, o presidente de Moldova, Voronin, non obstante a súa ideoloxía comunista (equivalente a dicir “simpatías pro-Rusia”), dixo que a alianza dos Catro prive de senso a permanencia de Moldova na CIS, e que, agora, ten máis sentido a busca de formas de afiliarse canto antes á UE. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/10/2003 |